27 junio 2013

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO PARA A CREACIÓN DUNHA NOVA ORDENANZA REGULADORA DA OCUPACIÓN DA VÍA PÚBLICA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

         Dende o Grupo Municipal Socialista defendemos o sentido común como criterio para levar a cabo unha xestión municipal seria e acorde cos intereses dos nosos/as veciñas/os, sabemos que a administración local é a que debe garantir a convivencia entre os diferentes actores da vida pública e poñer as regras e facelas respectar por tódolos seus habitantes.

        Sabemos que a situación de crise faise dura para tódolos sectores da poboación entre eles a nosa hostalaría que ademais coa posta en funcionamento da lei anti-tabaco necesita de instalacións físicas onde facilitarlle aos seus usuarios esta práctica, polo que entendemos que a nosa administración debe facilitar a instalación de terrazas para aqueles locais que o necesiten.

        A prioridade de calquera administración é velar pola calidade de vida dos seus administrados/as, pola súa seguridade e polo seu descanso, polo tanto estes deben de ser os eixes básicos que deben guiar a acción das nosas decisións políticas. Unha xestión pública eficaz para os cidadáns implica ter un respecto escrupuloso por aqueles que teñen máis problemas de mobilidade e procurar que tódolos cidadáns o fagan coa maior seguridade posible, polo que ningunha normativa debería de primar o desenrolo dunha actividade de lucro sobre os dereitos básicos dos cidadáns.

        Fai unha temporada que no noso concello estamos a vivir un despropósito na instalación de novas terrazas e outras instalacións nos viais públicos, onde non se están a respectar os requisitos mínimos de seguridade e  mobilidade dos nosos cidadáns e dende esta administración local semella que se está a primar a colocación de instalacións que non son imprescindibles e o mesmo tempo son moi molestas para a seguridade e mobilidade dos nosos/as veciños/as, polo que se fai indispensable a redacción con premura dunha nova Ordenanza Reguladora da Ocupación dos viais públicos, que regule a instalación destas instalacións con respecto aos nosos cidadáns.

           
            Por todo o anteriormente exposto, propoño ó pleno desta Corporación a adopción dos seguintes,


ACORDOS:


1.- O Excmo. Concello de Arteixo creará unha Comisión Especial para a redacción da Ordenanza Municipal Reguladora da Ocupación da Vía Pública, que estará constituída polos seguintes membros: 


a) Membros con voz e voto: 

- Presidente: Alcalde ou Concelleiro Delegado da Área Municipal competente ou persoa en quen delegue.

- Tres Concelleiros designados polo equipo de goberno.

- Un Concelleiro por cada un dos grupos políticos da oposición con representación municipal. 

b) Membros con voz pero sen voto:

- Dous representantes do CCA

- Xefe do Corpo da Policía Local ou persoa na que delegue.

- Dous Técnicos Municipais da Área competente na materia.

- Calquera persoa que en virtude da orden do día estime oportuno a Presidencia da Comisión, en calidade de asesor. 


2.- O espírito da Ordenanza debe ser conciliar as necesidades dos hostaleiros do noso concello cun respecto escrupuloso coa mobilidade e a seguridade dos nosas/os veciñas/os e o respecto pola configuración do noso urbanismo.


No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.