16 mayo 2015

Martín Seco creará a Axencia Local de Emprego para dinamizar o aumento da taxa de ocupación

O PSOE arteixán porá en marcha unha bolsa de emprego municipal
con igualdade de oportunidades para todos os veciños


O desemprego é un dos maiores problemas que a día de hoxe existen en Arteixo. A candidatura do PSOE é consciente diso e, ante o notable aumento de persoas no paro dende 2011, que medrou de 2.800 a 3.300 parados –unha considerable diferenza con municipios similares en poboación, como Culleredo, onde hai 2.500-, aposta por medidas concretas que fomenten a creación de postos de traballo.

Neste sentido, o cabeza de lista do PSOE arteixán, Martín Seco, lembra que o feito de que non repita na lista do PP o actual concelleiro de Emprego, Manuel Padín, é moi significativo e indica que as cousas non se fixeron precisamente ben nestes últimos catro anos.

Por iso, o candidato socialista comprométese a pór en marcha unha Axencia Local de Emprego que dinamice o tecido económico do concello, así como un novo sistema de orientación laboral e asesoramento para as empresas e os autónomos.

Martín Seco considera prioritario mellorar os cursos de formación ocupacional, á vez que aposta pola creación dun viveiro de novas empresas locais, que conten cun sistema de apoio aos emprendedores. Por iso, o candidato socialista non dubidará en ofrecer beneficios fiscais a estas novas empresas, que poderán optar igualmente á concesión de microcréditos.

Para garantir o éxito destes creadores, o PSOE arteixán encargará estudos da actividade industrial e de posibilidades de emprendimento, apostará polo co-working e as TIC, así como a posta en marcha dun centro tecnolóxico sobre o deseño téxtil.

Por último, se elaborará unha bolsa de emprego municipal onde todos os veciños gocen de igualdade de oportunidades, con sistemas de rotación no emprego local.

Asimesmo, Martín Seco esixe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que aposte claramente por un plan especial de emprego e de implantación da industria, así como por cambiar o mapa da formación profesional co fin de adaptalo ás nosas necesidades.


No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.