17 marzo 2017

Nota de prensa, moción e borrador dun Regulamento para a creación do Consello Escolar Municipal

Os problemas no sector da educación en Arteixo fan necesaria a posta en marcha dun Consello Escolar Municipal para tratar a falla de infraestrutura e persoal docente nos centros públicos do noso concello e que o goberno local se pronuncie sobre a problemática existente no IES Manuel Murguía co peche dos baños durante parte do período lectivo e un regulamento disciplinario que opta pola expulsión dos estudantes como método preferente fronte a outros que redunden no seu desenrolo educativo


O Grupo Municipal Socialista atópase moi preocupado ante a falla de iniciativa do goberno local e da Xunta de Galicia pola falla de infraestrutura e de persoal nos centros públicos do noso concello.

Esa preocupación medra polos problemas xurdidos coas normas de conduta establecidas pola dirección dalgún dos nosos IES, que manteñen as portas pechadas dos seus baños durante a meirande parte o período lectivo e toman como norma xeral de actuación a expulsión temporal dos alumnos por temas disciplinarios menores, renunciando a outras actuacións que redunden máis no desenrolo educativo dos estudantes.

Dende o Grupo Municipal Socialista fixemos un rogo no anterior pleno municipal para que o representante municipal no Consello Escolar do IES Manuel Murguía preguntase por esta situación e seguimos sen ter unha contestación ante as múltiples denuncias veciñais que o noso grupo recibe sobre este tema, nin tampouco sabemos a posición do goberno local ante esta situación.

Posteriormente e ata en tres ocasións, o voceiro socialista, Martín Seco, solicitou unha reunión coa dirección deste centro público para coñecer de primeira man a posición da dirección do centro e mostrarlle a preocupación por un sistema disciplinario que pode traer un resultado nefasto para o desenrolo dos nosos estudantes e cun peche dos baños que podería estar vulnerando os dereitos dos menores, como rapazas adolescentes no inicio do período de menstruación ou estudantes problemas médicos que necesitan dunha pronta utilización deste servizo público, a día de hoxe seguimos sen ter contestación por parte da dirección do centro.


Cremos que o noso Concello, nun exercicio de participación e transparencia debe poñer en funcionamento un espazo de debate para falar de tódolos temas que afectan a nosa comunidade educativa e poder desenrolar unha estratexia común que redunde nunha mellor educación para os nosos estudantes, polo que presentaremos unha moción para pedir a posta en funcionamento dun CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL do que entregamos un borrador sobre o que traballar e anunciamos que de non recibir contestación por parte da dirección do IES Manuel Murguía á nosa proposta de reunión, teremos que solicitala cos representantes de zona da inspección de educación da Xunta de Galicia, elevar a preocupación ao Parlamento de Galicia e comunicarlle dita situación á Fiscalía de Menores, asociacións polos dereitos das mulleres e asociacións de estudantes, por se estivesen vulnerando os dereitos dos rapaces que reciben a súa formación en dito centro. 

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO PARA A CREACIÓN DO CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL DE ARTEIXO


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O marco constitucional recoñece a participación como un valor fundamental na organización do sistema escolar en todos os niveis, dende os centros docentes ata o ámbito estatal, e ese valor é a única vía que permite resolver problemas e buscar solucións a partir do contraste de opinións, do diálogo e do consenso.

Por iso é fundamental educar no exercicio da participación, e esta soamente se aprende se efectivamente se practica. Nese contexto, os consellos escolares son a garantía de que calquera persoa pode exercer o seu dereito de participar no sistema educativo sen máis requisito que a súa propia opción voluntaria e sempre que sexa elixido ou designado polo sector que representa.

Os consellos municipais de educación, como instrumento de participación dentro do sistema escolar, pretenden contribuír á corrección de desigualdades socioculturais, a conseguir un ensino máis eficaz e de máis calidade, e a unir o tecido escolar implicado comprometendo aos grupos e ás persoas coa súa participación e contribucións.

Arteixo quere ser un concello educador en todos os sentidos, que viva a educación como un referente básico para a formación da conciencia cívica. Un instrumento determinante para acadar estes obxectivos é o Consello Escolar Municipal de Arteixo no que debe confluír toda a comunidade.

No Consello Escolar Municipal atoparase toda a comunidade educativa: mestres, alumnos, nais e pais, traballadores da administración e dos servizos educativos e profesionais de ámbitos diversos, e responsables políticos, entre outros.

