04 diciembre 2015

Rolda de prensa e Moción sobre as enmendas referidas a Arteixo nos presupostos da Xunta de Galicia 2016


No día de onte levouse a cabo unha rolda de prensa dos voceiros do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, José Luis Méndez Romeu e no Concello de Arteixo, Martín Seco García, onde puxeron de manifesto os nefastos presupostos da Xunta de Galicia no 2016 para o concello de Arteixo e a comarca coruñesa, o abandono ao que somete o PP de Núlñez Feijoo a un dos 10 concellos máis importantes de Galicia e o centro dun dos dous polos económicos máis importantes da nosa comunidade é inaceptable, algo que debe trocar coa presentación de enmendas aos presupostos que redunden sobre a situación da comarca e o noso concello, que se resumen nesta moción que presentamos ao Pleno deste mes de Decembro e que vai a continuación:



 MOCIÓN SOBRE OS PRESUPOSTOS XUNTA DE GALICIA 2016

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Unha vez presentado o documento de Presupostos para a Xunta de Galicia no 2016, o Grupo Socialista, pensamos que son uns presupostos “continuístas” e acredores dunha suba “máis que insuficiente”. No debate de totalidade dos orzamentos os socialistas propuxemos mobilizar 650 millóns de euros, o 7,5 por cento do orzamento, para priorizar o emprego, sanidade, educación e políticas sociais.

Dende o PSdeG-PSOE advertimos que o orzamento do goberno galego foi concibido cunha única perspectiva electoral, ofrecendo unhas contas irreais que anuncian ao mesmo tempo un aumento do gasto e unha redución dos ingresos. Auguramos que a única forma de cadrar as contas vai ser incumprindo o déficit ou non executando as partidas que ten presentado o goberno galego.

Os socialistas propuxemos aumentar en 300 millóns de euros os ingresos previstos aumentando o IRPF para as rendas altas para incorporar maior progresividade, aumentando os impostos aos depósitos bancarios, creando novas figuras impositivas para grandes superficies comerciais ou ao medio ambiente e mellorando a capacidade recaudatoria. Ademais, propón acadar 350 millóns de euros reducindo os gastos improdutivos.

O obxectivo da reubicación destes orzamentos sería a de destinar 195 millóns de euros a un Plan de Emprego que beneficiaría a 40.000 galegos e galegas nos próximos dous anos. Ademais, as emendas socialistas incluían o impulso ao crecemento económico, o incremento do investimento en I+D e o apoio aos sectores empresariais fundamentais para a economía galega e aqueles en serias dificultades.

O segundo eixo das emendas socialistas pasa polo incremento do esforzo dirixido ás políticas sociais cun incremento de 190 millóns de euros, priorizando a recuperación dos niveis de calidade e de recursos humanos e materiais da sanidade pública.

O ensino público recibiría 50 millóns de euros para garantir bolsas de estudo, a supresión do copago de comedores, a recuperación do sistema de préstamo de libros de texto e o impulso dos programas de prevención do fracaso escolar, linguas estranxeiras e reposición de materiais informáticos. As achegas ao Sistema Universitario de Galicia e as bolsas para alumnado suporían un incremento orzamentario de 6 millóns de euros.

Dende o PSdeG-PSOE acusamos tamén ao goberno galego de asfixiar as partidas destinadas ao cuarto piar do Estado do Benestar ata o punto de que con Feijóo teñen falecido 9.000 persoas coa prestación recoñecida pero sen recibila. Tamén inclúen unha liña de axudas contra a pobreza enerxética e a recuperación da política de vivenda.

Agora toca debater e votar as enmendas que presenta cada grupo, entre elas unha batería de enmendas que afectan ao municipio de Arteixo, enmendas que se presentan ante a completa inacción por parte do goberno da Xunta nun concello importante como é o de Arteixo, onde o goberno autonómico abandona as súas competencias e non fai ningún tipo de política que sirva como motor dun pobo que necesita das administracións central e autonómica para dotar de servizos aos nosos cidadáns.

Mentres a Consellería de Educación abandona aos nosos centros e ten baixo mínimos a inversión en material e persoal docente, ten que ser o concello de Arteixo o que asuma unha inversión millonaria en infraestruturas para ditos centros,  a Consellería de Sanidade mira para outro lado ante o abandono dos centros médicos de Arteixo e a falla de persoal e material, en materia de Emprego a Xunta de Galicia segue sen sentarse a dotar a Arteixo de ferramentas que logren acabar con esa enorme taxa de desemprego que temos que vivir, dende a Xunta son incapaces de sentarse a falar de nova infraestrutura viaria e a eliminación da peaxe da AG55, algo vital para o noso concello, en materia medioambiental non existe ningún tipo de inversión nin mellora que axude a mellorar e preservar a calidade de vida dos nosos veciños, por non falar da falla absoluta de política industrial para un concello como o noso, que necesita un plan de reindustrialización para o polígono de Sabón ou a finalización do Polígono de Morás, Augas de Galicia ten esquecido ao noso concello coas necesidades de mellora no abastecemento e saneamento que ten o noso concello, ….

Dende o noso grupo presentamos as seguintes enmendas que afectan directamente a Arteixo:

Eliminación da peaxe da AG-55
Construción da Circunvalación de Meicende
Plan de Seguridade vial na AC 552
Mellora da cociña no CEIP Ponte dos Brozos
Construción de cuberta e vestiarios no pabillón do IES Pastoriza
Instalación de cociña no CEIP Arteixo
Reformas, ampliación e melloras no Centro de Saúde de Arteixo
Construción do dique de abrigo no Portiño de Suevos.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Arteixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal o seguinte ACORDO:

Instar aos Grupos Parlamentarios presentes no Parlamento de Galicia a aprobar as enmendas presentadas polo Grupo Parlamentario Socialista que afectan directamente ao noso concello, enumeradas anteriormente na exposición de motivos.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.