13 noviembre 2015

“O PP de Calvelo non ten, nin nunca tivo intención de poñer en marcha o Comedor Social para Arteixo”


Ante as noticias sobre a futura posta en marcha dun comedor social en Arteixo, que xa foi presupostado en 2014 e 2015, para logo deixalo nun caixón, o Grupo Municipal Socialista quere facer algunhas aclaracións:

O goberno de Carlos Calvelo utiliza tódolos anos unha cortina de fume cos presupostos, para prometer algo sobre o que nin tan sequera traballa, non proxecta infraestrutura, nin avalía un programa serio para levar a cabo dito comedor.

Dende o Grupo Socialista queremos reiterar que o proposto o ano pasado como Comedor Social, só era un programa de mellora na nutrición dos fillos de familias en situación de exclusión social, e cunha duración de máximo 6 meses, o que indica que era un programa formativo.

As instalacións do Centro de Formación, non están adaptadas para levar a cabo unha elaboración de comidas importante e están proxectadas só para formación, tendo incluso ata fogos de baixa intensidade para unha actividade formativa como a que se vai a levar a cabo alí.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Arteixo volvemos a pedir o compromiso e decisión necesaria no grupo de goberno para levar a cabo a construción dunha cociña centralizada, onde se poidan desenrolar actividades formativas e dar comidas para o centro de maiores, para o servizo de comidas no fogar, para todos aqueles centros educativos que o desexen, tódolos CEIPS que o desexen, IES,… e tamén comidas sociais para as persoas en situación de exclusión social. Algo que o noso grupo levaba no seu programa electoral e que o PP non desexa levar a cabo porque os servizos sociais non lle merecen o seu tempo e dedicación.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.