16 noviembre 2013

Alegacións do PSdeG-PSOE ao Regulamento Orgánico Municipal de Arteixo por unha maior transparencia, participación e democracia



Dende o noso partido valoramos o Regulamento aprobado en solitario como o maior retroceso democrático e participativo da historia da democracia en Arteixo e sabemos que este regulamento continua co camino contra a transparencia que leva dado o Partido Popular dende a súa chegada ao gobernó municipal.

As alegacións redactadas polo noso Grupo Político e que coinciden nun alto porcentaxe coas presentadas polo resto da oposición intentan poñer as vendas á ferida que dita normativa establece para tódolos cidadáns e que non só limita a participación e a democracia para os partidos políticos senon que o fai con toda a sociedade.           
Unha norma como é o ROM dun Concello debería de ser consensuada sempre entre tódolos membros da corporación para ter continuidade no tempo e algo pasará cando tódolos partidos da oposición, con membros de diferentes sensibilidades ideolóxicas, estamos profundamente preocupados e poñemos en común unhas alegacións que intentan poñer fin as limitacións democráticas que intenta levar a cabo o PP.

Agora farémosllas chegar ás asociacións veciñais para entre todos esixir do alcalde Calvelo que convoque un Consello Veciñal antes de contestar a ditas alegacións, no que se debata unha norma que implica a tódolos axentes sociais do noso concello e que deixou perplexas a moitas asociacións de veciños cando lles foi explicada por este partido político.

ALEGACIÓNS:

Eu, Martín Seco García, voceiro do PSdeG-PSOE no Concello de Arteixocon DNI *********, e con domicilio en ********************e mail a efectos de comunicación *****************, comparece ante o Pleno da Corporación Municipal e


EXPON :


No mes de Setembro de 2013 vense de aprobar inicialmente o Regulamento Orgánico Municipal do Concello de Arteixo.

Texto Aprobado: http://www.arteixo.org/informacion/ordenf/2013/rom20131017.pdf

Entendemos que este novo Regulamento aprobado e solitario polo goberno do Grupo do Partido Popular, non establece condicións de maior transparencia, democracia e participación para os/as nosos/as veciños/as que os que xa figuran nas leis que rexen o actual funcionamento municipal deste concello, e camiño de formular un regulamento que si faga posible unhas condicións de maior transparencia e participación para tódolos nosos cidadáns,  formulamos as seguintes



ALEGACIÓNS:


1.- Trocalo artigo 2: INTERPRETACIÓN DO ROM,  “alcalde ou alcaldesa” por “Pleno da Corporación Municipal”
  

        2.- Engadir no artigo 3.1 do TÍTULO I: DOS GRUPOS POLÍTICOS MUNICIPAIS “coas listas electorais dos” na segunda liña despois de corresponderán.


3.- Trocar no artigo 3.4 do TÍTULO I: DOS GRUPOS POLÍTICOS MUNICIPAIS  “un suplente” por “suplentes”


4.- Engadir no artigo 5.7 do TÍTULO I: DOS GRUPOS POLÍTICOS MUNICIPAIS ao final do punto “…e nomear os/as suplentes que o/a substitúan en caso de ausencia  e/ou enfermidade.


5.- Trocar o texto do Artigo 7.1 do TÍTULO I: DOS GRUPOS POLÍTICOS MUNICIPAIS, por: “Os grupos políticos disporán, na sede da entidade local, dun despacho ou local para reunirse e desenvolver o seu traballo de maneira independente e recibir visitas da cidadanía. Na medida das posibilidades da entidade local o Alcalde ou concelleiro da área de persoal e réxime interior poñerán a disposición dos grupos políticos unha infraestrutura mínima de medios materiais e persoais.


6.- Trocar o texto do Artigo 7.2. do TÍTULO I: DOS GRUPOS POLÍTICOS MUNICIPAIS por: “Os grupos políticos poderán facer uso de locais municipais para realizar xuntanzas e sesións de traballo sempre que estean a dispor. Estas xuntanzas non se permitirán se coinciden con sesións de pleno ou porque a dispoñibilidade de espazos para outros actos da corporación o impida. O uso dos locais por parte dos grupos políticos só requerirá comunicación da celebración da xuntanza ou sesión de traballo á alcaldía.


