25 noviembre 2015

Preguntas e Rogo do Grupo Municipal Socialista sobre as Cociñas dos CEIP de Arteixo



Xa fai máis de 5 anos que a ANPA do CEIP Arteixo solicitoulle á Consellería de Educación da Xunta de Galicia a instalación dunha cociña, para dar o servizo de comedor in situ sen necesidade de ir por vía do catering, incluso o concello comprometeuse a financiar esta obra se a Xunta de Galicia se negaba a facer o seu traballo. Dende ese momento, as sucesivas directivas da ANPA pediron presupostos das obras a realizar, adaptación do piso, modificacións na extracción de gases e colocación de mobiliario de cociña, sen que nin a Xunta de Galicia, nin o concello de Arteixo avanzaran na instalación desta infraestrutura. No mes de Maio a ANPA conseguiu o compromiso de tódolos grupos políticos que se presentaban ás eleccións locais, para levar a cabo dende o concello esta infraestrutura e o alcalde Calvelo estaba entre eles.

A cociña do CEIP Ponte dos Brozos é unha instalación vella e necesitada de renovación e así o puxeron de manifesto os representantes da ANPA deste centro, que pediron a súa renovación, recollendo o apoio de tódolos grupos locais, ante esta solicitude, algo que semella que tamén cae en saco roto para os representantes da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e que para vergoña do goberno de Feijoo, terá que facerse con fondos municipais.

O pasado mes, o alcalde tratou de convencer á ANPA do CEIP Arteixo para que a comida deste colexio fose elaborada na cociña do CEIP Ponte dos Brozos, cunha cociña renovada e así facer unha xestión conxunta dos comedores, pero esta oferta fíxose sen ter en conta aos equipos directivos dos centros educativos e sen estudar a viabilidade de poder desenrolalo, tódolos grupos apoiamos a necesidade de renovación da cociña de Ponte dos Brozos e esperamos á contestación da ANPA do CEIP Arteixo para saber se desexaban seguir coa demanda de instalación dun comedor no seu centro ou aceptaban a proposta feita por Calvelo, algo que decidiron esta semana, contestando que seguían pensando que o mellor xeito de xestionar o seu propio comedor era coa instalación dunha cociña propia para os seus 150 comensais.

         O alcalde Calvelo argumentou a oferta de unificar as cociñas dos dous CEIP  do núcleo de Arteixo “por economía de escala e para dar o mesmo servizo a tódolos rapaces do noso Concello”. Se ese é o criterio do grupo de goberno, criterio de igualdade que compartimos, o grupo de goberno do PP, debería de estar facendo un estudio para construír tamén unha cociña ás ANPAS dos CEIP de Galán e do CEIP de Meicende que non gozan de esta infraestrutura e teñen espazo físico para poder tela nas antigas vivendas dos conserxes, deshabitada no caso de Meicende e proximamente tamén no caso de Galán, pola xubilación do seu conserxe.

Este fin de semana apareceu unha noticia dada polo concello, onde se fala da fala da redacción de proxectos para as cociñas dos dous CEIP do núcleo de Arteixo e o compromiso do goberno do concello para levalas a cabo, pero o realmente entregado ás ANPAS e os grupos da oposición é un presuposto do mobiliario que dende unha empresa do sector consideran que sería necesario para ambos centros, sen proxecto técnico, nin proxecto de obra, nin estudio da viabilidade técnica, nin tan sequera as necesarias autorizacións da Consellería de Educación e dos equipos directivos dos centros.

Dende o Grupo Municipal Socialista, desexábamos preguntarlle o alcalde as seguintes cuestións:

  • ¿Solicitoulle o grupo de goberno do PP a Consellería de Educación, a construción das infraestruturas prometidas nos CEIP Arteixo e Ponte dos Brozos? Se é así pedimos a documentación que acredite este feito.
     
  • ¿Ten o grupo de goberno no seu poder a redacción dun proxecto para ambas cociñas prometidas no CEIP Ponte dos Brozos e CEIP Arteixo?. Se é así pedimos a documentación que acredite este feito.
     
  • ¿Ten o permiso da Consellería de Educación e da dirección de ambos centros para a construción de ambas cociñas? Se é así pedimos a documentación que acredite este feito.
     
  • ¿Ten solicitado á Consellería de Educación ou proxectado para os CEIP de Galán e o de Meicende a instalación de cociñas, dándolle o mesmo trato que as ANPA´s dos CEIP de Arteixo?
     
    E facerlles o seguinte ROGO:
     
O Grupo Municipal Socialista rógalle ao Grupo de Goberno que unha vez máis esixa da Consellería de Educación, que faga as inversións necesarias nos seus centros educativos, entre elas, permitir e financiar a construción de cociñas nos CEIP Arteixo, Galán e Meicende, ademais de financiar a renovación da existente no CEIP Ponte dos Brozos, e se a Consellería se nega unha vez máis a atender as necesidades dos nosos centros educativos, rogámoslles que fagan os proxectos e soliciten as autorizacións de dita Consellería, e introduzan unha partida no presuposto de 2016 para levar a cabo ditas infraestruturas a conta dos noso impostos e lle solicitemos á Consellería a contía invertida.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.