21 abril 2014

Rogo do PSdeG-PSOE pedindo a devolución do céntimo sanitario



O noso Concello veu aboando, ao igual que o resto de administracións locais galegas, dende xaneiro de 2004 ata xaneiro de 2013, o Imposto sobre as Vendas Minoristas de Determinados Hidrocarburos, imposto máis coñecido por "Céntimo Sanitario" creado polo Goberno do Partido Popular en xaneiro de 2002, pagando un sobrecuste na adquisición de combustible para a flota municipal de vehículos entre os 2,4 céntimos, por litro de gasolina, e os 1,2 céntimos, por litro de gasóleo.

Unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, ditada a finais de febreiro pasado, resolveu que o citado gravame vulnera a lexislación comunitaria, indicando os xuíces comunitarios que non procede limitar os efectos desta sentenza, xa que o Goberno Español, e as comunidades autónomas que aplicaron este imposto, non obraron de boa fe ao mantelo en vigor durante máis de dez anos.

Este Grupo municipal descoñece o importe total a reclamar, se ben ten claro que, a solicitude de devolución do indebidamente pagado, debe levarse a cabo coa máxima rapidez e urxencia, toda vez que o 20 de abril prescribe o dereito para instar  o reintegro de parte do adebedado.

Nun primeiro momento procede a reclamación municipal do pagado entre marzo de 2010 e decembro de 2012, se ben instamos ó Goberno municipal a que, previa informe dos servizos xurídicos municipais, presente unha reclamación contra o Estado e contra a Xunta de Galicia, polo período de xaneiro de 2004 a febreiro de 2010, para que resarza os danos patrimoniais que sufriron as arcas do Concello, toda vez que é a súa obriga reparar os danos ocasionados polo seu mal funcionamento; neste caso por unha errónea decisión do Goberno do Partido Popular.

Ao non ser esta unha sentenza que afecte so ás administracións locais, demandamos que o Goberno municipal habilite mecanismos informativos e de asesoramento dirixidos a atender aos demais colectivos afectados, que tiveron que pagar este inxusto e ilegal gravame: particulares, transportistas, gandeiros, autónomos e empresarios en xeral.

Por todo o exposto, ROGAMOS ao Goberno Local:

1º. Que, á maior brevidade posible, os servizos xurídicos municipais  estuden as posibilidades desta entidade local cara a reclamar, de xeito correcto,  a devolución dos importes  abonados polo Imposto sobre as Vendas Minoristas de Determinados Hidrocarburos (Céntimo Sanitario) no  consumo de combustibles destinados ó parque municipal de vehículos, correspondente o período de marzo do 2010 a decembro do 2012.

2º. Que os servizos técnicos municipais avalíen a posibilidade de ampliar esta reclamación ó período impositivo entre xaneiro de 2004 e febreiro de 2010, en que estivo, así mesmo en vigor este tributo, de acordo   a lei 30/1992 de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común,  que regula a responsabilidade patrimonial  das administracións públicas e a obriga destas de reparalo dano causado polo seu mal funcionamento.

 3º. Que o goberno municipal habilite os mecanismos necesarios de información e asesoramento a particulares, gandeiros, transportistas, autónomos e empresarios en xeral do noso Concello,  sobre os pasos a seguir para a reclamación da devolución do indebidamente abonado polo concepto do “céntimo sanitario”.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.