08 febrero 2012

Nota de prensa do Grupo Municipal Socialista do martes 7 de Febreiro de 2012

martín seco (voceiro do psdeg-psoe de arteixo) : “o pp malgasta o tempo e os cartos de tódolos veciños, en amañar as cuestións privadas da igrexa e dos poderosos aos que lles debe obediencia ”


          A semana pasada, foi un auténtico esperpento escoitar as múltiples noticias que aparecían nos medios de comunicación referentes ao goberno do PP neste Concello, culminadas por unha entrevista ao señor Calvelo nun medio escrito, cunha crítica feroz contra os membros da oposición, utilizando continuamente o insulto e a mentira nos temas que trataba, sen preocuparse por explicar unha xestión que deixa bastante que desexar.

         Nesta pasada semana púxose, unha vez máis, de manifesto que os intereses dos nosos actuais gobernantes do Partido Popular, está en traballar ao ritmo que lle impoñen os seus amigos da igrexa e do capital deste Concello, intentando solucionar os problemas urbanísticos que o señor Pose, deixou no seu mandato e facilitarlle a solución dos problemas do “todo vale” aos poderosos, que unha vez máis volven a gobernar o noso concello.

         Comezamos a semana cun comunicado, no que anuncian que intentarán legalizar á Igrexa de Arteixo co novo Plan Xeral, actuación feita irregularmente, no escandaloso mandato do señor Pose, onde se practicou a política do “todo vale” e polo que estamos a espera de reclamacións patrimoniais que poden deixar tocada a economía do noso concello.

         Despois apareceu a noticia, do intento de legalización da ampliación do Campo de Golf de Larín, instalación que os mandatarios do PP, correron a inaugurar, sabendo que se levara a cabo sen licencia municipal e con informes negativos da Xunta de Galicia que cualificaron o terreo como protexido, ademais existe unha orde de paralización do anterior goberno municipal que debido a non sei que intereses ocultos, o actual goberno trata de obviar e só intenta legalizar a instalación, escapando da súa responsabilidade de facer cumplir a Lei e repoñer a legalidade.

         Máis adiante, apareceu unha noticia nun medio escrito, onde o alcalde, perigosamente ousado, aseguraba que legalizará a UA-6 da Praza das Viñas, contra un informe elaborado pola Arquitecta Municipal, á que tacha de facer un informe sen fundamento técnico e continua a declaración, avalando o edificado, sen explicar que pasa co exceso de habitabilidade, a redución das zonas verdes e do sistema viario, así como a ausencia do 10% do aproveitamento urbanístico. Así é fácil entender porque o Concelleiro de Urbanismo, non forma parte da Xunta de Goberno e non asina nada referente ao urbanismo, tratando así de escapar das responsabilidades que lle poderán traer, estas ousadas actuacións, no seu futuro como funcionario en excedencia da Axencia para a Legalidade Urbanística.

         Rematamos a semana coa noticia de que o Concello de Arteixo gastou máis de 7.000 euros, no traslado dun Olivo pertencente á propiedade da Igrexa que se moveu dende o campo da Igrexa de Morás ao campo da Igrexa de Uxes. Dita actuación, se fai con cartos de todos nós, para levar a cabo unha obra en terreos privados e cunha árbore de propiedade privada. Dende o Concello unha vez máis, volven a reafirmarnos na idea, de que o Partido Popular do Señor Calvelo utiliza os cartos de todos, en iniciativas que contenten os seus amigos da Igrexa e dos sectores economicamente máis favorecidos, sen ter en conta que se utilizan os impostos de todos nós para facelo. ¿Alguén dubida agora de para que se aprobou, contra o criterio legal da maioría dos Concellos do noso entorno, a chamada ordenanza de licenzas exprés?. Dende o PSOE, unha vez vistas as últimas actuacións, pensamos que única e exclusivamente, para favorecer os intereses duns poucos, favorecendo a falla de control das licenzas e a arbitrariedade na inspección destas.  