7.- Trocar o Artigo 22.b do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO, polo seguinte texto: “As deliberacións da Xunta de Goberno Local serán secretas agás naqueles casos en que se traten asuntos delegados polo pleno que serán públicas como dí a actual xurisprudencia”


8.- Engadir un novo artigo 22.c despois do 22.b do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO co seguinte texto: “As convocatorias das Xuntas de Goberno Local achegaránselle tamén aos/ás voceiras/os do resto de grupos políticos con representación na corporación coa mesma antelación que aos membros da mesma indicándolles a hora, lugar de celebración e  orde do día”.

O artigo 22.c pasa a ser 22.d,
O artigo 22.d pasa a ser 22.e


9.- Engadir un novo artigo 22.f. do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO despois do 22.e co seguinte texto: “O expediente cos asuntos tratados na orde do día e estarán a disposición das/os concelleiras/os da corporación unha vez rematada esta e ao longo día seguinte nas dependencias da secretaría municipal”


10.- Eliminación de todo o artigo 23.3 do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO que versa sobre a creación dun sistema de invitacións para asistir ao pleno.


11.- Eliminación do texto do artigo 23.5  do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO dende “ Non se permitirá…” ata “…reivindicacións.”


12.- Eliminación dos artigos 23.6 e 23.7 do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO


13.- Introducir no artigo 24. do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO os seguintes puntos:

k) Proposición
l) Iniciativa popular 
ll) Declaracións institucionais
m) Voto particular 
n) Emenda  
ñ) Interpelacións
o) Comparecencias.


14.-  Trocar no artigo 25. do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO dende  “En todo caso, ningunha sesión terá unha duración superior…” ata o final do artigo por: “Nas sesións plenarias establecerase un descanso de 15 minutos cada dúas horas de reunión.”


15.- Trocar o artigo 26.1  do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO polo seguinte texto: “A Policía Local velará porque o aforo sexa o axeitado ao espazo existente e só se reservará un mínimo de butacas para os membros dos medios de comunicación”


16.- Engadir no Artigo 27.1 do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO a palabra “deberá”, despois de “….delegadas/os e…” e antes de “…consultar á Xunta de Voceiros/as”.


17.- Eliminar o texto no Artigo 28.1. do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO “Cada grupo político poderá presentar un máximo de dúas mocións e os membros non adscritos unha”


18.- Eliminar o texto no artigo 28.2. do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO que vai dende “Estas mocións deberán referirse…” ata o final do artigo.


19.- Trocar o texto no artigo 29.1. do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO “non podendo exceder a xustificación da mesma de tres minutos” por “xustificará a urxencia nunha intervención breve e concisa” e engadir ao final do artigo: “…O debate rematará cunha intervención do poñente”


20.- Eliminación do Artigo 29.2. do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO


21.- Trocar o  artigo 31 do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO polo seguinte texto:

No caso de producirse debate dentro do asunto da orde do día a tratar,
cumpriranse as seguintes normas:
1.- O presidente dirixirá  o desenvolvemento da sesión e resolverá cantos incidentes poidan perturbar o normal desenvolvemento desta. Os asuntos debateranse e votaranse seguindo a orde do día, se ben por causa xustificada poderá cambiarse a orde dos mesmos ou retiralos.

2.- Para o mellor desenvolvemento dos debates, a presidencia dispoñerá que o/a secretaria/o dea lectura íntegra ou en extracto do ditame formulado pola comisión informativa correspondente, ou se trata dun asunto urxente non ditaminado por esta, da proposición que se someta ao pleno. Darase lectura íntegra daquelas partes do expediente e do informe ou ditame da comisión cando sexa solicitado por algún dos grupos municipais.