Son moitas as solucións que un órgano desta índole pode darlle á comunidade educativa, contando coa participación de todos os sectores implicados na educación do noso Concello. Problemas como os acontecidos fai un tempo ou nestes intres coas normas de vestimenta para a asistencia á clase, o control do absentismo escolar, as normativas de conduta, a coordinación dos investimentos a realizar nos centros educativos, a creación de novas axudas para os gastos que deben afrontar as familias con menos ingresos o coñecemento das preocupacións de cada un dos sectores existentes na comunidade educativa, profesores, nais/pais, estudantes,… e a posta en marcha de iniciativas que redunden nunha mellor infraestrutura educativa e procedementos educativos debe de ser posta en marcha pola unión de tódolos implicados nesta materia.

De acordo co que dispoñen a Lei orgánica 8/1985, de 3 de xullo, reguladora do dereito á educación; a Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, avaliación e goberno dos centros docentes; a Lei 3/1986, do 18 de decembro, dos consellos escolares de Galicia; o Decreto da Xunta de Galicia 44/1988, do 11 de febreiro, polo que se regulan o Consello Escolar de Galicia e os consellos escolares territoriais e municipais, dende o Grupo Municipal Socialista cremos imprescindible e inaprazable a creación e constitución do Consello Escolar Municipal de Arteixo, elaborando para o seu desenrolo un regulamento que debe ser aprobado por este Pleno,

Por todo o anteriormente exposto, propoño ó pleno desta Corporación a adopción do seguinte, ACORDO:

O Pleno do Concello de Arteixo, acorda:

  • Poñer en funcionamento o Consello Escolar Municipal de Arteixo.
  • Convocar coa maior brevidade posible, unha Xunta de Voceiros, onde todos poidamos participar na elaboración do Regulamento deste Consello Escolar Municipal de Arteixo, do que o Grupo Socialista entrega unha proposta de borrador de traballo anexa á moción


PROPOSTA DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA PARA REGULAMENTO DO CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL DE ARTEIXO


LIMIAR

O marco constitucional recoñece a participación como un valor fundamental na organización do sistema escolar en todos os niveis, dende os centros docentes ata o ámbito estatal, e ese valor é a única vía que permite resolver problemas e buscar solucións a partir do contraste de opinións, do diálogo e do consenso.

Por iso é fundamental educar no exercicio da participación, e esta soamente se aprende se efectivamente se practica. Nese contexto, os consellos escolares son a garantía de que calquera persoa pode exercer o seu dereito de participar no sistema educativo sen máis requisito que a súa propia opción voluntaria e sempre que sexa elixido ou designado polo sector que representa.

Os consellos municipais de educación, como instrumento de participación dentro do sistema escolar, pretenden contribuír á corrección de desigualdades socioculturais, a conseguir un ensino máis eficaz e de máis calidade, e a unir o tecido escolar implicado comprometendo aos grupos e ás persoas coa súa participación e contribucións.

Arteixo quere ser un concello educador en todos os sentidos, que viva a educación como un referente básico para a formación da conciencia cívica. Un instrumento determinante para acadar estes obxectivos é o Consello Escolar Municipal de Arteixo no que debe confluír toda a comunidade.
No Consello Escolar Municipal atoparase toda a comunidade educativa: mestres, alumnos, nais e pais, traballadores da administración e dos servizos educativos e profesionais de ámbitos diversos, e responsables políticos, entre outros.

De acordo co que dispoñen a Lei orgánica 8/1985, de 3 de xullo, reguladora do dereito á educación; a Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, avaliación e goberno dos centros docentes; a Lei 3/1986, do 18 de decembro, dos consellos escolares de Galicia; o Decreto da Xunta de Galicia 44/1988, do 11 de febreiro, polo que se regulan o Consello Escolar de Galicia e os consellos escolares territoriais e municipais, proponse a creación e constitución do Consello Escolar Municipal de Arteixo segundo o seguinte regulamento:


BORRADOR DE REGULAMENTO DO CONSELLO ESCOLAR DE ARTEIXO

Artigo 1. CONSTITUCIÓN
O Consello Escolar Municipal constitúese como órgano de consulta e participación cidadá na planificación e intervención educativa do Concello de Arteixo (A Coruña), coas finalidades e competencias que de seguido se desenvolven.

Artigo 2. FINALIDADES
O Consello Escolar Municipal de Arteixo configúrase como un órgano de asesoramento, consulta, proposta e participación nos temas relacionados co ensino non universitario no ámbito territorial do municipio.
Consecuentemente, as finalidades do Consello Escolar Municipal serán as de estudio, asesoramento e emisión de propostas á Corporación Municipal e á Administración Educativa sobre todos os aspectos do ensino non universitario que incidan na poboación do concello de Arteixo, buscando a máxima participación de todos os veciños e veciñas, das entidades e dos organismos interesados no feito educativo. O Consello Escolar Municipal é polo tanto un órgano de consulta e participación dos sectores afectados na programación do ensino non universitario e na planificación dos Centros escolares no ámbito municipal.

