06 abril 2010

A Alcaldesa De Arteixo Reclama Á Xunta De Galicia A Inmediata Supresión Da Peaxe Da AG-55

“Esta suposta bonificación na peaxe da AG-55 é unha auténtica desfachatez. Dende o Goberno de Arteixo seguiremos reclamando o que sempre reclamamos: a inmediata supresión dunha peaxe que non debería existir”.

Así de contundente se mostraba a Alcaldesa de Arteixo, Dna. Pilar Souto Iglesias, ante o anuncio que o Goberno da Xunta de Galicia facía hai uns días con respecto ás rebaixas na peaxe da AG-55, “unha autopista que non é tal, posto que foi proxectada como autovía, e como tal debería ser de uso gratuíto”, comentaba a rexedora local.

A medida anunciada pola Xunta contempla unha reducción do 25% no pago da peaxe a partir dos 2 viaxes, e do 50% en caso de facer catro viaxes, pero soamente será aplicable no caso dos usuarios que empreguen a telepeaxe, algo que, ao entender da mandataria arteixana “é un agravio comparativo inaceptable, porque obriga aos usuarios a contratar un servizo que ten custo de mantemento, se queren gozar destes descontos. Descontos que, por outra banda, son a todas luces insuficientes, sobre todo tendo en conta que no mes de xullo a peaxe, que agora é de 45 céntimos, pasará a ser de 50 céntimos. Ou sexa, que por un lado anuncian un desconto que só será operativo para que viaxe máis de 2 veces ao día e teña telepeaxe, e por outro aumentan o custo da peaxe para o resto dos usuarios”.

A Alcaldesa de Arteixo insistía nas súas palabras na importancia de recoñecer que “esta autopista, que foi proxectada como autovía sen peaxe segundo o propio señor Cuiña asegurou en reiteradas ocasións durante o proceso de expropiación, converteuse logo en autopista de pago, algo que contra o que xa se protestou no seu momento, e que seguiremos a reclamar, con máis motivo cando esta vía é un dos accesos máis importantes a Arteixo, un Concello cun entramado industrial e laboral que conta con centos de persoas que, cada día, se desprazan até aquí por motivos de traballo, e que, ao atoparse coas vías sobrecargadas, optan pola AG-55 como a alternativa máis lóxica ao seus desprazamento diario. Moitas desas persoas son traballadores con soldos básicos, para os que o pago de case 1 euro diario de peaxe supón un desembolso considerable. Obrigarlles a adquirir a telepeaxe –que, insisto, ten custo de mantemento- para acceder a uns descontos que non son nin moito menos os desexables, é unha burla.”

O conflicto da peaxe da AG-55 ven de lonxe, segundo a propia Alcaldesa explicaba, posto que “cando se expropiaron os terreos para facer esta vía, o entón Conselleiro, o señor Cuíña, asegurou que sería unha autovía sen peaxe. Con esa premisa se estableceu o custo dos terreos expropiados, para logo facer unha autopista de peaxe, algo a todas luces intolerable.”

A primeira edil insistía no seu discurso na necesidade “acuciante que Arteixo ten de mellorar os seus accesos. Seguimos á espera de que a Xunta poña en marcha o novo proxecto da Glorieta de Sabón, que cada día soporta atascos e retencións enormes, e que ralentiza a entrada e a saída do municipio, facendo perder tempo a todos os traballadores que, día a día, vense na obriga de atravesar este nudo de estradas”.

Pilar Souto facía especial fincapé na postura do Goberno Local de Arteixo a este respecto, “tal e como xa fixemos público en moitas outras ocasións, á última, tras o derrumbe do talud á altura do Quinto Pino, a nosa postura é clara: reclamamos a supresión inmediata da peaxe da AG-55”.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.