3.- No caso de producirse debate dentro do asunto da orde do día a tratar, as intervencións serán ordenadas polo Alcalde ou Alcaldesa, conforme as seguintes normas:

        a) Só se poderá facer uso da palabra previa autorización da  Presidencia.

        b) O debate comezará coa exposición e xustificación da proposta, que será breve e concisa, a cargo dalgún das/dos membros da corporación que a subscriban.

        c) Os diversos grupos consumirán unha primeira quenda por orde decrecente de representatividade na corporación ( medirase polo número de concelleiras/os, e se fora o mesmo ao de votos obtidos na listaxe electoral), empezando polo grupo mixto que repartirá o seu tempo de intervención entre as/os membros. Esta primeira intervención poderá durar un máximo de 10 minutos. O tempo poderá ser ampliado en función da importancia ou transcendencia do asunto que se trate. A ampliación do tempo nos asuntos será acordado na xunta de voceiros previa a celebración da sesión.

        d) Unha vez finalizada esta primeira quenda o poñente poderá facer uso da palabra coa  mesma limitación temporal.

        e) De o solicitar algún grupo, procederase a unha segunda quenda. A segunda intervención non poderá exceder de 5 minutos.  O poñente poderá pechar a quenda ratificando ou modificando a súa proposta. Se o poñente fai uso da palabra a alcaldía non poderá intervir mais que para someter a votación o asunto.

f) Quen se considere aludido por unha intervención poderá solicitarlle á presidencia unha quenda por alusións que durará como moito un minuto.

g) As/os membros da corporación poderán, en calquera momento do debate, pedir a palabra para expoñer cuestións de orde, invocando a norma de aplicación.

h) A intervención dalgún dos habilitados nacionais presentes durante o debate dos asuntos incluídos na orde do día quedará limitada a informar dos aspectos legais do asunto que se discuta, cando medie requerimento expreso da presidencia, ou lle dea esta a palabra previa solicitude cando entenda que no debate se suscita algunha cuestión en que puidera dubidarse da súa legalidade ou puidese ter implicacións orzamentarias.

i) As/os voceiros dos grupos, durante o debate, poderán pedir a modificación do ditame, a súa retirada para os efectos de que se incorporen ao mesmo documentos ou informes, ou que quede sobre a mesa para o seu debate e votación na seguinte sesión. O poñente poderá acceder á petición. A solicitude de retirada dun asunto da orde do día será decidida por maioría simple antes de proceder á votación sobre o fondo do asunto.

j) No caso de presentarse votos particulares ou enmendas, deberán debaterse en primeiro lugar antes do ditame ou proposición correspondente, iniciándose a intervención polo formulante, seguirá a orde establecida para os ditames e pechará o poñente.


22.- Modificar o contido do artigo 34. do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO polo seguinte texto:

Pechado o debate dun asunto a presidencia someterao a votación. Cando existan emendas ou votos particulares, someteranse a votación en primeiro lugar as emendas e votos particulares e, por último, as propostas. Se o resultado dunha votación é positivo, non haberá máis debate nin votacións sobre o mesmo obxecto concreto da votación.

Unha vez iniciada a votación esta non poderá  interromperse por ningún motivo, polo que durante o desenvolvemento da votación a presidencia non concederá o uso da palabra e ningún concelleiro ou concelleira poderá entrar e saír do salón das sesións.

Rematada a votación ordinaria, a Presidencia declarará o acordado.

Se a votación fose nominal ou secreta, o/a Secretario/a computará os votos emitidos e anunciará o resultado en voz alta. A presidencia proclamará o acordado

Proclamado o acordo adoptado, os grupos que non interviñesen no debate ou que cambiasen o seu sentido do voto despois do debate, poderá solicitar da presidencia unha quenda para a explicación do voto, o tempo non poderá ser superior a tres minutos.


