05 septiembre 2012

Moción de apoio aos gandeiros galegos ante a caida do prezo da leite que está a acabar coas explotacións do noso país



MOCIÓN
 
As organizacións profesionais agrarias, UNIÓNS AGRARIAS, XÓVENES AGRICULTORES e SINDICATO LABREGO GALEGO trasladan ós Grupos políticos con presenza nesa Corporación Municipal para que, de acordo co establecido nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, sexa presentada para o seu debate e aprobación polo Pleno a MOCIÓN que a continuación se recolle:

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O rural de Galicia está a afrontar un tempo de incertezas económicas agravado en boa medida polo diferencial de prezos do leite con España e Europa. Os gandeiros galegos son os que reciben un prezo máis baixo polo seu leite de toda España. En maio de 2012 os gandeiros galegos recibiron 29,2€/100 litros, que está un 5,5% por baixo do prezo medio estatal e un 15,61% por baixo do que perciben os produtores valencianos. As diferenzas de prezo entre Comunidades Autónomas danse incluso entre gandeiros que entregan á mesma empresa.

  

Fonte: FEGA


Respecto do prezo percibido polos gandeiros galegos é un 5,48% inferior ao de Portugal, un 1,10% inferior ao de Francia, un 5,65% inferior ao de Alemaña e un 12,16% inferior ao de Holanda.


Fonte: CIRCA. UE

Unha situación que se veu agravada pola suba dos custos de produción e a seca que vivimos a última primavera. Así, nos últimos anos os custos de produción e o prezo do leite evolucionaron de maneira moi diferente: os fertilizantes, os combustibles, a electricidade e o penso para vacún de leite experimentaron subas espectaculares mentres que o prezo do leite apenas experimentou cambios. Dende o ano 2005 os ingresos por venda de leite subiron un 0,9% e os custos de explotación subiron un 29,6% (os alimentos para o gando subiron un 33,9%, os fertilizantes un 60,2%, os gastos enerxéticos un 50,4%) o que motivou unha caída da renda do 43%.


Fonte: MAGRAMA

Estes factores debuxan, en definitiva, un escenario pouco alentador para os que vivimos do sector primario en Galicia. Tal é así, que o lácteo galego está ao borde da súa desaparición e con el non só un tecido económico que da emprego a mais de 66.000 persoas na nosa Comunidade Autónoma, entre emprego directo, indirecto e inducido, asentado no rural, en pequenos autónomos, en actividades coma a construción, o comercio, a hostalería, talleres, servizos de contratación de maquinaria e outros. É un feito ben sabido que moitas das comarcas do rural galego teñen unha total dependencia económica do sector, pois a redución nos ingresos do leite reduce á súa vez os ingresos doutras actividades das zonas rurais, que contribuen de xeito capital ao mantemento dun medio cada vez máis despoboado.

As organizacións de produtores trasladámoslle ao Presidente da Xunta de Galicia o pasado día 5 de xuño no marco da Mesa do Leite, a necesidade de impulsar diante do Goberno do Estado unha iniciativa política urxente e contundente que impida o estrangulamento financeiro do sector lácteo. Así mesmo, fixemos fincapé na importancia do impulso dun acordo entre industria, produtores e Administración para acadar unha postura común diante da distribución de cara a impedir que as explotacións galegas, a pesar de teren un mercado de proximidade deficitario de leite, vexan como as francesas perciben un maior prezo a pesar de estar nun marco claramente excedentario.

A día de hoxe seguimos sen solucións, e a situación do sector é aínda máis sombría, xa que dende entón, producíronse novas baixadas de prezos ó produtor, e pola contra, as materias primas para a fabricación de pensos, seguiron disparándose, especialmente a soia.

Polo exposto, as organizacións profesionais agrarias, UNIÓNS AGRARIAS, XÓVENES AGRICULTORES e SINDICATO LABREGO GALEGO, SOLICITAN a presentación desta MOCIÓN diante do pleno da corporación municipal de Arteixo, para apoiar nas administracións correspondentes, e solicitar do Presidente da Xunta de Galicia o seguinte paquete de medidas:

1º Esixir aos Ministerios de Agricultura e Economía que non permitan que a distribución francesa e alemá nos trate como o sumidoiro para a súa produción láctea a custa de arruinar zonas produtoras como Galicia.

2º Que no exercicio das súas responsabilidades tome as iniciativas oportunas para impedir a discriminación de prezos que as empresas exercen sobre o leite galego, articulando mesas de negociación entre productores, industria e distribución semellantes as que se deron en paises veciños como francia.

3º A posta en marcha dun observatorio de precios das materias primas, que permita valorar a súa evolución de xeito transparente.

4º Que formule nas instancias que corresponda e con urxencia, as modificacións normativas que aseguren unha aplicación axeitada dos contratos no sector lácteo. A pesar do inmediato destes cambios, algunhas cuestións legais están pendentes de regular, tales coma os criterios de fixación do volume nos contratos ou a necesidade de regular a figura do mediador con capacidade de resolver discrepancias entre produtores e industria.

5º Que traslade á Consellería do Medio Rural a necesidade de reforzar as partidas de axudas á modernización das explotacións e, sobre todo, que actúe de xeito decidido contra o déficit de terra que padecen as explotacións galegas, que está a limitar a rendibilidade das mesmas e a comprometer o futuro das axudas europeas que estarán ligadas á superficie agraria.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.