28 octubre 2014

MOCIÓN SOBRE AS BECAS



EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Para garantir a efectiva igualdade de oportunidades na educación post obrigatoria, no ano 2005 as bolsas foron recoñecidas como un dereito dos estudantes e as estudantes que as precisasen polas súas condicións socioeconómicas. O noso país foi un exemplo no avance a educación superior e hoxe temos os índices máis altos de éxito académico, en torno ao 78%. Un dato que se compara cos datos de países da OCDE (70%) e da UE-21 (69%) mostra o rendemento do estudantado universitario español.

Desgraciadamente o Goberno do Partido Popular só se dedicou neste tempo a pór trabas ás estudantes e os estudantes universitarios. Primeiro coa subida dos prezos públicos de matrícula, máis coñecidos como taxas universitarias, e despois cunha reforma do sistema de bolsas que as elimina como dereito de tódolos que as necesitan, afectando gravemente á igualdade de oportunidades. As bolsas xa non son unha garantía de igualdade no acceso á educación, son un premio para uns poucos.

Máis dificultades e menos recursos nos orzamentos cando as necesidades para familias e estudantes son maiores por mor da crise. O orzamento que o Ministerio de Educación destina a bolsas e axudas ao estudo caeu un 15,75% nos dous últimos cursos, o que supuxo que polo menos haxa un descenso de 275 millóns de euros. O balance do Goberno do Partido Popular en materia de bolsas e axudas é unha redución 40% no número de axudas e por tanto a quebra do principio de igualdade de oportunidades na educación.

Pero a situación é máis grave tal como reflicte o Informe “Education at a Glance”, a OCDE clasifica a España como “sistemas de axudas aos estudantes poucos desenvolvidos”. Ao Goberno do Partido Popular este feito non lle preocupou, nunha mostra da súa falta de interese en calquera mecanismo que favoreza a igualdade real no acceso aos dereitos que recoñece a constitución a todos os españois e as españolas.

Así, o Goberno desatende as recomendacións da OCDE, dos partidos políticos, das organizacións educativas e do alumnado universitario, ademais de incumprir a lei ao non convocar o Observatorio de Bolsas, un organismo creado para o estudo e a toma de decisións compartidas coa comunidade educativa. O PP ten o seu propio plan, subir as taxas, reducir e limitar as bolsas e fomentar os préstamos bancarios a universitarios. En definitiva, aumentar substancialmente o financiamento privado da educación superior, tal como suxeriu publicamente a Secretaría Xeral de Universidades.

Os universitarios e as universitarias demostraron a súa valía, o seu talento e o seu esforzo, a pesar dun Goberno que se empeña en castigar aos alumnos con menos recursos negándolles o gozar pleno dun dereito que a Constitución lles recoñece. As bolsas han de garantir a calquera estudante poder desenvolver o seu talento, independentemente da súa capacidade económica.

A política universitaria do PP conduce inevitablemente a unha diminución do número de estudantes universitarios, ao agravamento das dificultades económicas das universidades públicas e á ruptura da equidade no acceso á Universidade, en definitiva, á perda de oportunidades e do talento de moitos dos nosos e nosas mozas.

Por iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Arteixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal a seguinte MOCIÓN na que se insta ao Goberno de España a:
  1. Modificar a normativa reguladora das bolsas para recuperar integramente a súa natureza de dereito e establecer criterios claros, obxectivos e ponderables na súa concesión de tal maneira que o solicitante poida coñecer de antemán os criterios polos cales se lle outorgan e a contía que percibirá se lle é concedida.
2 . Restituír os requisitos académicos vixentes para o curso 2011-2012, fixando como contías base para as compoñentes de compensación e por mobilidade as dese mesmo curso.

3 . Actualizar os limiares de renda e patrimonio segundo a variación do IPC desde 2011.

4 . Establecer un período máximo de 3 meses para a resolución e pago dos expedientes de solicitude de bolsa. Xa que se están dando demasiados casos nos que esa bolsa pasa a cobrarse xa rematado o curso para o que se solicitou. Tendo que se ser as familias as que adianten os cartos para os estudos das persoas que teñen dereito e cumpren todos os requisitos esixidos polo goberno do PP.

5 . Adoptar as medidas necesarias para renunciar a esixir os reintegros previstos no artigo 41.b) da Resolución do 13 de agosto de 2013 aos estudantes que cumpriron todos os requisitos esixidos para obter a súa bolsa no momento da súa concesión.

6. Engadir unha modalidade de convocatoria que inclúa o pago da matrícula aos licenciados e graduados en situación de desemprego que realicen estudos de posgrao en Universidades públicas co fin de mellorar o seu cualificación.

7. Convocar con carácter de urxencia o Observatorio de Bolsas creado a través do Real Decreto 1220/2010, de 1 de outubro.

8. Adoptar as medidas necesarias para reducir o importe dos prezos das matrículas universitarias, suprimindo as restricións á capacidade da Conferencia Xeral de Política Universitaria de establecer os límites dos prezos públicos de matrícula introducidas polo Real Decreto Lei 14/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo.


No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.