28 enero 2017

“O PP de Arteixo, despois de decidir en solitario o abandono do Consorcio da Mariñas, acude a un Consello Veciñal, sen propostas concretas sobre que facer co noso lixo en Xaneiro de 2018 e trasladándolle o problema aos representantes veciñais cunha proposta de enquisa, que farán sen ningunha garantía de obter un resultado serio e veraz”


O PP de Arteixo despois de 6 anos xestionando o lixo dende o Consorcio cuns resultados visiblemente mellorables en comparación con outros concellos deste ente como Oleiros ou Culleredo e cun prezo moi elevado, decidiu en solitario, apostar polo abandono do ente supramunicipal e xestionar o lixo dende o noso concello. Os partidos políticos da oposición pedímoslle dende fai anos que fixese un estudio das deficiencias do servizo, recollida, colocación de contenedores, limpeza destes,…, para trasladarllos ao consorcio e analizar as posibilidades de trocar o sistema de xestión e calcular unha posible rebaixa das facturas que pagamos tódolos cidadáns do concello. Ademais solicitámoslles que en caso de querer abandonar o Consorcio fixese unha análise sosegada do servizo e cal sería a alternativa municipal para xestionalo dende o noso concello e o custe que isto suporía, sen obter ningunha contestación, máis aló dun informe sen base real, fallo de datos e con algúns anteriores a 2007.

Unha vez tomada a decisión de abandonar o Consorcio, dende o PSdeG-PSOE pensábamos que o PP, tería claro cal vai a ser o sistema a aplicar e como desenrolaría o servizo, pero estamos case comezando Febreiro e no Consello Veciñal desta semana atopámonos que non ten aínda unha alternativa real e que non ten feito ningún estudio de facer e como facelo. O máis grave é que dende o goberno local, traslada o problema aos representantes veciñais e sociais do noso concello, para agocharse detrás deles ante a decisión tomada e pon en marcha unha enquisa feita sen ningún rigor, para que aqueles que o desexen digan o que pensan sobre a recollida do lixo, unha enquisa que se repartirá nos locais municipais e supermercados do concello, onde se porán urnas sen ningún tipo de control e na que poderán votar os afectados, os que desexen facer bromas, os que desexen votar 50 veces ou aqueles que sexan teledirixidos polas transparentes mans do Partido Popular, cando sería doado encargarllo a unha empresa especializada ou a Universidade de A Coruña que aplicaría sistemas que garanten un resultado certo.

Dende o Grupo Municipal Socialista volvemos a pedirlle ao goberno do PP, que se tome en serio a xestión do lixo, que faga as cousas con rigor, que faga un estudio serio do servizo, que fale coas Asociacións de Veciños, pero tamén cos propios cidadáns, que tome as inquedanzas dos comercios, da hostalería e dos empresarios dos nosos polígonos, para poder ter un resultado axeitado dunha decisión tomada sen datos, sen rigor e sen pensar máis aló que ter nas súas mans a xestión dun novo servizo que poida facer posible a anhelada empresa municipal de servizos, na que os concelleiros do PP, poidan facer e desfacer ao seu gusto, con menos garantías legais e de control para os cidadáns.     

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.