Artigo 3. COMPETENCIAS
  1. O Consello Escolar Municipal de Arteixo deberá ser consultado pola Administración educativa e polo Concello en todas aquelas cuestións relacionadas co ensino non universitario no ámbito municipal.

  1. O carácter participativo do Consello na planificación e intervención educativa non universitaria realizarase por medio das competencias que lIe son propias: asesoramento, consulta, proposta e información nas cuestións seguintes:
a)      Convenios e acordos de colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou calquera outra Administración Pública, que afecten ao ensino dentro do ámbito municipal.

b)      Actuacións e normas municipais que afecten aos servizos educativos complementarios e extraescolares con incidencia no funcionamento dos centros docentes, tales como transporte escolar, comedores, servizos de limpeza e conservación.

c)      Actuacións e normas municipais que afecten ou favorezan a ocupación real das prazas escolares, coa finalidade de mellorar o rendemento educativo e, no seu caso, facer efectiva a obrigatoriedade do ensino.

d)      Emprazamento dos Centros docentes dentro da demarcación municipal.

e)      Prioridade nos programas e actuacións municipais que afecten á conservación, vixilancia e mantemento axeitado dos Centros docentes, de acordo coas competencias que a lexislación outorgue aos Concellos en cada momento, con especial atención á supresión de barreiras arquitectónicas.

f)       Fomento de actividades que tendan a mellorar a calidade educativa, a renovación pedagóxica, os principios da escola activa e a integración escolar, especialmente no que respecta á adaptación da programación ao medio.

g)      Competencias educativas que afecten ao ensino non universitario e que a lexislación outorgue aos municipios.

h)      Na programación de investimentos en materia educativa.

i)        Calquera outro asunto que pola súa importancia para a vida escolar do Concello Ile sexa consultado.


Artigo 4. COMPOSICIÓN
Ao abeiro do disposto no artigo 16, apartado b) da Lei 3/86 e do artigo 30 do Decreto 44/1988 dos Consellos Escolares de Galicia, o Consello Escolar Municipal de Arteixo estará composto polos seguintes membros:

  1. Presidente: O Alcalde ou membro da Corporación en quen delegue.

  1. Un representante por cada Grupo Municipal existente na corporación do Concello de Arteixo

  1. Sete profesores dos niveis educativos correspondentes ao ámbito do ensino non universitario de Galicia propostos por sindicatos ou asociacións profesionais proporcionalmente á representación obtida nas eleccións sindicais do sector docente no municipio, distribuídos de xeito que garanta en calquera caso a presenza de profesorado de cada un dos tipos de centros existentes en Arteixo: IES, CEIP, CRA e Escolas Infantís Municipais. A distribución sectorial farase con criterios de proporcionalidade segundo o número de profesores existentes en cada tramo educativo.

  1. Catro pais/nais de alumnos propostos polas Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (procurarase garantir en calquera caso a presenza de representantes de cada un dos tipos de centros existentes en Arteixo: IES, CEIP, CRA e Escolas Infantís Municipais).

  1. Tres alumnos elixidos polos representantes dos alumnos nos Consellos Escolares dos centros existentes no municipio.

  1. Sete membros designados pola Corporación Municipal do seguinte xeito:

·        Un director/a dun centro de Educación Secundaria de Arteixo e un director/a dos centros públicos de educación infantil e primaria do concello, proposto/a polos directores/as dos mesmos.
·        Un representante proposto pola/s asociación/s de empresarios do municipio
·        Un representante proposto polo sindicato máis representativo no ámbito docente do termo municipal.
·        Un representante das asociacións de veciños inscritas no rexistro municipal correspondente, a proposta das mesmas.
·        Un especialista en temas educativos nomeado polo Pleno Municipal

  1. Un funcionario/a público nomeado pola Administración educativa da Xunta de Galicia.

  1. Un representante do equipo docente da Escola Municipal de Música.

Artigo 5. DURACIÓN DO MANDATO E RENOVACIÓN DOS MEMBROS
  1. O mandato dos membros do Consello escolar Municipal será de catro cursos  académicos e farase coincidir coas lexislaturas da Corporación Municipal. Serán revogados ou ratificados por metades cada dous cursos, en cada un dos grupos polos que foron elixidos.

  1. Os membros do Consello Escolar Municipal que o sexan en virtude da representación que ostentan, perderán a condición de tales no momento de perder a calidade na que foron elixidos.

