18 agosto 2016

PREGUNTAS SOBRE A PARÁLISE E DIMINUCIÓN DOS SERVIZOS SOCIAIS EN ARTEIXO



No pasado mandato foron continuas as queixas dos usuarios de servizos sociais en Arteixo, pola falla de sensibilidade e de atención daquelas persoas que necesitan dunha atención especial. Despois de máis dun ano de mandato, e despois da chegada dunha nova responsable do PP neste departamento, lonxe de mellorar a prestación de servizos por parte deste departamento,  semella que están a conseguir o contrario.

Dende o PSdeG-PSOE de Arteixo, observamos unha paralización absoluta neste departamento, cunha diminución progresiva dos servizos que ofrece o noso concello, ademais dunha falla absoluta de coordinación, de políticas transversais e de novas iniciativas que esperábamos chegaran coa nova dirección política. Se a esta parálise  engadímoslle  aos recortes que levou a cabo a Xunta de Galicia durante estes derradeiros 8 anos, os cidadáns necesitados da atención da administración están completamente esquecidos.

Dende o Grupo Municipal Socialista advertimos dende fai moito tempo, como se estaba a eliminar o servizo que prestaba o transporte adaptado aos dependentes que realmente necesitaban deste servizo, pero tamén vemos como está paralizado o Servizo de Axuda a Domicilio, con xente coa prestación concedida e en lista de espera municipal tras case dous anos, como se paraliza o servizo de Comida a Domicilio, con xente en lista de espera despois de moito tempo e cun material que se atopa vello e en mal estado, por non entrar na posta en marcha do Comedor Social, que o PP só utiliza para facer campaña electoral e logo esquece inmediatamente.

O máis grave é observar como unha parella de veciños maiores, que está a pasar por malos momentos, ao ter unha gran dependente no seu interior, ten concedido o centro de día da Laracha e coa eliminación do Servizo de Transporte Adaptado, se lle obriga a pagar 40 euros ao día, para poder chegar ao seu destino, gustaríame que o PP explicase, como fai unha parella, cunha pequena pensión, para afrontar o custe do Centro de Día e os 800 euros de transporte para trasladar a un deles a Laracha. Dende o Grupo Municipal Socialista, xa lle pedimos aos nosos insensibles gobernantes, que non eliminaran  o Servizo de Transporte de Adaptado e combinaran as axudas á mobilidade, por vía do servizo de taxis co mantemento do servizo de transporte adaptado para persoas con alto grado de dependencia, debido a que non se axustaban as condicións do taxi, pola tipoloxía de vehículo e falla de acompañante para o traslado destes veciños. Ademais de que o funcionamento desta liña de axudas á mobilidade, está a funcionar como un servizo encuberto do concello, organizando e xestionando unha axuda, tanto aos beneficiarios como aos profesionais do transporte, algo completamente ilegal e que podería traer graves consecuencias, pola liberdade do beneficiario a utilizar estas axudas como crea convinte, dentro dos requisitos esixidos pola orden publicada, ao mesmo que os profesionais, que non poden ser tutelados pola administración local..

Dende o Grupo Municipal, desexamos preguntarlle a concelleira responsable de servizos sociais, as seguintes cuestións:

¿Canta xente está en lista de espera no SAD, coas horas de atención concedidas pola Xunta de Galicia?, ¿dende que data está en espera o máis antigo destes cidadáns?, ¿por que teñen paralizadas as altas neste servizo?

¿Canta xente teñen en lista de espera para o servizo de comedor a domicilio?, ¿ dende que data está en espera o máis antigo destes cidadáns?, ¿por que teñen paralizadas as actas neste servizo?, ¿teñen previsto renovar en breve o material utilizado para o traslado e mantemento da comida servida?

¿Son conscientes do dano que supón para os grandes dependentes a eliminación do servizo de transporte adaptado?, ¿que solución ten o departamento de servizos sociais para un caso como o antes denunciado?, ¿pode explicar de novo o sistema de axudas á mobilidade e o seu funcionamento?, ¿pode a administración local, xestionar o uso destas axudas, organizar aos beneficiarios e aos prestadores do servizo público de taxi?, ¿son conscientes das graves consecuencias que podería ter un posible encubrimento dun servizo tras unha liña de axudas?

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.