23.- Introducir un novo artigo 35. do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO “Clases de Votacións” co seguinte texto:

35.1 As votacións poden ser : ordinarias, nominais ou secretas.

        a) Ordinarias son as que se manifestan verbalmente ou con signos de asentimento, desestimento ou abstención das/os membros da corporación.
       
b) Son votacións nominais aquelas que se realizan mediante o chamamento por orde alfabético de apelido sendo o último en votar a presidencia. O Secretario xeral chamará a cada membro da Corporación e este ao ser chamado responderá “si”, “non” ou “ abstención”. O/A secretaria/o Xeral computará os votos emitidos e o seu sentido a presidencia proclamará o resultado acordado.
       
c) Son votacións secretas as que se efectúen mediante papeleta que cada membro da Corporación deposita nunha furna. O/A secretaria/o Xeral computará os votos emitidos e o seu sentido a presidencia proclamará o resultado acordado

35.2 O sistema normal de votación será a votación ordinaria

35.3 A votación nominal  requerirá a solicitude da mesma por un grupo municipal e a súa aprobación pola maioría simple do pleno en votación ordinaria

35.4 A votación poderá ser secreta cando o asunto afecte ao dereito constitucional da honra ou a intimidade persoal ou familiar , se así o acorda o pleno por maioría absoluta. Tamén poderá utilizarse a votación secreta para a elección ou destitución de persoas.

35.5 Abstención: Sen prexuízo causas de incompatibilidade establecidas pla Lei, os membros da Corporación deberán absterse de participar no debate e votación de todo o asunto cando concorra algunhas das causas ás que se refire a lexislación do procedemento administrativo e contratos das administracións públicas.

Neste caso o interesado deberá abandonar a sala mentras se discute e vota o asunto, agás cando se trate de debater a súa actuación como membro da Corporación, en que terá dereito a permanecer e defenderse.


24.- Trocar o texto do artigo 35. do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO por:

        Rogos:

a)   Os rogos poderán presentarse polos voceiros e polos concelleiros “in voce” ou por escrito e poden ser contestados na mesma sesión, de ser posible, ou na seguinte. Serán contestados polo Alcalde ou concelleiro con responsabilidade de goberno sobre a materia a que se refira.

b)   En ningún caso os rogos poderán ser sometidos a votación, pero si valorada a contestación polo autor da iniciativa.


25.- Trocar o texto do artigo 36. do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO por:

Preguntas:

a)      As preguntas plantexadas por escrito presentaranse 24 horas  antes do comezo da sesión do Pleno e habitualmente contestaranse, de forma oral, na mesma sesión e se non fora posible na seguinte; non obstante o autor da pregunta pode  optar pola resposta escrita que se fará no prazo de 5 días. Na sesión plenaria poden presentarse por parte dos grupos tres preguntas de xeito oral que se for posíbel contestaranse na mesma sesión plenaria.

b)      Non se admitirán a trámite preguntas sobre asuntos que non foran de competencia municipal, as que se formulen vulnerando as regras de cortesía contidas neste Regulamento, as que sexan de exclusivo interese persoal de quen as plantexa, e as que supoñan unha consulta de índole estritamente xurídica.

c)      Non se producirá debate sobre a resposta á pregunta.

d)      As preguntas presentadas, serán contestadas verbalmente na sesión plenaria polo Alcalde, ou por calquera membro do Goberno Municipal, responsable da área á que se refira a pregunta.


26.- Introdución dun novo artigo denominado no TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO chamado “PROPOSICIÓNS” e queda redactado do seguinte xeito:

a)   Son os proxectos de acordo presentadas polos grupos políticos municipais e polas/os concelleiras/os sen responsabilidade de goberno, en materias de competencia plenaria.

b)   As proposicións conterán unha exposición de motivos e a parte dispositiva do acordo que se propoña, sobre materias nas que deba decidir o Pleno do Concello.

c)   Deberán presentarse no Rexistro Xeral a celebración da sesión e serán remitidas ao servizo competente para a súa tramitación

d)   O debate e votación axustarase o recollido neste Regulamento

e)   A presidencia, previo acordo da Xunta de Portavoces, poderá incluír na  orde do día da sesión plenaria ordinaria   todas as propocións que sexan competencia do pleno e se  axusten ao ordenamento xurídico.


