08 mayo 2014

“O Grupo Municipal Socialista felicítase pola noticia aparecida nalgún medio de comunicación de que se fixeron caso das alegacións presentadas polo noso partido e a Xunta reduciu nun 70% a ampliación do Polígono de Morás que figuraba no Plan de Parques Empresariais de Galicia”


Despois de que o grupo de goberno do PP non informara a ninguén sobre esta pretendida ampliación da Xunta de Galicia e tiveramos que ser os grupos da oposición os que convocaramos un pleno extraordinario para falar do tema, aínda que a AAVV de Morás o pedira ao igual que pedira asesoramento técnico e xurídico sen atopar resposta, atopámonos cun PP que votou en contra da iniciativa do noso grupo para que se presentasen conxuntamente alegacións contra un Plan de Parques Empresariais.

         Quero recordar que esta convocatoria plenaria, a levamos a cabo despois de observar como a solicitara unha asociación de veciños deste concello, sen ter ningunha resposta do grupo de goberno do Partido Popular comandado polo señor Calvelo, que non falou con esta asociación, nin con ningunha outra e tampouco o fixo co resto dos partidos políticos do Concello de Arteixo, e o que para nós é máis grave, ocultou a información sobre dito plan, que nin tan sequera publicou na páxina web, como fai cos temas importantes que afectan ao noso territorio.

         No noso grupo, non estamos nin estivemos en contra de crear actividade industrial para o noso concello, pero deixamos claro que non estamos de acordo con este tipo de actuacións feitas pola Xunta de Galicia do Partido Popular desde Santiago, sen ter en conta aos nosos veciños, nin o noso territorio, nin o noso futuro como pobo, ademais de non terse documentado a necesidade de tal volume de solo industrial para o noso Concello. Por ese motivo redactamos alegacións ao plan, nelas solicitábamos a eliminación das tres fases de ampliación de Morás que figuran no plan, por consideralas contrarias a lei, ó afectar a solo de especial protección e por ser unha ampliación moi prexudicial para o futuro do noso Concello.

         Dende o noso grupo solicitaremos agora que o grupo de goberno informe ao resto dos partidos da oposición sobre esta nova e o recollido pola Xunta neste Plan.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.