09 septiembre 2020

O PSdeG pregunta no Parlamento galego polo novo colexio de Arteixo

 


Os deputados socialistas recordan que o número de alumnos por aula no Ponte dos Brozos é “insoportable”, situación que empeora coa pandemia da Covid-19

Os socialistas queren coñecer os avances concretos sobre un centro que se anunciou no 2017 


Os deputados socialistas, a iniciativa de Martín Seco, teñen presentado unha pregunta no Parlamento galego para coñecer os avances concretos sobre o novo colexio, anunciado pola Consellería de Educación e o Concello de Arteixo no 2017. Ambas entidades fixeron público a través de medios de comunicación que o novo centro contaría con 450 prazas e que sería o Concello o encargado de entregar no 2019 os terreos á Xunta para a súa construción. “Desde entón, non tivemos máis información a pesar de que o grupo municipal do PSdeG a solicitase en varias ocasións ao Goberno de Arteixo”.

O municipio é un dos concellos galegos con máis crecemento demográfico e conta cun dos colexios “máis saturados” e con máis alumnos de toda Galicia, o CEIP Ponte dos Brozos, con un número de estudantes por aula “insoportables”, ata o punto de ter acondicionado aulas en “espazos que deberían de ter outra utilidade”.

Esta situación empeora coa epidemia da Covid-19 e a necesidade de adaptar as aulas a  “un menor ratio de alumnos, sen que a Consellería de Educación e o Concello de Arteixo desen unha solución a unha problemática da que son coñecedores hai máis de cinco anos”.

Desde o 2016 o PSdeG leva solicitándolle ao Concello de Arteixo e á Xunta de Galicia a construción de novas infraestruturas educativas. O colapso nos colexios do concello xa está a chegar aos IES, que contan cada vez con máis alumnos polo mero avance demográfico de Arteixo.

No último pleno municipal, o grupo socialista interesouse polos avances do novo colexio, ademais de preguntar se esta infraestrutura educativa serviría para solucionar o desbordamento dos centros de Infantil e Primaria, ou tamén, para cubrir a sobrecarga que sofre o IES.


03 septiembre 2020

Os socialistas apoian aos hostaleiros de Arteixo e esixen ao Goberno local que convoque a Mesa de Reactivación da Economía Local

 


O PSdeG solicita por rexistro a convocatoria deste foro como reforzo
ás peticións do CCA


 O grupo municipal levará unha moción ao próximo pleno para que “de unha vez por todas” se aprobe a ordenanza de terrazas



Os socialistas de Arteixo apoian as reivindicacións do sector hostaleiro e levarán a cabo varias iniciativas como reforzo das súas esixencias ao Goberno local. En primeiro lugar, o PSdeG solicitará por rexistro que se convoque a Mesa de Reactivación da Economía Local na que están presentes representantes do CCA e membros da corporación.

No próximo pleno, o grupo municipal levará unha moción na que esixirán que “de unha vez por todas” o Goberno local aprobe a ordenanza de terrazas. A falta desta norma provoca inseguridade no sector, e o PP ten sido incapaz “de aprobar un texto en anos”.

Conscientes da situación tan crítica pola que está a atravesar o sector hostaleiro de Arteixo, os socialistas propuxeron no pasado pleno a exención da taxa de recollida de residuos urbanos para os negocios que tiveron que cerrar durante o estado de alarma. A proposta foi rexeitada polo Goberno local que tamén se negou a convocar a Comisión de Seguimento da Covid.

“Os socialistas seguiremos a propoñer medidas que beneficien ás pemes e ao comercio local do concello, sobre todo nestes momentos. Apoiamos as reclamacións dos hostaleiros porque ademais de xustas, son moi necesarias para garantir a supervivencia do sector”, subliña o voceiro socialista, Simón López.