27.- Introdución dun novo artigo no TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO denominado “DECLARACIÓN INSTITUCIONAL” queda redactado así:

a) As declaracións institucionais non terán efectos executivos.

b) As declaracións institucionais poderán conter peticións dirixidas a outras Administracións Públicas.

c)   Poderán ser promovidas polo Alcalde, a xunta de portavoces, ou polos portavoces dos grupos; cando a declaración institucional sexa promovida pola xunta de portavoces someterase directamente ao Pleno, sen necesidade do preceptivo ditame da Comisión competente.


28.-  Introdución dun novo artigo no TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO chamado “VOTO PARTICULAR” queda redactado así:

É a proposta de modificación do ditame pola comisión, presentado po un membro discrepante para o seu debate e votación en pleno.

a) O concelleiro discrepante deberá presentar o voto particular nos dous días seguintes ao da sesión da Comisión para a súa incorporación ao ditame.

b) O voto particular presentado será debatido e votado antes da votación do ditame da Comisión, que será modificado de aprobarse aquel.


29.-  Introdución dun novo artigo no TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO chamado “ EMENDAqueda redactado así:

É a proposta de modificación dun ditame emitido pola Comisión sobre un proxecto, proposta ou proposición, presentada por escrito por calquera membro da Corporación.

a)   As emendas deberán presentarse no Rexistro do Pleno 24 horas antes da celebración da sesión.

b)   As emendas poderán ser de supresión, adición, modificación transaccionais.

c)   Admitiranse emendas “in voce” para corrixir erros materiais ou omisións, e tamén cando sexan aceptadas polo autor da iniciativa obxecto de debate.

d)   No caso de que as emendas sexan rexeitadas, o Presidente someterá a votación, sen máis debate, o texto do proxecto, proposta, proposición ou moción nos termos expresados no ditame emitido por maioría.


30.-  Introdución dun novo artigo no TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO chamado INTERPELACIÓNS” queda redactado así:

Son manifestacións sobre os motivos e obxectivos dunha determinada actuación do Goberno Municipal, en materia de política municipal ou de cuestións de acentuada relevancia, presentadas polas/os voceiras/os dos grupos nas que se admite debate.

a) As interpelacións deberán presentarse no Rexistro do Pleno dous días antes da data fixada para a celebración da sesión na que se pretendan incluír.

b) O debate das interpelacións limitarase a unha quenda de exposición polo autor da iniciativa, unha quenda de contestación por un membro do Goberno Municipal e sendas quendas de réplica para os intervintes.

c) As interpelacións non poderán ser obxecto de votación e acordo.

d) As interpelacións deberán ser contestadas polo membro do Goberno Municipal interpelado.


31.- Introdución dun novo artigo no TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO chamadoCOMPARECENCIAS”, queda redactado así:

As/Os Concelleiras/os con responsabilidades de goberno comparecerán ante o pleno para informar de asuntos da súa competencia, ben a iniciativa propia, ben a iniciativa dun grupo municipal.

a)   A petición de comparecencia deberá de realizarse con quince días de antelación a data da sesión na que se pretenda a súa intervención.

b)   O comparecente disporá dunha quenda de 10 para informar da materia obxecto da comparecencia, e os portavoces ou concelleiros de oito minutos; se o comparecente replicara, abrirase unha segunda quenda por un período non superior a metade do empregado polo comparecente.


32.- Troco de todo o texto do artigo 37. do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO que versa sobre as gravacións polo seguinte texto:

37.1- O pleno é o máximo órgano de representación da cidadanía e as súas sesións son públicas. Como actos públicos o Concello poñerá todos os medios ao seu dispor para emitir a través da web en directo as súas sesións. En calquera caso nas sesión públicas a cidadanía poderá reproducir por calquera medio técnico as sesións sempre e cando non se altere a orde nin o normal desenvolvemento das mesmas

37.2 Excepcionalmente, cando se trate de asuntos cuxo debate e votación sexan secreto por poder afectar a dereitos fundamentais da cidadanía, aos que se refire o artigo 18.1 da Constitución, o Pleno por maioría absoluta poder acordar a prohibición das gravacións.

