Hoxe asistimos unha vez máis a un acto propagandístico do PP en pleno proceso electoral en contra do que marca a lei de transparencia, xa no mes de Maio do 2015, a Autoridade Portuaria tivo que cancelar a presentación do plan estratéxico para o porto, por orde da Xunta Electoral e agora agasállanos cunha exposición fotográfica que invade a rúa peonil de Arteixo e que hoxe ven a visitar o Presidente da Autoridade Portuaria, que se tivera o mínimo de decencia, despois do sucedido en 2015 e o que está sucedendo hoxe, debería dimitir por incumprir o establecido pola lei de transparencia e utilizar as institucións do estado como propaganda dun partido político en período electoral. O PSdeG-PSOE presentará unha denuncia formal ante a Xunta Electoral por este comportamento das institucións gobernadas polo PP.
O curioso é ver este despropósito nunha infraestrutura sen rematar no 2016, cun futuro incerto para o seu acceso ferroviairo, sen ter aínda resolto o acceso por estrada, cunha peaxe en Pastoriza que o propio Ministerio de Fomento do que depende esta institución se nega a eliminar, cunha falla preocupante de actividade portuaria nesta infraestrutura, que pon en evidencia as mentiras contadas por Núñez Feijoo fai xusto catro anos, na anterior campaña electoral á Presidencia da Xunta, cando prometeu a inminente chegada de empresas foráneas para deixar actividade económica e emprego nestas e que resultaron unha burda cortina de fume para a súa campaña electoral.
Mentres o alcalde Calvelo esqueceu a reivindicación da liberalización da peaxe da AG-55 en Pastoriza e préstase a esta sucia montaxe electoral do PP dende o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia. Semella que todo aquel espectáculo que montou, con manifestación incluída, foi unha simple posta en escena, para tratar de exculpar a responsabilidade do seu partido, nunha decisión moi negativa para Arteixo e que hoxe camiña da man daqueles que dicía combater, triste comportamento de quen di unha cousa e fai a contraria continuamente.

No hay comentarios :
Publicar un comentario
¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.