19 diciembre 2014

Martín Seco García (Sº Xeral e Voceiro do PSdeG-PSOE en Arteixo): “O PP de Calvelo está a pensar no beneficio das posibles concesionarias e esquece que debe defender aos usuarios na construción, reforma e xestión das instalacións da piscina municipal”



A construción e reforma das instalacións da piscina municipal de Arteixo camiñan cara o máis absoluto escándalo político, derivado da falla de compromiso co servizo público por parte do goberno do Partido Popular de Carlos Calvelo.

Recordamos como comezou dito procedemento, cando apareceron correos electrónicos entre as posibles empresas adxudicatarias do proxecto de construción destas instalacións, algo irregular e posiblemente ata delictivo que indica o xeito de funcionar dalgúns responsables públicos, despois fomos tódolos grupos da oposición quenes vaticinamos cal sería a empresa vencedora do proceso de concurso de construción desta instalación e posteriormente, advertimos dun posible aumento significativo do custe da obra e que polo tanto, o prezo ofertado pola empresa adxudicataria, esencial na consecución da obra, non se axustaría ao prezo final, gustaríanos dicir que erramos, pero parece ser que tódolos presaxios estanse a confirmar, curioso que tódolos concelleiros da oposición acertáramos antes da apertura das plicas quen ía a ser a empresa construtora e que os prezos finais da obra serían moito maiores dos ofertados.

Pero a falla de compromiso cos cidadáns de Arteixo e co servizo público chega moito máis aló, dende o grupo socialista, pedímoslle insistentemente que a construción da nova piscina municipal se fixese na parte norte do concello para descentralizar as instalacións deportivas e ao mesmo tempo que se reformase e modernizase a vella piscina, pero dende o grupo de goberno do PP, negáronse a escoitar as nosas inquedanzas incumprindo ademais os seus compromisos electorais, tamén lles solicitamos que pensasen e valorasen a posibilidade de levar a cabo unha xestión pública deste servizo, que fixese que os beneficios redundasen no propio servizo que ofrecen ditas instalacións, pero tamén nos atopamos cunha negativa, advertímoslles que se escoitase aos usuarios, deportistas e clubs que utilizan dita instalación, pero non atopamos respostas e en derradeiro lugar, atopámonos como o grupo de goberno mentiulle a tódolos veciños, dicindo que só pecharía 15 días, para comunicar a vella e a nova piscina e agora teremos que sufrir un peche de polo menos 3 meses en ditas instalacións.

Dende o noso grupo estamos moi preocupados por todo o que está a suceder con esta obra, posto que parece estar respondendo as necesidades das posibles empresas concesionarias destas instalacións, tanto na decisión da construción deste segundo vaso na mesma ubicación que o anterior, como no tipo de obra que se está levando a cabo en contra do criterio de moitos usuarios, que piden que se deixe o vaso antigo como está e non se eliminen calles para a práctica da natación. Posiblemente, se o grupo de goberno estivese pensando en como satisfacer aos cidadáns que representa e non como xestionalo do xeito máis cómodo posible e máis beneficioso para as empresas concesionarias, estes problemas non existirían, por outra banda, non entendemos como se pode agora variar a programación das obras, pasando dun peche programado de 15 días a 3 meses, coa motivación de ter a obras rematadas para inagurar antes das eleccións de Maio, aínda que sexa a costa de pasar por encima dos usuarios e de facer sufrir aos traballadores da empresa concesionaria do servizo por un ERE, algo no que debería de interceder o concello, para que fose do xeito menos traumático posible e coa total certeza do mantemento do posto de traballo para tódolos traballadores da nosa instalación municipal.

Dende o noso grupo volvemos a pedirlle ao goberno municipal que repense as súas decisións, que non leve a cabo as modificacións no vaso antigo, que se sente a falar cos usuarios, familias, clubs e deportistas que utilizan a piscina para adaptalas obras as súas necesidades, que faga un estudio para valorar unha xestión pública deste servizo e que faga todo o posible para non perxudicar aos usuarios por meros cálculos electorais.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.