37.3.- o Concello informará nun panel informativo na porta do Salón de plenos de que a sesión pode ser gravada e reproducida en calquera formato.


33.- Modificación do texto dos puntos 3 e 4 do artigo 40 do TÍTULO II. DA ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO polo seguinte texto:

3. A hora de celebración do pleno será as 20:00, débese facilitar con esta a asistencia a un acto público do maior número de cidadáns e cidadás de Arteixo”

4. O horario dos plenos extraordinarios e extraordinarios urxentes procurarán facilitar a participación da cidadanía nos asuntos públicos.


34.- Trocar todo o artigo 43  do TÍTULO III.- DA ORGANIZACIÓN COMPLEMENTARIA DO CONCELLO, por

Comisións Informativas

43.1

a)   As Comisións Informativas, integradas por membros da Corporación, son órganos sen atribucións resolutorias que teñen por función o estudo, informe ou consulta e preparación dos asuntos que deban ser sometidos á decisión do Pleno e da Xunta de Goberno Local cando esta actúa con competencias delegadas polo Pleno, salvo cando haxan de adoptarse acordos declarados urxentes. Todos os Grupos Políticos e concelleiros/as non adscritos integrantes da Corporación terán dereito a participar nestes órganos, mediante a presenza de concelleiros/as pertencentes aos mesmos.

b)  Igualmente informarán aqueles asuntos da competencia propia da Xunta de Goberno Local e do alcalde ou alcaldesa que lles sexan sometidos ao seu coñecemento por expresa decisión de aqueles.
43.2
a)   As Comisións Informativas poden ser permanentes e especiais.

b)   Son Comisións Informativas permanentes as que se constitúen con carácter xeral, distribuíndo entre elas as materias que deban someterse ao Pleno. O seu número e denominación iniciais, así como calquera variación das mesmas durante o mandato corporativo, se decidirá mediante acordo adoptado polo Pleno a proposta do alcalde ou alcaldesa, procurando, na medida do posible, a súa correspondencia co número e denominación das grandes áreas en que se estructuren os servizos corporativos.

c)   Son Comisións Informativas especiais ás que o Pleno acorde constituír para un asunto concreto, en consideración ás súas características especiais de calquera tipo. Estas Comisións extínguense unha vez que ditaminaran ou informaran sobre o asunto que constitúe o seu obxecto, salvo que o acordo plenario que as creou dispuxese outra cousa.

43.3 O alcalde ou alcalde/esa - presidente/a do Concello de Arteixo é o presidente/a nato de todas as Comisións Informativas que funcionen neste Concello, sen prexuízo de que poida delegar a presidencia efectiva en calquera membro da Corporación.

Será secretario/a das Comisións Informativas o/a Secretario/a xeral do Concello ou o/a funcionario/a do Concello designado pola Alcaldía a proposta do/a Secretario/a xeral de conformidade co disposto no artigo 13.2 do Real decreto 1174/1987, de 18 de setembro. “

43.4 Cada Comisión estará integrada de forma que a súa composición se acomode á proporcionalidade existente entre os distintos grupos políticos municipais e concelleiros/as non adscritos representados na Corporación.

43.5 A adscrición concreta a cada Comisión dos membros da Corporación que deban formar parte da mesma en representación de cada grupo e concelleiros/as non adscritos realizarase mediante escrito do concelleiro/a ou voceiro/a do grupo dirixido ao alcalde ou alcaldesa podendo designarse, de igual forma, neste último caso, un/unha suplente por cada titular. Das designacións darase conta ao Pleno.

43.6
a)          Os ditames das Comisións Informativas non son vinculantes aínda que si preceptivos como previos ás decisións que adopte o Concello Pleno ou pola súa delegación á Xunta de Goberno Local.

b)          En supostos de urxencia e nas sesións ordinarias, o Pleno ou a Xunta de Goberno Local poderán adoptar acordos sobre asuntos non ditaminados pola correspondente Comisión Informativa, pero, nestes casos, do acordo adoptado deberá darse conta á Comisión Informativa na primeira sesión que se celebre. A proposta de calquera dos membros da Comisión Informativa, o asunto deberá ser incluído na orde do día do seguinte Pleno con obxecto de que este delibere sobre a urxencia acordada, no exercicio das súas atribucións de control e fiscalización.

