17 marzo 2015

A Consellería de Educación inviste menos cartos na comarca dende que está o PP na Xunta

Arteixo é un dos concellos onde o Goberno de Feijóo “mira para outro lado” mentres as arcas municipais suplen as súas carencias


O investimento da Consellería de Educación na comarca da Coruña desde o ano 2009, cando o PP chegou á Xunta, deixan moito que desexar para os concellos da área metropolitana.
O gasto descendeu notablemente en comparación coa xestión do goberno autonómico presidido polo PSOE (2005-2009) no que se refire aos gastos correntes da consellería nos centros educativos destas localidades, algo que os socialistas consideramos vergoñento por tratarse dunha redución no benestar de alumnos e profesores nos colexios.
En concreto, en Arteixo son moitos os centros educativos onde o investimento descendeu desde que entrase o Goberno do señor Feijóo, como son o CEIP Ponte dos Brozos (un 17% menos), a EEI Vilarrodís-Oseiro (-28%) ou os tres institutos de Pastoriza (-5%), Sabón (-16%) e Manuel Murguía (-7%), con baixadas importantes no gasto corrente.
O candidato e portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco, lamenta este descenso e lembra que, a pesar de que en Arteixo as cifras globais falan dun incremento de 5.000 euros en 2015 respecto de 2009, esas cantidades son enganosas porque se deben á existencia dun novo colexio que, como lembra, fixo o bipartito PSOE-BNG na Xunta. De non ser así, afirma, o gasto da Consellería de Educación caería en 35.000 euros no período que leva o PP á fronte da mesma.
Con todo iso, dilapidáronse decenas de miles de euros das arcas municipais debido a que a Xunta mira para outro lado. É dicir, Feijóo abandona a súas competencias en Sanidade, Educacion e Emprego en Arteixo e, mentres, nós temos que suplir economicamente as súas carencias.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.