22 junio 2016

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DIA NACIONAL DAS LINGUAS DE SIGNOS ESPAÑOLAS "14 de xuño de 2016"

O PSdeG-PSOE de Arteixo presentou este texto para ser aprobado como Declaración Insitucional no Pleno de Xuño co sentido de voto afirmativo de tódolos Grupos da Corporación.

Con motivo do Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, que se celebrou o 14 de xuño, o Concello de Arteixo, quere poñer de relevo o valor destas linguas no exercicio dos dereitos, deberes e liberdades das persoas xordas e xordocegas, como garantes da súa participación igualitaria na vida democrática.

As linguas de signos son o resultado do proceso de mutua interacción entre bioloxía e cultura no ser humano e constitúen un gran expoñente da súa capacidade creativa e de adaptación. Como linguas naturais dan resposta á necesidade de comunicarse e interactuar co entorno, axudan a estruturar o pensamento e encarnan a historia, as visións do mundo e as emocións dos seus usuarios e usuarias.

Co seu recoñecemento a nivel estatal na Lei 27/2007, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas e se regulan os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva e xordocegas, a nosa sociedade e as nosas institucións comprométense, tanto a promover a aprendizaxe e coñecemento das linguas de signos españolas, como a garantir o seu libre uso en todos os ámbitos da vida.

O Concello de Arteixo apela a todas as institucións, axentes públicos, sociais e ao conxunto da cidadanía a actuar de forma comprometida para colocar ás linguas de signos españolas, en condicións de igualdade, en todas as esferas da vida educativa, social, cultural, económica e política do noso concello. 

As linguas xogan un rol fundamental para a convivencia e o respecto das nosas comunidades, por iso debemos articular medidas que garantan a protección das linguas de signos españolas.

O Concello de Arteixo estará sempre ó lado do que tamén defenden a igualdade, a xustiza social, a inclusión e a diversidade. Neste sentido recoñece o labor do movemento asociativo que contribuíu decisivamente a que estas linguas alcancen un status legal e social. Pero, sobre todo, agradécelle o feito de manter vivo un legado que forma parte do patrimonio común de toda a cidadanía.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.