35.- Engadir ao remate do artigo 45.2 do TÍTULO III.- DA ORGANIZACIÓN COMPLEMENTARIA DO CONCELLO o seguinte texto: “e igualmente poderá requirir a presenza de calquera concelleiro/a ou funcionario/a municipal para informar sobre o asunto da súa competencia incluída na orde do día”


36.- Engadir os seguintes puntos ao artigo 45 do TÍTULO III.- DA ORGANIZACIÓN COMPLEMENTARIA DO CONCELLO:

8 A Xunta de voceiros reunirase, con carácter obrigatorio, dez días antes da celebración das xuntanzas do Pleno do Concello, xa sexan estas xuntanzas de carácter ordinario ou extraordinario. No caso de convocatoria de Plenos urxentes, a xuntanza celebrarase sempre que sexa posible cando xurda a urxencia que faga necesaria a celebración do Pleno. Nestas xuntanzas o alcalde ou alcaldesa someterá a consulta as ordes do día dos Plenos e os voceiros informarán e serán informados dos asuntos de urxencia que prevexan formular nestes Plenos.
       
9 Sen prexuízo das restantes funcións que lle asigne o presente Regulamento, a Xunta de Voceiros deberá ser consultada previamente para:

a) Fixar os criterios xerais para o mellor funcionamento de todos os órganos corporativos e Comisións Informativas.

b) Sinalamento das persoas que deben representar ao Concello nos casos en que este debe estar representado institucionalmente en outros organismos.

c) Interpretación deste Regulamento e aclaración das dúbidas que se susciten con motivo da súa aplicación.


37.- Engadir no artigo 47 do TÍTULO III.- DA ORGANIZACIÓN COMPLEMENTARIA DO CONCELLO, este texto ao final do redactado:

“…Os acordos adoptados polos diferentes órganos políticos (actas dos plenos, acordos de xunta de goberno, aprobación de orzamentos…), agás aqueles que a lexislación vixente non o permita, serán públicos e estarán accesíbles nas dependencias municipais e na páxina web do Concello de Arteixo. As convocatorias dos plenos ou de calquera outro organismo que trate asuntos públicos deberá publicitarse tanto nas dependencias municipais como por todos os medios dispoñíbeis polo concello (web, redes sociais, carteis luminosos..)”


38.- Substituir o contido do artigo 50. do TÍTULO V.- ESTATUTO DOS MEMBROS DA CORPORACIÓN, por:

a) As/os concelleiros serán invitados aos actos oficiais e acontecementos públicos aos que deba concorrer a Corporación en representación do Concello.

b) As/os concelleiros deberán recibir un tratamento considerado e de respecto por parte de todo o persoal ao servizo da Administración Municipal.

c)   As/os concelleiros terán dereito a acceder a tódolos edificios e instalacións destinados á prestación de servizos públicos municipais e a obter dos seus responsables información sobre a súa organización e funcionamento, harmonizando este dereito co principio de eficacia e co réxime de traballo dos servizos municipais.


39.- Eliminación do artigo 51 do TÍTULO V.- ESTATUTO DOS MEMBROS DA CORPORACIÓN


40.- Modificación no artigo 52.1 do TÍTULO V.- ESTATUTO DOS MEMBROS DA CORPORACIÓN:

