03 marzo 2014

“Seis meses despois de someter ao Servizo de Transporte Adaptado a unha situación de ilegalidade, o Grupo de Goberno do PP semella aceptar que o sistema proposto polo PSdeG-PSOE mediante unha liña de subvencións á mobilidade por medio do servizo de Taxis é o correcto, lástima do tempo perdido e as graves irregularidades cometidas, dende a Xunta de Voceiros onde se tratou este tema e na cal nos puxemos a súa disposición para facer as cousas ben”


Dende o mes de Agosto o concello de Arteixo está a vivir unha situación de grave irregularidade no chamado “Servizo de Transporte Adaptado”, dependente da Ordenanza reguladora do servizo municipal de apoio á Mobilidade persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes. Un sistema de axuda que o concello fai anos que decidiu complementar ao prestado pola Xunta de Galicia e decidiu facelo mediante a contratación dunha empresa que xestionaba dito transporte. No mes de Agosto de 2013, o Grupo de Goberno do PP, decidiu romper unilateralmente co sistema existente de prestación do servizo por vía desta empresa, sen variar a Ordenanza, sen sacar un novo prego de contratación e sen xustificar o sistema de prestación actual de dito servizo por medio dalgúns Taxis do noso concello.

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo tratou de explicarlle por activa e por pasiva ao grupo de goberno do PP, que a utilización dos Taxis para o Servizo de Transporte Adaptado, tal e como está configurado en Arteixo non tiña acollida legal. Xa na Xunta de Voceiros de fai moitos meses, tratábamos de explicarlles a fórmula para legalizar esta situación, eliminando o actual sistema de Transporte Adaptado e a súa ordenanza para poñer en funcionamento un sistema de subvencións á mobilidade, tal e como funciona en concellos como o de A Coruña ou Ourense. Dende ese momento, e a pesar do compromiso da concelleira Bello de chamarnos para escoitar a nosa proposta, dende o Grupo de Goberno do PP, decidiron seguir co sistema actual de funcionamento que é absolutamente ilegal, como din os continuos informes dos interventores municipais, en lugar de facerlle caso a proposta do noso grupo que avogaba por continuar co sistema existente con anterioridade e proceder con urxencia a redactar e aprobar esta liña de subvencións á mobilidade.

Liña de subvencións que mellorarían moito o funcionamento tal e como está establecido actualmente polo servizo de Taxis e lle darían acomodo legal a utilización deste colectivo para tal fin. Mediante esta liña de subvencións, os beneficiarios poderían chamar directamente ás paradas de Taxis do noso concello e utilizar dito servizo con normalidade, sen necesidade de meterse na organización interna de traballo de cada un dos profesionais do Taxi e sen establecer posibles diferenzas de tarifa nun servizo que xa está regulado pola súa propia lexislación e as súas propias tarifas.

Esperemos que a Xunta de Voceiros do mércores sexa para non tratar de incidir nas graves irregularidades que xa cometeron dende o grupo de goberno, sabendo que o estaban facendo fora da lei, e que traten de establecer un sistema bo para os veciños con problemas de mobilidade e tamén para “todos” os traballadores do servizo de Taxis sen excepción, para que poidan paliar os efectos da crise con esta nova liña de subvencións. Dende o Grupo Municipal Socialista poñémonos unha vez máis a disposición do goberno local para tratar de colaborar neste tema que consideramos que ten que ser solucionado con premura.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.