24 septiembre 2014

MOCIÓN PEDINDO UNHA NOVA ORDENANZA DE CONTAMINACIÓN ACÚSTICA, RUIDOS E VIBRACIÓNS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:


O noso Concello medra a un ritmo exponencial e con el o nivel de infraestruturas, industria e hostalaría, un crecemento que fai necesario que dende a administración local teñamos que ir modernizando a nosa administración e os mecanismos de control e de fiscalización de todas estas actividades para manter unha calidade de vida axeitada para a nosa veciñanza.

Son moitas as queixas que xorden polo ruído efectuado por algúns locais de ocio sobre todo a horas nas que a xente quere descansar, sen que dende o concello poidamos darlle unha boa solución, son moitas as queixas que xorden do ruído que poden estar realizando algunhas empresas dende as súas instalacións próximas a núcleos residencias, son moitas as queixas dos afectados pola instalación de novas infraestruturas tanto por ruídos como por vibracións, son moitas as queixas dos veciños polo ruído que teñen que soportar por parte da infraestrutura ferroviaria sen que teñan as medidas correctoras suficientes como para poder ter a calidade auditiva para as súas familias e namentres isto ocorre, dende o Concello non estamos activando nin os mecanismos de control ni as normativas axeitadas para poder defendernos de tanta agresión.

Vemos como concellos como o de Culleredo, similar ao noso, ten aprobado inicialmente unha ordenanza de Contaminación Acústica, Ruídos e Vibracións que xunto co desenrolo dun mapa de ruídos faga posible ter uns mecanismos de control, de vixilancia e de sancións para defender os intereses e a calidade de vida dos seus veciños, pero no noso concello se cualifica dita solicitude como “IDEAS DE BOMBEIRO”.

Dende o noso grupo cremos que ideas de bombeiro é que dende o concello non se leven a cabo as inspeccións oportunas e seguir soportando como seguen a facer descargas de clínker no porto sen tomar ningún tipo de medida para defender o noso medioambiente, ideas de bombeiro son ter o coñecemento que algúns veciños soportan un nivel de ruído insoportable ante o paso do tren sen que o noso concello esixa dos responsables que se leven a cabo as medidas oportunas para que se desenrolen os mecanismos que eviten esta situación e ideas de bombeiro son as que teñen aqueles que saben que coa chegada de todas as infraestruturas, terán lugar posibles usos de explosivos e non teñamos nin normativa, nin os mecanismos de control para que se fagan correctamente.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo solicita se someta a votación a presente MOCIÓN, e a adopción do seguinte acordo:

O Excmo. Concello de Arteixo creará unha Comisión Especial para a redacción da Ordenanza Municipal contra a Contaminación acústica, ruídos e vibracións.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.