27 julio 2015

MOCIÓN DE APOIO Á FESTA GALEGA E OS SEUS TRABALLADORES


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Galicia ten unha forte tradición popular vinculada ás festas populares que cada ano se celebran vinculadas ás parroquias. Non obstante cabe destacar que a pesar de haber en Galicia 314 concellos,  estes divídense á súa vez en 3.792 sedes eclesiásticas que conforman as denominadas parroquias.

Tan arraigada está a tradición da “festa galega” que en case todas estas parroquias, polo menos unha vez o ano, se celebra unha festividade anual que contén sempre unha actuación musical en directo. É por isto que o número de verbenas en Galicia é superior a 3.000 por ano acadando a cifra de 12.000 actuacións musicais vinculadas a estas celebracións, o que deu lugar a unha industria musical propia e enmarcada dentro deste conglomerado lúdico, festivo e singular que “move máis recursos e xera máis emprego que todas as actividades musicais que se desenvolven hoxe en Galicia”.

O xeito de organizar e sufragar estas festas responde, en máis do 90 % dos casos, á promoción, xestión e financiamento por parte dos veciños das respectivas parroquias, que se organizan en comisións de festas, asociacións de veciños, etc. Este é un factor diferencial de organización das festas en Galicia con respecto ao resto de España, xa que fóra da nosa comunidade as festas son organizadas por organismos públicos e non directamente polos veciños.

É por isto que estamos asistindo a unha mobilización masiva do sector que manifesta unha fonda preocupación pola pervivencia desta actividade económica: dende as propias orquestras, os músicos e os promotores, que piden que se leve a cabo unha regulación do dito sector por parte da Administración, que teña en conta as especificidades de Galicia e que non poña en perigo un sector que factura uns 60 millóns de euros e emprega a máis de 7.000 persoas relacionadas co sector do espectáculo. Ademais do impacto que estas celebracións teñen a nivel social e tamén noutros sectores como son o turismo e a hostalería.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Arteixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal o seguinte ACORDO:

O Pleno do Concello de Arteixo  insta ó Goberno galego para que se dirixa ó Goberno de España,  previo diálogo co sector citado, en demanda dunha regulación fiscal que atenda as súas peculiaridades e dunha revisión da lexislación de espectáculos e das licenzas de actividades correspondentes,  hoxe fortemente restritivas da actividade das orquestras e das festas populares.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.