27 septiembre 2011

Moción sobre o incremento do prezo medio da Vivenda en Galicia por parte da Xunta para aumentar os impostos


MOCIÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A consellería de Facenda,  ven de aprobar a Orde de novos prezos medios no mercado para os inmobles rústicos e urbanos para os exercicios de 2010 e 2011. Estas valoracións afectarán aos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, que no seu conxunto teñen unha previsión de ingreso (segundo orzamento aprobado para o ano 2011) por un importe total conxunto de 509 millóns de euros.

As novas valoracións conteñen un aumento xeral  moi significativo e  xeneralizado no prezo dos inmobles considerados en relación ás valoracións anteriores. Incrementos que resultan inxustificados e inexplicables na actual coxuntura, e dos que,  ademais,  non se facilitou pola Xunta de Galicia a información comparativa necesaria.

Os valores anteriores en vigor se achegaban e mesmo as veces superaban os propios prezos de mercado. E se na situación da vivenda nos últimos anos aconteceu unha rebaixa nos prezos da vivenda e solo no mercado -  tal e como demostran os índices e estatísticas oficiais -  non parece en absoluto razoables, senón todo o contrario, os novos valores.

Asistimos pois a un aumento impositivo importante e substancial, que a Xunta de Galicia tenta encubrir como unha modificación técnica de valores. E que afectará de xeito xeneralizado a todos os galegos e galegas que herden ou compren unha vivenda (ca súa praza de garaxe, e trasteiro) ou un local.

Segundo a Orde de 28 de xullo publicada no DOGA do 19 de agosto de 2011, estes prezos medios terán ademais efectos retroactivos xa que se aplicarán “para os exercicios de 2010 e 2011”, o que implicaría que a propia administración autonómica se auto corrixe, posto que facilitou unha serie de valores para todo o ano 2010 e boa parte do 2011 que agora alterará. Invalidar ditos valores anteriores provocará incorreccións nas declaracións formuladas e aumentos impositivos a tales declaracións, cando o lóxico e normal sería que, canto menos,  a entrada dos novos valores foxe dende o momento de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, e nunca podería ter efectos  retroactivos.

Se incumpren ademais as promesas de reducións impositivas realizadas polo actual Presidente do goberno autonómico e polo Partido Popular. E  isto sen ningunha clase de explicación previa ou información por parte da Xunta de Galicia, que parece tenta agochar este aumento impositivo, cun subterfuxio técnico, provocando xusto o efecto contrario do que prometera en campaña electoral en relación as reducción impositivas.

Esta situación está a provocar un claro prexuízo para todos os veciños e veciñas do concello de Arteixo que poderán observar un incremento dos impostos vinculados coa compra e transmisión de inmobles para familias e empresas, mentres a situación económica está a deteriorar as rentas do traballo, medran as dificultades para o acceso a financiamento e o mercado de vivenda está paralizado.
           
Por todo o cal, na defensa dos intereses dos veciños e veciñas do concello de Arteixo e ante o grave prexuízo que representa para as economías familiares do concello a decisión da Xunta de Galicia, o Grupo Municipal  Socialista  de Arteixo presenta ao pleno desta corporación a adopción do seguinte


ACORDO:

O Concello de Arteixo  insta ao goberno galego:

-        Á derogación da Orde de 28 de xullo de 2011 pola que se aproban os novos prezos medios no mercado para determinados inmobles rústicos e urbanos para os exercicios de 2010 e 2011.

-        Á aplicación das valoracións previas as modificacións derivadas de esta Orde e á revisión das mesmas para detectar posibles sobrevaloracións dos bens inmobles.

-        A non aplicar, en ningún caso, revisións retroactivas.

-        A desenvolver iniciativas que garantan o dereito constitucional a una vivenda digna.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.