05 septiembre 2012

Moción para pedir que o Pleno do Concello se una ao Manifesto DECIDIR FANOS LIBRES e esixa o mantemento da Lei de saude sexual e reprodutiva e da interrupción do embarazo




MOCIÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Ante a intención manifesta do actual Goberno de España de reformar a ley 2/2010, de 3 de marzo, de salud sexual y reprodutiva y de la interrupción voluntaria del embarazo, en termos claramente restritivos e de eliminación de dereitos, máis de 140 organizacións de mulleres, colectivos en defensa da sanidade e entidades sociais, uníronse baixo o manifesto “Decidir fainos libres” que aposta claramente polo dereito das mulleres a decidir libremente sobre a interrupción do seu embarazo como parte fundamental dos Dereitos Humanos das Mulleres, porque o exercicio deste dereito non pode ser regulado polo Código Penal.

Unha vez máis o Goberno do PP, ante a ineficacia da súa política económica, optou por aplicar a súa política ideolóxica máis conservadora, recortando os dereitos das mulleres. Unha perda de dereitos que suporía un risco para a saúde e a vida das mulleres, omitindo a obrigación do Estado de acordo á normativa europea e internacional, de referendar a protección e seguridade xurídica en materia de dereitos sexuais e reprodutivos.

O dereito a decidir das mulleres sobre os seus corpos e as súas vidas está enfrontado co prototipo de feminidade que discrimina ás mulleres e que pretende impor o Goberno con esta anunciada reforma.

Con esta moción seguimos as recentes recomendacións que Nacións Unidas realizou a España, con ocasión da revisión do cumprimento do Pacto Internacional de Derechos Económicos, Sociales y Culturales (PIDESC), onde recoñece os dereitos ao traballo, educación, seguridade social e o dereito a garantir o máis alto nivel posible de saúde, incluíndo a saúde mental, sexual e reprodutiva, sen discriminación algunha. Nelas Nacións Unidas recomenda ao noso Estado/España garantir a plena aplicación da Lei Orgánica 2/2010 de 3 de marzo de 2010 en todo o territorio nacional e a adopción dun procedemento básico común a todas as comunidades para garantir un acceso equitativo á interrupción voluntaria do embarazo; para asegurar que o exercicio da obxección de conciencia por parte de médicos e doutros membros do persoal sanitario, non constitúa un obstáculo para as mulleres que queiran pór fin a un embarazo.

Por tódolo anteriormente exposto, propoño ó pleno desta Corporación a adopción do seguinte,

ACORDO:

Dar traslado ao Goberno da Xunta de Galicia e o Goberno Central dos seguintes acordos:

1. Este Concello acorda adherirse ao manifesto “DECIDIR FAINOS LIBRES” elaborado pola Plataforma Estatal en Defensa dos Dereitos Sexuais e Reprodutivos que agrupa máis de 140 organizacións sociais e de mulleres. Así mesmo, comprométese a colaborar coa Plataforma Galega recentemente constituída, que integra a 27 organizacións de toda Galicia, promovendo a través dos medios de comunicación locais e con actividades a difusión do Manifesto.

2. Este Concello acorda esixir ao Goberno Central o mantemento da ley 2/2010, de 3 de marzo, de salud sexual y reprodutiva y de la interrupción voluntaria del embarazo. No mesmo sentido, acorda instar ao Goberno da Xunta de Galicia a poñer todos os medios necesarios para a implementación de dita Lei, de xeito que garanta que as mulleres na nosa comunidade poidan exercer o seu dereito á interrupción voluntaria do embarazo.


MANIFESTO “DECIDIR FAINOS LIBRES”

Diante do anuncio por parte do Goberno do Partido Popular de reformar a actual Lei Orgánica 2/2010 de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, as organizacións abaixo asinantes MANIFESTAMOS:

A nosa indignación ante o retroceso que suporía a posible reforma da lei no recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

A nosa absoluta negativa a aceptar un recorte na liberdade e autonomía das mulleres no relativo á súa sexualidade e a decidir sobre a súa maternidade. Se non podemos decidir, non somos libres.

O noso desacordo co fondo argumental –ideoloxicamente retrógrado e manipulador- co que se pretende xustificar a reforma.

A nosa repulsa diante do feito de que a vulneración dos dereitos das mulleres sexa o resultado do selo ideolóxico do PP.

Por todo o antedito,

DENUNCIAMOS que a perda de dereitos en saúde sexual e reprodutiva poñería en maior risco a saúde e a propia vida das mulleres. AFIRMAMOS, pola contra, que o goberno está obrigado, de acordo coa normativa europea e internacional, a referendar a protección e seguridade xurídica en materia de dereitos sexuais e reprodutivos.

DENUNCIAMOS que a coacción e limitación no uso das liberdades individuais das mulleres constitúe “violencia de xénero estrutural” e AFIRMAMOS, pola contra, a inquebrantable vontade das mulleres de vivir unha vida libre de Violencia e de coaccións.

DENUNCIAMOS que o recorte nas liberdades das mulleres é debido á presión da xerarquía eclesiástica católica e de grupos ultraconservadores. AFIRMAMOS, pola contra, a necesidade dunha sociedade laica e democrática libre de imposicións relixiosas.

DENUNCIAMOS a lamentable argumentación decimonónica que salienta como único dereito da muller o da maternidade sen libre elección. AFIRMAMOS, pola contra, o noso dereito a decidir sobre os nosos corpos e as nosas vidas, nunca de acordo con un prototipo de feminidade que discrimina ás mulleres.

DENUNCIAMOS a arbitrariedade no manexo e uso do concepto “dereitos”, xa que a aceptación dos dereitos humanos das mulleres é incompatible coa súa regulación no código penal. AFIRMAMOS, pola contra, que onde hai “dereitos” non hai “supostos” e que o exercicio dun dereito non é punible.

DENUNCIAMOS que a negación dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres leva aparellado un retroceso en cuestións tan básicas como a educación sexual ou a mellora no acceso á anticoncepción, incluída a de urxencia. AFIRMAMOS, pola contra, que existen, SI, dereitos específicos da mulleres en saúde sexual e reprodutiva e debe haber, xa que logo, dereito a prestacións específicas na carteira nacional básica de servizos sanitarios.

PORQUE DECIDIR FAINOS LIBRES






No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.