25 noviembre 2013

“O señor Calvelo aséstalle o golpe de graza a democracia en Arteixo levando a aprobación definitiva do ROM sen falar coa oposición e sen ter convocado ao Consello Veciñal como lle estamos a solicitar as Asociacións Veciñais e os Grupos da oposición”


Hoxe asistimos ao golpe definitivo á democracia que o señor Calvelo e o PP lle queren asestar coa aprobación da proposta de ROM no pleno deste mes, sen ter dialogado en ningún momento, cos membros da oposición e tampouco cos membros das Asociacións Veciñais que foron ninguneadas polo grupo de goberno do Partido Popular, nun tema de vital importancia para os veciños como é o xeito de regular a participación no noso concello.

Dende o Grupo Municipal pensamos que o comportamento que están a ter o señor Calvelo e os seus compañeiros de PP, fai de Arteixo un lugar irrespirable, onde se impón o ordeno e mando e non se admite a discrepancia con posibilidade de atoparte con problemas para levar unha vida tranquila, manter o teu posto de traballo ou verte sometido a unha multa se expresas a túa discrepancia nun pleno municipal.

Mentres a sociedade cada vez está máis alonxada da política e dos políticos debido a falla de transparencia que amosan as diferentes institucións e partidos políticos, dende o noso concello damos cada vez máis pasos no sentido contrario ao que os nosos cidadáns queren e establecemos novas normas que en vez de primar a participación, a democracia e a transparencia, establecen barreiras para elo.

Por iso, non entendemos que non se proceda a debater as alegacións presentadas polos grupos da oposición, como por certo se comprometera o señor Calvelo,  que pretendían establecer canles máis democráticos de funcionamento, superiores aos que xa contemplan as leis estatais, a pregunta é, ¿por que imos a regular por enriba da lei estatal se non é para mellorar as condicións de transparencia e participación que establecen ditas leis?

Dende os grupos da oposición solicitamos en rexistro, a celebración dun Consello Sectorial Veciñal onde se debata este regulamento e que se paralice a aprobación definitiva deste documento mentres esta reunión non se celebre, solicitude que o PSOE tiña apalabrada coas Asociacións de Veciños que acudiron a unha reunión celebrada con este motivo (achégovos solicitude) e sabemos que moitas asociacións de veciños, tamén comezaron a facelo nestas datas, unha vez recibiron toda a información e puideron celebrar as súas xuntas directivas. ¿Por que o Partido Popular ten tanta prisa en aprobar este regulamento sen o debate pertinente e ten estancado a Ordenanza de Emerxencias Sociais que está completamente obsoleta e que debería de ser reformada con premura? Cremos que ao PP lle preocupa máis ter caladiños aos veciños que o seu benestar como cidadáns.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.