25 junio 2013

“No mes de Febreiro denunciamos o abandono ao que tiña sometido o goberno de Calvelo á parroquia de Chamín, pedindo o urxente precinto e posterior arranxo do parque infantil e biosaludable desta parroquia ademais de que o goberno continuase coas xestións do anterior goberno ante as reivindicacións da súa Asociación Deportiva con respecto ao prometido campo de fútbol. Pero catro meses despois, se celebraron as festas desta parroquia sen que o PP busque solución para o campo de fútbol e vendo como a situación do parque infantil segue a ser a mesma, sen o precinto pertinente e con desprendementos cada vez de maior tamaño”


Dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo, denunciamos no mes de Febreiro a situación do parque infantil e biosaludable da parroquia de Chamín e pedimos un urxente precintado deste parque antes de que un dos desprendementos do terreo e muro superior fixera que tivéramos que lamentarnos dun accidente nunha instalación dedicada ao lecer dos nosos rapaces pequenos. Ademais pedíamos aos gobernantes do noso Concello que actuaran con celeridade para  amañar o estado de dita instalación de uso público e garantiran a seguridade dos usuarios que utilizan este parque municipal. Aproveitamos dita denuncia para solicitar do grupo de goberno considerase a necesidade de levar a cabo unha remodelación de dito parque infantil moi deteriorado polo tempo e con evidentes síntomas de abandono por parte das autoridades, rodeado de lixo e cristais impropios dunha zona de esparexemento que usan os nosos veciños máis indefensos.

Tamén asistimos “in situ” ás conversas da nova Asociación Deportiva desta parroquia co grupo de goberno para que se continuasen coas xestións do goberno anterior para a instalación dun campo de fútbol, aparcamento e parque infantil na parcela alugada fronte á Escola da Lagoa, pero observamos unha vez máis a falla de compromiso do goberno de Calvelo con esta parroquia, que ten esquecida dende a súa chegada ao goberno.

 Despois de máis de dous anos de goberno do PP do señor Calvelo, cun espectacular dispendio de fondos públicos, podemos observar como en Chamín, se castiga aos seus cidadáns , sen ningún tipo de inversión, sen ter a súa disposición nin un local público, nin campo da festa, nin o campo de fútbol que os veciños solicitaron, e cunha estrada que calquera día vai a traer a desgraza, sen que se consiga que se autorice a colocación dalgunha instalación que evite os excesos de velocidade. Pero o máis grave é observar como a situación denunciada no mes de Febreiro do parque infantil segue do mesmo xeito, podendo causar unha desgraza no momento menos oportuno cuns desprendementos cada vez máis importantes, que fan que este grupo responsabilice ao señor Calvelo e os seus compañeiros de calquera desgraza que poda suceder alí.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.