         Por outra banda e facendo referencia a entrevista aparecida este Domingo nun medio local, queremos deixar varias apreciacións e contestacións as mentiras vertidas polo señor Calvelo:

·        Este señor afirma non ter contado co apoio da oposición para a elaboración do Plan de Emprego. O Partido Socialista, tense posto a súa disposición para falar e acordar aqueles temas que sexan beneficiosos para todos os veciños do noso Concello, como repetiu moitas veces nos plenos do Concello, pero non fumos chamados en ningún momento para poder facelo e ata o día de hoxe non temos o plan de emprego na nosa propiedade, algo que o PP se nega a facilitarnos ata por escrito. Ademais xa non existen Comisións Informativas onde poidamos aportar o noso gran de area, nin se convoca a oposición para falar destes temas.

·        Cando fala de AUGARSA, o señor Calvelo debería de explicarlle aos veciños de Arteixo que na anterior lexislatura, o goberno se atopou cun problema derivado dunha privatización ruinosa feita polo goberno do PP, e que tódolos grupos, na anterior lexislatura, excepto o PP, intentaron poñer as bases para solucionar o problema, pero careceron da participación do Conselleiro que lle da a maioría á parte pública da empresa mixta, e polo tanto da capacidade de tomar decisións, e ¿porqué?, por que o Conselleiro do PP, negábase a participar nas Xuntas de dito organismo facendo imposible a solución deste tema. ¿Porqué o facía?, ¿Tiña algún interese en que as cousas continuasen como están?, ¿Tiña medo a ir contra a parte privada de AUGARSA?, ¿Porqué? Son moitas das preguntas que o señor Calvelo e o PP deberían de contestar, antes de acusar a ninguén de deixación de funcións.

·        No tema do PXOM, os partidos da oposición seguimos sen ter ningún tipo de información sobre os seus avances e non se convocou nunca a Comisión de Seguimento do Plan Xeral ata esta data co que malamente podemos aportar no seu desenrolo.

·        O máis incrible é ver como o señor Calvelo, vende como un éxito, a negociación da reforma da Rotonda de Sabón. Cando nesta lexislatura e baixo o seu mandato, pasamos dunha rotonda de tres niveis e cunha actuación inmediata, a unha rotonda de dous niveis, que non absorberá o futuro tráfico da zona, e que seguimos agardando a súa execución, a cal se fai, sen que a Xunta puxese enriba da mesa o presuposto necesario para levala a cabo e tendo que acudir o auxilio da Deputación da Coruña, para que intente presupostar o que a Xunta de Galicia non quere pola súa falla de compromiso con este Concello ao que ten esquecido. Por outro lado, isto se agrava máis cas últimas noticias de que o vial do novo Porto de Langosteira, pódese demorar ata dous anos coa chegada do novo goberno do señor Rajoy, poñendo en evidencia, unha vez máis, a falla de compromiso do goberno do PP coas nosas infraestruturas e facendo se cabe, máis grande, a figura do ex ministro Blanco, que tanto premiou a inversión e as infraestruturas no noso territorio e que agora a Ministra Pastor vai a tratar de paralizar. Porque aínda que se me acuse inxuriosamente, por parte do señor Alcalde de ser o afillado do señor Blanco, o que teñon a  sorte de coñecer dende a miña xuventude, e co que teño traballado a reo hai bastantes anos, xa lle gustaría o Partido Popular ter un representante no seu goberno coa dedicación e o compromiso que tivo o señor Blanco con Galicia e tamén co noso Porto Exterior. Ademais, a miña actividade política e o meu dia a dia en Arteixo non está baixo discusión, levo traballando gratuitamente en política preto de 20 anos e 6 vivindo e participando na vida deste concello, non aparecín nesto, aproveitándome do trampolín dunha asociación de veciños para vir a vivir da política municipal nun concello onde nin tan sequera resido eu e a miña familia, demostrando ata o momento unha falla de formación política e de altura persoal que están a converter o Concello de Arteixo nun campo de batalla, para logo ser dócil e “ben mandado” cos seus superiores no PP de A Coruña, co señor Pose e a señora Vila Vilas e cos ricos e poderosos deste Concello.


            Asdo:                                            
Martín Seco García
Voceiro do Grupo Municipal Socialista de Arteixo


No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.