27 junio 2013

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO PARA ESIXIR A CREACIÓN DUNHA NOVA PRAZA DE MESTRE DE EDUCACIÓN INFANTIL NO CEIP SAN XOSÉ OBREIRO DE MEICENDE E O AMAÑO INMEDIATO DAS SÚAS FILTRACIÓNS

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

        Dende a chegada de Alberto Núñez Feijoo ao goberno da Xunta de Galicia temos que soportar os continuos recortes nos servizos públicos que están a desfacer o estado de benestar que tantos anos custou construír entre todos e coa aposta decidida de moitos gobernos progresistas que puxeron por bandeira a igualdade de oportunidades para tódolos cidadáns, independentemente da súa procedencia. Dende a chegada ao goberno do PP do señor Feijoo podemos observar un desmantelamento dos nosos servizos sociais, a eliminación da lei da dependencia, un empeoramento progresivo da nosa Sanidade e a nosa Educación ao mesmo tempo que se leva a cabo unha privatización encuberta destes servizos cun trasfondo ideolóxico claro coa premisa de quen queira servizos que os pague.

        En materia de Educación tivemos que visualizar como diminúen os fondos para os nosos colexios públicos con cada vez menos docentes e menos fondos para os gastos destes, como se eliminou a gratuidade dos libros de texto, como se están a eliminar os comedores escolares e como ano tras ano vaise producindo a diminución de servizos de transporte escolar, cun menor número de paradas.

        Ademais disto podemos observar como o mantemento que exerce a Xunta de Galicia sobre os colexios do seu dominio e nulo e nos atopamos con múltiples deficiencias que son emendadas grazas ao superavit nas contas municipais, que estamos a cubrir os gastos que se aforra a administración do señor Feijoo que ten máis que esquecido ao noso concello.

        A último episodio correspóndelle ao CEIP San Xosé Obreiro e aos veciños desta parroquia, que viron como a Xunta de Galicia era incapaz de darlle praza aos 32 novos estudantes de Educación Infantil, deixando a 7 deles fora deste centro para ter que desprazarse ata outro núcleo do noso concello para poder ser escolarizados, cos problemas de conciliación que isto supón. De nada serviron as 1500 sinaturas que recolleron para pedirlle a Consellería de Educación que habilitase unha aula máis de Infantil cun novo profesor, xa que a Consellería de Educación semella que non quere facer ese esforzo polos nosos veciños e o noso Alcalde non ten a capacidade de interlocución diante dos responsables da Xunta para esixirlles esta dotación. Ademais temos que soportar como neste inverno as múltiples filtracións existentes fan moi difícil a habitabilidade neste centro nos meses de inverno, sen que a Consellería leve a cabo as obras necesarias para que as súas instalacións educativas sexan as idóneas. 


Por todo o anteriormente exposto, propoño ó pleno desta Corporación a adopción dos seguintes,


ACORDOS:

1.- O Pleno do Concello de Arteixo esixe da Consellería de Educación da Xunta de Galicia a creación dunha nova praza de profesor de Educación Infantil no CEIP San Xosé Obreiro de Meicende, habilitando unha aula máis para a inclusión deste 7 alumnos que quedaron ata o momento fora de dito centro.

2.- O Pleno do Concello de Arteixo esixe da Consellería de Educación da Xunta de Galicia que leve a cabo con celeridade as obras necesarias na cuberta do CEIP San Xosé Obreiro de Meicende para que no curso 2013/14 deixen de producirse filtracións de auga no seu interior.


3.- Enviar ditos acordos á Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.