27 mayo 2014

MOCION PARA O PAGO DA PAGA EXTRAORDINARIA DE DECEMBRO DE 2012 E NON SEU CASO A PARTE PROPORCIONAL DESTA PAGA EXTRAORDINARIA XERADA ENTRE O 1 DE XUÑO E O 15 DE XULLO DE 2012


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O 15 de xullo de 2012 entrou en vigor o Real Decreto Lei 20/2012 de medidas para garantir a estabilidade presupostaria e de fomento da competitividade posto en marcha polo goberno do Partido Popular de Mariano Rajoy. En concreto o artigo 2.1 do devandito Real Decreto refírese en canto á paga extraordinaria do mes de decembro de 2012 de persoal do sector público e di literalmente que o persoal do sector público verase reducido as súas retribucións na contía correspondente a percibir no mes de decembro como consecuencia da supresión da paga extraordinaria.

O soldo base, os trienios o complemento de destino, ou o complemento específico teñen una periodicidade mensual, e o seu abono é esixible a partires de que remata o mes, mentres que as pagas extraordinarias de xuño e decembro, teñen periodicidade semestral e son esixibles a partires do primeiro día hábil dos meses de xuño e de decembro, respectivamente pero, o dereito á percepción desas retribucións, xérase, día a día de prestación de servizos, con independencia da periodicidade e da data dende que sexan esixibles; por iso, sen referirnos ós supostos de ausencias xustificadas, aos traballadores públicos que non prestaron servizos tódolos días do mes, ao final do mes, so se lle aboan as  retribucións correspondentes os días traballados;  e, do mesmo xeito,  as pagas extraordinarias abóanse en proporción aos servizos prestados durante os seis meses inmediatos anteriores ós meses de xuño  e decembro, concretamente, a paga de decembro, en proporción aos servizos prestados dende o 1 de xuño ao 30 de novembro. 

 E por iso, o artigo 2 do Real Decreto  Lei 20/2012, do 13 de xullo, que entrou en vigor o 15 de xullo de 2012, establece que o persoal funcionario e estatutario non percibirá  no mes de decembro,  as cantidades referentes á paga extraordinaria de decembro, en concepto de soldo e trienios e, tampouco, as contías correspondentes ao resto dos conceptos retributivos que integran tanto a paga extra como a paga adicional de complemento específico ou pagas adicionais equivalentes, vulneran os principios de seguridade xurídica e de  interdición das disposicións non favorables ou restritivas de dereitos individuais (art. 9.3 da Constitución) xa que  afectan aos dereitos,  xerados con anterioridade a esas disposicións, que os funcionarios xa tiñan, no momento no que esas disposicións se ditaron e publicaron, a percibir as aludidas pagas de decembro, na parte correspondente ó tempo de servizos prestados dende o 1 de xuño de 2012 ata que esa disposición entrou en vigor.

Neste senso, a Audiencia Nacional, por providencia de 29 de Xaneiro de 2013, ditada no procedemento de conflito colectivo 332/2012, considera que o artigo 2 do Real Decreto Lei 20/2012, do 13 de xullo podería vulnerar o artigo 9.3 da Constitución que garante a irretroactividade das disposicións restritivas de dereitos individuais e, por tal motivo, requiriu ás partes e ao Ministerio Fiscal para que se pronuncien sobre a pertinencia de presentar ante o Tribunal Constitucional,  a oportuna cuestión de constitucionalidade.
Sendo nulas, como son, esas disposicións, non poden producir efecto e, por tal motivo,  o reclamante ten dereito a que lle sexa aboada a totalidade da gratificación extraordinaria de decembro de 2012, na contía que corresponda, e aínda que se estime  que esas disposicións non son nulas, débense  interpretar -como xa se fixo, no ámbito da xurisdición social, polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, Sala do Social, Sección 5ª, Sentencia de 14 Decembro 2012, proc. 69/2012- no senso de que non impiden que se recoñeza o dereito á percepción da paga extra correspondente aos servizos prestados ata a  data de entrada en vigor desas disposicións.

Así pois, tendo en conta que, como xa se dixo, a paga de decembro, aboase en proporción ós servizos prestados dende o 1 de xuño ao 30 de novembro, ó/á reclamante débelle ser aboada, en todo caso, a paga extra de decembro que corresponda  ao período 1 de xuño de 2012 ao 15 de xullo de 2012 (data de entrada en vigor do Real Decreto Lei 20/2012).

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo solicita se someta a votación a presente MOCIÓN, e a adopción do seguinte acordo:

1.- Que lle sexa aboada a paga extraordinaria de decembro de 2012 e a paga adicional do complemento específico ou paga equivalente dese mes, na contía total que corresponda; subsidiariamente, se lle aboen esas pagas na contía proporcional ós servizos  prestados dende o 1 de xuño de 2012 ao 15 de xullo de 2012.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.