  1. Os membros designados en representación das organizacións sindicais, empresariais ou federacións de nais e pais de alumnos/as, serán ratificados ou substituídos polas instancias que os propuxeron cando teñan lugar eleccións aos órganos reitores daquelas asociacións. Sen prexuízo do anterior, poderán ser revogados se os órganos que os designaron o consideran oportuno.

  1. No caso de producirse algunha vacante, deberá ser cuberta nun prazo máximo de dous meses. O novo membro serao polo tempo que lle resta ao Consello para completar o mandato.

Artigo 6. ORGANIZACIÓN
O Consello Escolar Municipal do Concello de Arteixo estrutúrase en Pleno, Comisión Permanente e Comisións de Traballo.

Artigo 7. DO PLENO DO CONSELLO.
  1. O Pleno é o órgano superior do Consello Escolar Municipal e estará constituído por todos os membros do mesmo que se relacionan no artigo 4.

  1. Para a constitución inicial do Consello Escolar Municipal, o Concello despois de realizar as comunicacións pertinentes e de promover as eleccións sectoriais necesarias, convocará unha reunión constituínte á que deberán asistir, cando menos, os dous terzos dos seus membros. De non acadarse o quorum requirido, realizarase unha nova convocatoria no prazo dun mes.

  1. O Pleno reunirase, en sesión ordinaria, unha vez por trimestre, e preceptivamente ao comezo e final de cada curso escolar.

  1. O Pleno xuntarase en sesión extraordinaria se o considera oportuno o/a Presidente, ou ben se o solicitan por escrito, como mínimo, unha terceira parte dos seus membros.

  1. As sesións ordinarias e extraordinarias do Pleno serán convocadas polo presidente cunha antelación mínima de 3 días hábiles. As convocatorias irán acompañadas da Orde do Día da sesión, redactada polo Presidente tendo en conta as propostas da Comisión Permanente, e polo borrador da acta da sesión anterior.

  1. As sesións terán lugar en primeira convocatoria cando concorra máis da metade dos membros que legalmente compoñen o Pleno do Consello e, en segunda convocatoria,  media hora máis tarde, se concorren cando menos unha terceira parte do total dos membros. Requírese, en todo caso, a presenza do Presidente e do Secretario ou das persoas que legalmente as substitúan.

  1. Os acordos adoptaranse por maioría simple. En caso de empate terá lugar unha segunda votación e, de reproducirse o empate, decidirá o voto de calidade do presidente. O voto é persoal e indelegable.

  1. Os membros do Consello terán dereito a examinar, dende o momento da convocatoria da correspondente sesión, a documentación dos asuntos que integran a orde do día e a obter copia dela. Tamén teñen dereito a obter copia das actas das sesións da Comisión Permanente e das comisións de traballo, se o solicitan expresamente.

  1. De cada sesión, tanto ordinaria como extraordinaria, redactarase a correspondente acta que se transcribirá, despois da súa aprobación, no libro correspondente, co selo do  Consello Escolar Municipal de Arteixo e a sinatura do Presidente/a e o secretario/a.

  1. O Pleno do Consello poderá elaborar un Regulamento de Réxime Interno, que se remitirá ao Pleno da Corporación para a súa aprobación definitiva.

Artigo 8. DAS COMPETENCIAS DO PLENO
Son competencias do Pleno do Consello Escolar Municipal

a)      Debater e aprobar os informes e ditames referidos aos puntos explicitados no artigo 3 deste Regulamento.

b)      Elixir os membros da Comisión Permanente.

c)      Ratificar aos Presidentes de cada unha das Comisións de Traballo.

d)      Aprobar a creación das novas Comisións de Traballo.

e)      Aprobar a memoria anual de actuación do Consello Escolar Municipal

f)       Aprobar o informe anual sobre a situación do ensino non universitario no municipio.

g)      Elixir o vicepresidente


Artigo 9. DA COMISIÓN PERMANENTE
  1. A Comisión Permanente será elixida polo Pleno do Consello Escolar Municipal e asegurará a representación de todos os sectores.

  1. Estará formada por: o Presidente, o Secretario, os Presidentes de cada unha das Comisións de Traballo, un ensinante, un pai/nai de alumnos e un alumno/a.

  1. Xuntarase, como mínimo, cada tres meses e cando o considere pertinente o Presidente ou a metade dos seus membros. As convocatorias serán realizadas polo Presidente cunha antelación mínima de dous días, explicitando na convocatoria a orde do día da sesión.

