24 noviembre 2014

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO SOBRE A POBREZA ENERXÉTICA 2.





EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

   A pobreza enerxética é unha consecuencia máis da grave crise social e económica que estamos a padecer. Defínese como aquela situación que sofren os fogares cuxos membros son incapaces de pagar unha cantidade de servizos da enerxía suficientes para a satisfacción das súas necesidades domésticas e/ou ven obrigados a destinar unha parte excesiva dos seus ingresos ao pago da factura enerxética das súas vivendas. 

   Segundo diferentes estudos socio - económicos son xa máis de 300.000 persoas en Galicia as que teñen graves dificultades para facer fronte ao recibo da luz ao final de mes, debendo dar prioridade ou elixir entre que cuestións básicas de subsistencia, moi unidas ao desenvolvemento dunha vida digna, poden permitirse e cales non.

   A este dato hai que engadir o que facilita o INE e o IGE nas enquisas de condicións de vida que sinalan que en torno aos 100.000 fogares en Galicia non poden manter a súa casa a unha temperatura adecuada, cos riscos que iso comporta especialmente para as persoas con factores de risco máis alto, como nenos, anciáns ou enfermos. 

   Fronte a este grave problema existen diferentes posicionamentos: mirar a outro lado, expor unha solución de conxuntura, ou adoptar medidas estruturais que remedien situacións dramáticas que poden ser evitadas con solidariedade e tamén coa lexislación. Lamentablemente, a dereita, como en outros moitos temas está na conxuntura. 

   Así mentres a Unión Europea ten instado aos diversos Estados membros a adoptar medidas para protexer aos consumidores máis vulnerables e a loitar contra a pobreza enerxética, en Galicia tense actuado tarde, pouco e mal.

    As normas europeas foron elaboradas cun dobre obxectivo: primeiro, garantir unha subministración de gas e electricidade imprescindible para garantir unha vida digna asociada á vivenda habitual, a un custo alcanzable para o consumidor vulnerable; e segundo, prohibir a desconexión en períodos críticos. 

  Mentres distintos países teñen aprobado normas que protexen aos consumidores máis vulnerables, prohibindo durante o inverno interromper a subministración que lles poida deixar sen calefacción, a lexislación española limitouse a desenvolvementos absolutamente insuficientes. 

    Cremos imprescindible ser sensibles á situación que moitos dos nosos veciños e veciñas padecen, e por tanto, estimamos a oportunidade de que a Xunta de Galicia utilice todos os resortes que ten ao seu alcance, e ademais inste ao Goberno de España a aprobar unha lei para solucionar os problemas máis urxentes e prexudiciais de pobreza enerxética, e que marque a orientación prioritaria das administracións á hora de afrontar as principais causas polas que esa pobreza enerxética se produce.

    Estimamos preciso que se considere e se lexisle para que a subministración de enerxía sexa un dereito social básico, que os consumidores vulnerables accedan a unha tarifa social en función dos seus ingresos e non do mercado, e o máis importante, que non haxa cortes de subministración no inverno para aquelas persoas que se atopen en situación de pobreza enerxética, financiando a diferenza entre a tarifa social e o consumo real a través dos orzamentos xerais do Estado.

    Entendemos que é preciso abordar a pobreza enerxética dentro dun contexto de ampliación de medidas estruturais, como son a mellora da eficiencia enerxética das vivendas vinculadas ás familias con máis dificultades, así como o apoio público á rehabilitación das vivendas que ocupan, coa finalidade de conseguir unha maior optimización dos recursos enerxéticos. 

    Ante todo cremos que o Goberno Galego debe recoñecer que se trata dunha medida de política social, co propósito de garantir os principios de progresividade, solidariedade e cohesión respecto dos consumidores máis vulnerables, e por iso entendemos que o custo desta iniciativa débese sufragar polo conxunto do sistema. 

    Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo solicita se someta a votación a presente MOCIÓN, e a adopción dos seguintes acordos:


Instar ao Goberno Galego para que:

     Habilite unha liña de axudas sobre un servizo mínimo de subministro de enerxía (electricidade e gas), que garanta que ningún fogar poda ser privado dun mínimo de cobertura enerxética de subsistencia entre o 1 de novembro e o 31 de marzo de cada ano, que permita garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza enerxética. 

    Esta liña de axudas desenvolverase no ámbito das políticas de benestar social, mais alá da colaboración coa Consellería de Economía e Industria, e arbitraranse medidas que faciliten a súa solicitude a aquelas familias afectadas por este problema.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.