Engadir ao final deste artigo o seguinte texto: “…Os funcionarios responsables dos diferentes servizos están obrigados a facilitarlle o acceso directo á documentación custodiada na súa dependencia, sen necesidade de autorización previa, tanto para o exercicio das responsabilidades de goberno, como para o exercicio das súas funcións de membro dun órgano colexiado ou do exercicio das funcións de control e fiscalización. No suposto de que o funcionario responsable do servizo, no que estivera depositada a documentación, non accedera a súa consulta directa polo concelleiro solicitante, por ser unha petición xeneralizada e indeterminada, por entorpecer o  desenvolvemento normal do servizo, ou por non quedar asegurada a integridade da documentación noutra dependencia distinta, o concelleiro poderá solicita-lo acceso á información mediante escrito dirixido ao Alcalde/esa ou concelleira/o responsable da área concretando o seu obxecto. Esta solicitude de información entenderase estimada por silencio administrativo no caso de que non se dite resolución expresa denegatoria no prazo de cinco días hábiles, contando dende o seguinte ao da data de presentación. En todo caso, a resolución denegatoria ha de ser motivada”.


41.- Eliminar no artigo 52.5 do TÍTULO V.- ESTATUTO DOS MEMBROS DA CORPORACIÓN “…sempre diante dun funcionario...”


42.- Substituír o texto do artigo 52.7 do TÍTULO V.- ESTATUTO DOS MEMBROS DA CORPORACIÓN por este:

“As/os concelleiras/os teñen o deber de preservar a confidencialidade da información que se lle facilite para o desenvolvemento da súa función, gardando sixilo dos asuntos que coñezan por razón do seu cargo e responderán ante o Pleno do Concello do uso que fagan das fotocopias da documentación a que tiveran acceso.


43.- Engadir no artigo 55.3 do TÍTULO V.- ESTATUTO DOS MEMBROS DA CORPORACIÓN despois de “…exclusiva…” o seguinte texto “…ou parcial….”


44.- Engadir no artigo 56 do TÍTULO V.- ESTATUTO DOS MEMBROS DA CORPORACIÓN despois de “…correspondente”, “ben directamente ben a través dalgún ou dalgunha compañeiro/a de grupo”


45.- Engadir ao final do artigo 61 do  TÍTULO VI. PARTICIPACIÓN CIDADÁ E O DEFENSOR DA VECIÑANZA o seguinte texto: “…Deberá ser ratificado por 2/3 dos membros da corporación local e será un cargo non retribuído”


46.- Engadir dous novos artigos no TÍTULO VI. PARTICIPACIÓN CIDADÁ E O DEFENSOR DA VECIÑANZA

Artigo  62.

62.1- As entidades inscritas no Rexistro Municipal de Entidades poderán participar nas comisións informativas en que se traten asuntos de pleno e poderán facelo non só a respecto da orde do día senón tamén a respecto doutros temas de interese.

62.2 –  As solicitudes de intervención na quenda de participación cidadá rexistrarase con sete días naturais  de antelación á celebración das comisións. O escrito terá o nome da/o solicitante, teléfono, correo electrónico e unha explicación do tema a tratar cando non se refira a asuntos da orde do día”

        Artigo 63.

O concello de Arteixo fomentará o uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación a través do sitio web municipal que permitirá: facilitar ao máximo as xestións coa administración local; mellorar a transparencia da administración incorporando á  rede toda a información de carácter público que se xenere na institución local; facilitar á poboación o coñecemento da rede asociativa local e a súa actividade; informar sobre os órganos existentes e os procesos de participación; Dar a coñecer polo miúdo as iniciativas e propostas dos grupos municipais ( preguntas, mocións, rogos, interpelacións, propostas…); Dinamizar a web municipal creando a posibilidade de transmitir en directo os plenos municipais; Facilitarlle á cidadanía na web municipal que participe con propostas, suxestións, comentarios.


De todo o anterior alegado,


SOLICITA:

Se teñan por formuladas as anteriores alegacións e na sua virtude, sexa modificado o Regulamento de Organización Municipal en beneficio da transparencia, a democracia e a participación cidadá.




En Arteixo, a  13  de Novembro de 2013

Asdo:      


                                                
Martín Seco García
Voceiro do Grupo Municipal Socialista de Arteixo



SR ALCALDE-PRESIDENTE DO EXCMO CONCELLO DE ARTEIXO

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.