22 octubre 2016

Martín Seco García (Voceiro do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo): “Despois de case seis anos de goberno do PP en Arteixo, é preocupante ver a incapacidade de Carlos Calvelo para deseñar o modelo de concello que queremos no futuro, non ter ningún tipo de canle de comunicación con oposición e veciñanza e non saber que relación quere manter coa nosa comarca”


Nas derradeiras datas observamos como o goberno do PP de Carlos Calvelo, camiña cara a ningunha parte a cabalo da súa maioría absoluta, aproveitándose da capacidade económica que ofrece o noso tecido empresarial, para investir sen planificación e tapar a súa incapacidade para facer xestión política.

A incapacidade demostrada polo seu grupo de goberno, para desenrolar o Plan Xeral de Ordenación Municipal, paralizado dende 2011 por un grupo de goberno que abandonou a planificación xeral, para levar a cabo actuacións urbanísticas que benefician só a uns poucos, a falla de presenza de Arteixo na primeira convocatoria dos fondos do EDUSI, no que concellos como o veciños Culleredo obtiveron case 4 millóns de euros, ou a posición cambiante do noso alcalde, en canto a relación que desexamos ter cos concellos veciños da nosa comarca é realmente preocupante.

Se o Plan Xeral de Ordenación Municipal, está paralizado e sen ánimo por desenrolalo, segue as directrices claras, de quen prefire que o desenrolo urbanístico só beneficie a uns poucos cidadáns, cuestións como o desenrolo de algunhas unidades de actuación, con intereses duns poucos empresarios amigos do PP ou a lenta tramitación que segue a modificación das normas do Polígono de Sabón, fronte a urxencia por modificalo uso do solo nunhas cantas parcelas deste polígono, fala as claras de cal é a defensa do ben público deste grupo de goberno. Dende o Grupo Socialista preguntámonos que pasou para que Calvelo incumprise a promesa de telo aprobado na anterior lexislatura e seguir tendo o documento paralizado nesta, seguiremos pedindo insistentemente, que o noso concello goce dunha planificación que sexa boa para tódolos veciños en xeral e para o desenrolo da vida cotiá dos que vivimos neste concello.

Fai poucas datas, saíu a segunda convocatoria para os fondos do EDUSI, despois dunha primeira convocatoria fai 9 meses, na que Arteixo non participou, por non ter ningún tipo de estratexia sostible de futuro para o noso concello e perdeu a posibilidade de recibir ata 5 millóns de euros para proxectos sostibles. Despois desta mala xestión, o alcalde se comprometera coa oposición a traballar conxuntamente para poder desenrolala e poñer en marcha os mecanismos de participación cidadá necesarios para involucrar á sociedade, e agora resulta que a falla de pouco tempo para finalizar a segunda convocatoria, dende a oposición e a veciñanza descoñecemos que traballo se está a levar a cabo nesta materia, xa que o alcalde non nos convocou nin unha soa ocasión para falar do tema, o que si sabemos é que no corpo dos funcionarios do concello non se está a traballar neste tema actualmente e todo o que se fixo en materia de participación cidadá é ofrecer un mail onte aos cidadáns para que manden o que desexen. Dende o Grupo Socialista presentaremos unha moción pedindo que se abran canles de participación real.

En materia da relación cos concellos veciños, resulta desconcertante escoitar a falla de criterio do noso alcalde, que estaba en contra da creación da mancomunidade, pedindo unha carta de servizos e a inclusión da cidade de A Coruña neste ámbito, para despois estar tamén en contra da creación da área metropolitana, na que estaría incluída a cidade e que legalmente podería contar con esta carta de servizos. Agora resulta que pide que se escoite a tódolos grupos políticos, cando o seu goberno practica a política máis opaca de toda a comarca, sen ánimo de dar participación algunha aos partidos da oposición e aos colectivos veciñais, ou as súas novas pretensións de agora levar a área metropolitana ata Carballo, un coello da chistera que o único que trata é de xustificar a incapacidade absoluta de Calvelo, para poder traballar cóbado con cóbado con ninguén, e a incapacidade do Partido Popular da comarca de A Coruña, que fai tres días asinaba a cegas o documento de inicio do proceso de creación da área metropolitana e agora curiosamente e só por intereses políticos, trata de paralizar. Dende o Grupo Socialista pedimos claramente que se aposte pola creación da área metropolitana, un ente básico para solucionar os problemas reais de servizos que adoece a nosa poboación, mobilidade, transporte, auga, saneamento, lixo,… 

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.