22 septiembre 2014

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO SOBRE O CANON DE BIBLIOTECAS.




AO PLENO DO CONCELLO DE ARTEIXO



Martín Seco García na súa condición de Voceiro do Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo, con DNI 33336132-R e domicilio en Travesía de Arteixo 112 2ºD, CP 15142 de Arteixo, comparece e como mellor proceda en dereito DI:


Que o abeiro do disposto nos artigos do Regulamento Orgánico de Arteixo, presenta á consideración do Pleno da Corporación Municipal a seguinte:

MOCIÓN
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A propiedade intelectual ten cabida e recoñecemento no artigo 33.1 da Constitución, corresponde aos poderes públicos artellar un sistema legal que permita aos autores ver debidamente retribuído o seu traballo e, ao mesmo tempo, garantir o dereito da cidadanía de acceso á cultura.

España, como os demais membros da Unión Europea, vén obrigada á transposición da Directiva 2006/15/CE na que figura o mandato de implantar un canon por préstamo bibliotecario, tal como xa existe nalgúns estados europeos desde a primeira metade do pasado século (1943).

Este canon grava a todas as bibliotecas públicas, incluídas as municipais que son as máis utilizadas no noso país o que supón unha eiva económica no acceso a elas. Por tal motivo, corresponde ás autoridades de cada Estado membro acadar a fórmula máis idónea para harmonizar o lexítimo dereito dos autores co dereito fundamental á educación e á cultura de toda a cidadanía.

Non obstante, o Real Decreto 624/2014, de 18 de xullo, polo que se desenvolve o dereito de remuneración ós autores polos préstamos das súas obras, realizados en determinados establecementos accesibles ó público, non ten presente a precariedade orzamentaria dos concellos, e a situación precaria das bibliotecas públicas necesitadas de recursos e con graves dificultades até para manter e conservar os seus fondos e instalacións.

Ademais non se pode descoñecer que a industria cultural do libro comporta o 38,1 % do total da achega da cultura ao PIB español e, sen dúbida, as bibliotecas son un elemento fundamental para o desenvolvemento desa actividade editora.

Na regulación aprobada o canon non será pagado polos usuarios das bibliotecas. No seu lugar farano as administracións públicas titulares das bibliotecas, o que supón un gran gasto engadido nun momento económico e orzamentario de especial dificultade para as entidades locais.

Polo tanto, resulta necesario que o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia no eido das súas competencias, incrementen as partidas orzamentarias destinadas á rede de bibliotecas públicas incorporando unha partida específica para facer fronte ao canon por préstamo bibliotecario, tras acadar un compromiso coas entidades xestoras dos dereitos dos autores no senso de destinaren unha parte relevante deses ingresos a funcións de carácter social (bolsas, asistencia...) e á adquisición de novos fondos bibliográficos dentro dos límites que se determinen.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo solicita se someta a votación a presente MOCIÓN, e a adopción dos seguintes acordos:

Instar ao Goberno Galego para que:

1.- Se dirixa ao Goberno central e lle solicite que nos orzamentos para o ano 2015 e progresivamente nos vindeiros exercicios, aumente a partida orzamentaria para a adquisición e a renovación de fondos por parte das bibliotecas públicas e asuman, así mesmo, unha partida específica suficiente para sufragar o canon por préstano bibliotecario e que, en todo caso, cubra a totalidade do canon nos municipios de menos de 50.000 habitantes

2.-Requira do Goberno de España que tamén incorpore aos orzamentos para o ano 2015 unha partida específica para colaborar no pago de dereitos que teñen que levar a cabo os museos, arquivos, hemerotecas, fonotecas e filmotecas de titularidade pública, así como por parte de todas aquelas entidades culturais, educativas e científicas que se determinen

3.-Na Conferencia Sectorial de Cultura propoña a revitalización do Plan de fomento da lectura e para que demande do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, a elaboración dun plan de apoio ás bibliotecas dos pequenos municipios en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias

4.-No exercicio das súas competencias, aprobe unha partida específica nos orzamentos da comunidade para apoiar ás bibliotecas públicas galegas, singularmente ás municipais, colaborando coas demais administracións públicas no pago do canon por préstamo, e reforzando a adquisición de novos fondos, e a conservación dos existentes

5.-Elabore un programa específico de fomento e apoio á industria do libro e a lectura.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.