  1. En cada sesión. Tanto ordinaria como extraordinaria, redactarase a correspondente acta.

Artigo 10. DAS COMPETENCIAS DA COMISIÓN PERMANENTE
As funcións da Comisión Permanente do Consello Escolar Municipal son:

a)      Preparar a orde do día das sesións ordinarias e extraordinarias do Pleno

b)      Preparar os temas, os informes, as propostas e os ditames para seren debatidos polo Pleno do Consello Escolar Municipal

c)      Xestionar os asuntos e acordos que lIe encomende o Pleno.

d)      Coordinar o labor das Comisións de Traballo.

e)      Elaborar a memoria anual da actuación do Consello Escolar Municipal

f)       Elaborar o informe anual sobre a situación do ensino no municipio.

Artigo 11. DAS COMISIÓNS DE TRABALLO
  1. Dentro do Consello Escolar Municipal estableceranse Comisións de Traballo que se poderán xuntar cantas veces o consideren oportuno os seus membros.

  1. En cada Comisión de Traballo haberá un Presidente, un Secretario e, cando menos, catro vocais.

  1. O Presidente de cada Comisión será elixido no seu seo, e ratificado polo Pleno do Consello Escolar Municipal. Será membro da Comisión Permanente, e portavoz da Comisión diante do Pleno. O Secretario da Comisión, que será designado polo Presidente da mesma, levantará a acta de cada unha das reunións.

  1. No Consello Escolar Municipal funcionarán, cando menos, tres Comisións de Traballo:

    • Comisión Pedagóxica.
    • Comisión de Equipamento Escolar.
    • Comisión de Planificación Educativa.

As súas propostas serán elevadas á Comisión Permanente.

  1. O pleno do Consello Escolar Municipal poderá establecer outras Comisións de Traballo, se o considera necesario.

Artigo 12. DA ASISTENCIA TÉCNICA E O ASESORAMENTO
O Consello Escolar Municipal, para tratar temas específicos e puntuais (ben sexa en Pleno,  Comisión Permanente ou nas comisións de traballo) poderá solicitar a asistencia de persoas de recoñecida valía ou coñecementos nunha materia, ou de entidades afectadas nun problema, con voz pero sen voto.

Artigo 13.- DO PRESIDENTE/A
O Presidente/a do Consello Escolar Municipal de Arteixo terá as seguintes funcións:

a)      Ostentar a representación oficial do Consello Escolar Municipal

b)      Convocar, presidir as sesións e moderar os debates do Pleno e da Comisión Permanente do Consello Escolar Municipal.

c)      Autorizar coa súa sinatura os acordos do Pleno do Consello

Artigo 14. DO VICEPRESIDENTE/A
  1. Pleno do Consello Escolar Municipal elixirá, entre os seus membros de pleno dereito un Vicepresidente/a.

  1. O Vicepresidente/a asume as atribucións do Presidente en caso de ausencia, vacante ou doenza, e desempeña as tarefas que este lle delegue.

Artigo 15. DA SECRETARIA ADMINISTRATIVA E DA DOTACIÓN TÉCNICA
  1. Secretario/a do Consello Escolar Municipal será o do concello ou o funcionario/a municipal no que este delegue.

  1. A función do secretario comprende o asesoramento legal do Consello, a fe pública de todos os actos e acordos, e a preparación dos expedientes e asuntos que vaian ser obxecto de decisión. Así mesmo, redactará as actas das sesións do Pleno e da Comisión Permanente, que serán aprobadas na seguinte reunión.

  1. O Concello de Arteixo garantirá os medios técnicos e administrativos necesarios para o desenvolvemento do Consello a través dos seus servizos municipais.
   
Artigo 16. DAS MEMORIAS ANUAIS
O Consello Escolar Municipal, ao remate de cada curso escolar, elaborará unha memoria da súa actuación. Igualmente, e como dispón o artigo 18, apartado 2 da Lei 3/1986 de Consellos Escolares de Galicia, e o Decreto 44/1988, de 11-2, o C.E.M. elaborará, ao remate de cada curso académico, un informe sobre o estado do ensino no municipio que enviará, para o seu coñecemento, á Corporación Municipal, ao Consello Escolar Territorial, e ao Consello Escolar de Galicia.

Artigo 17. DA SEDE DO CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL
A sede oficial do Consello Escolar Municipal será a Casa do Concello, e o lugar de reunión do  pleno e das súas Comisións será aquel que o Concello facilite ou o Pleno do C.E.M. acorde.

Disposición final
O presente regulamento entrará en vigor aos quince días hábiles despois da súa publicación no Boletín Oficial de Provincia, de acordo co artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Disposición adicional única
O Consello Escolar Municipal que se constitúa trala entrada en vigor deste regulamento, cesará coincidindo coa celebración dos próximos comicios municipais.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.