27 agosto 2020

O PP VOTA EN CONTRA DA EXENCIÓN DA TAXA DE RECOLLIDA DE LIXO PARA OS NEGOCIOS QUE TIVERON QUE PECHAR NO ESTADO DE ALARMA

 


O Goberno local négase a convocar a Comisión de Seguimento do Coronavirus a pesar do voto favorable de todos os partidos da oposición

Coa intención de protexer e axudar aos negocios do municipio o PSdeG propuxo no pleno de hoxe a exención da taxa pola recollida do lixo para este sector, correspondente ao tempo do estado de alarma, no cal a súa xeración de residuos foi nula. Unha iniciativa bloqueada polo Goberno do PP, que alegou que xa existe unha liña de axudas para autónomos. Non obstante, nunha sesión anterior aprobouse a bonificación da taxa correspondente ás terrazas, co cal o argumento queda invalidado por si mesmo. “Sorprende a incoherencia do Goberno local e a súa falta de compromiso cos autónomos e Pemes de Arteixo”, lamentan os socialistas.

Ante a evolución da COVID-19 (hoxe superouse a barreira dos 100 hospitalizados en Galicia), o Grupo Municipal Socialista solicitou que se convocara de maneira urxente a Comisión de Seguimento do Coronavirus, coa intención de estar informados e poder contribuír na contención da pandemia no concello. O alcalde, Carlos Calvelo, mostrouse contrario a informar aos grupos da oposición a través deste órgano alegando que xa non hai estado de alarma. Engadiu que esta Comisión suporía un gasto para o erario público, xa que os concelleiros e concelleiras participantes cobrarían 200€ en concepto de dietas. “Un dato que é completamente falso. Nunca se cobrou pola asistencia a esta comisión, xa que ten un certo carácter informal e o que se busca con ela e que todos os membros da corporación estean informados ante unha crise sanitaria sen precedentes”, expón o portavoz socialista, Simón López.

Nesta liña, “é canto menos chocante”, que Calvelo mencione “un pago por dietas inexistente”, cando a orde do día do pleno de hoxe “só incluía as mocións e rogos dos grupos da oposición, así como dúas mocións xenéricas do PP, unha delas debatida por terceira vez. Esta é a única aportación do equipo de Goberno a este pleno, con doce concelleiros e sete asesores a soldo dos cartos de tod@s”.



26 agosto 2020

OS SOCIALISTAS SOLICITARÁN QUE SE INICIE CANTO ANTES O TRASLADO DA FONTE DO ABADE



O Concello firmou en 2018 un convenio urbanístico con esta finalidade sen que pareza que teña habido avances nesta petición veciñal


A veciñanza da parroquia de Oseiro leva anos pedindo o traslado da Fonte do Abade. En 2018, o Concello firmou un convenio urbanístico con esta finalidade no que se incluía a creación dunha pequena zona pública. Os socialistas inciden en que “na súa actual situación é perigosa tanto para os vehículos como para as persoas que queiran achegarse a ela, e o seu estado de conservación non é bo”. 
Dado que xa pasaron dous anos de aquela rúbrica, o grupo municipal socialista quere saber en que estado de execución se atopa a citada obra e, ademais, leva un rogo ao pleno de agosto, para que o Goberno local inicie o seu traslado antes de que remate este ano.

Por outra banda, os socialistas inquirirán na mesma sesión plenaria sobre a situación na que se atopa unha parcela destinada a ampliar o paseo fluvial. Dita finca atópase na travesía de Arteixo, nunha zona cualificada como Solo Urbano Residencial e Terciario en Edificación Aberta (URTA). Nas normas urbanísticas “resérvase toda a marxe do río existente para terreos de propiedade pública”, non obstante, no Catastro a citada parcela “non aparece segregada, e a zona que debería ser de propiedade de todos e todas, do Concello, non parece diferenciarse da parcela do edificio onde está o Eroski”.

Os socialistas preguntarán no pleno se o Concello consta no Rexistro da Propiedade como titular da zona VF (Paseo Fluvial) e, polo tanto, se a promotora cedeuna, como tiña a obrigación. “No caso de non ser así, que responsabilidades se lle esixiron?”, cuestiona o grupo municipal do PSdeG.