No día de hoxe a Xunta de Voceiros do Concello de Arteixo, tratou sobre a “Ordenanza reguladora do Servizo de Comidas Saudables do Concello de Arteixo”, que faltando a verdade, está presentando o alcalde como Comedor Social.
Dende a oposición levamos tres anos poñendo de manifesto a necesidade de atender a aqueles que están en situación de exclusión social e incluso a moitos que aínda que están traballando, os seus soldos non chegan para garantirlles unha comida digna. O ano pasado o Grupo de Goberno anunciou a creación dun comedor social que despois non puxo en funcionamento, para este ano introducir unha partida de 200.000 euros que dixeron que atendería a 200 familias e despois trocárono por 150.
Dende os grupos da oposición preguntamos na Comisión polo funcionamento, nun regulamento que só da cabida as familias con menores ao cargo e non contempla a aquelas que xa reciben o bono de comidas dende o Concello, así como puxemos de manifesto que nós avogábamos por poñer en funcionamento un cheque comedor, dende o grupo de goberno retiraron o asunto do pleno e decidiron tratalo en Xunta de Voceiros.
A sorpresa a deron hoxe os membros do grupo de goberno coa presenza das técnicas de servizos sociais que preguntadas pola oposición, dixéronos que isto non era un sistema de comedor social, e que era un complemento temporal reeducativo para as familias con menores ao cargo, por iso o do nome de “Comidas Saudables” para a Ordenanza, e que só se dispensará a esas familias e temporalmente para que utilicen correctamente os cheques de Emerxencia Social, poñendo de manifesto as mentiras que nos estiveron contando dende o goberno municipal para intentar vender a atención a moita xente necesitada que non terá solución aos seus problemas con este sistema que non é un Comedor Social.
Resulta repugnante ver como o Goberno do Señor Calvelo utiliza a fame da xente máis necesitada para facer electoralismo a 4 meses das eleccións municipais, utilizando mentiras como a creación dun Comedor Social que non se contempla dende servizos sociais.

No hay comentarios :
Publicar un comentario
¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.