24 noviembre 2014

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO SOBRE A VIOLENCIA DE XÉNERO.





EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A violencia de xénero constitúe un auténtico problema de Estado. E os datos constatan esta afirmación, xa que nos primeiros oito meses do ano, foron 40 as mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas, ademais de dous menores. En Galicia, os datos tamén son alarmantes, con 6 mulleres asasinadas nos primeiros oito meses do ano.

Hai que destacar, igualmente, que das 40 mulleres asasinadas, un total de 29 non tiñan presentado denuncia previa, o que se traduce nunha porcentaxe de máis do 72%.

Dentro deste escenario, hai que destacar o acontecido no mes de agosto, que foi o peor en cinco anos en número de vítimas, con 8 mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas. En Galicia, unha muller foi vítima da violencia machista en Barro (Pontevedra) e dúas foron noticia por ser agredidas polas súas parellas, unha en Abegondo e outra en Chantada.

Ante esta alarmante realidade, o Goberno do PP na Xunta de Galicia, en consonancia co Goberno Central, segue a recortar as partidas en materia de igualdade. Así, a Secretaría Xeral de Igualdade pasou de dispor de 60 millóns en 2009 aos 12,3 deste 2014. Así mesmo, destaca a redución do 55% do orzamento dirixido aos Concellos para programas de prevención da violencia e promoción da igualdade ou a eliminación dunha partida de 200.000 euros para prevención de violencia no eido da Universidade.

E se iso xa non fora suficiente, o Partido Popular impulsou unha Reforma Local, que suporá un pau sen precedentes na aplicación da Lei Integral contra a violencia de xénero, xa que se traducirá na usurpación aos Concellos das competencias en igualdade e, polo tanto, desaparecerán puntos de información, pisos de acollida, programas de axuda, etc. No caso de Galicia, esta Lei terá unha especial incidencia dado o elevado número de concellos de mediano e pequeno tamaño.

Non hai que esquecer tampouco que a LOMCE pon fin a unha materia clave na igualdade e, polo tanto, na educación e prevención da violencia de xénero: Educación para a Cidadanía. Esta decisión contrasta cos datos que apuntan a un reponte do machismo e violencia entre os mozos, con especial utilización para a violencia verbal e ameazas das novas tecnoloxías.

O día 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero, alzaremos a nosa voz para dicir que, ante todo tipo de violencia, debemos ter TOLERANCIA CERO. Pero non debemos esquecer que esta reivindicación debe ser unha constante os 365 días do ano, xa que a violencia contra as mulleres é unha dura e grave realidade cotiá así como unha lacra para unha sociedade que se di avanzada e democrática.

Este ano, ademais, cúmprese o décimo aniversario da aprobación dunha Lei fundamental: a Lei Integral contra a Violencia de Xénero, unha norma impulsada polo Partido Socialista. Despois dunha década, é o tempo de facer análise e atender as novas demandas, realidades e situación da sociedade, pero tamén é o momento de subliñar que esta lei, fundamental e determinante na loita contra a violencia machista, non está sendo desenvolvida polos Gobernos do PP.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo solicita se someta a votación a presente MOCIÓN, e a adopción dos seguintes acordos:

Instar ao Goberno Galego para que:

Primeiro.- Esixir aos Gobernos Central e Autonómico do Partido Popular que repoña as partidas recortadas ata o momento, porque esta é a única forma coa que poderemos iniciar a aplicación a desenvolvemento da Lei Orgánica contra a Violencia de Xénero de 2004 e a Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Segundo.- Reclamar ao Goberno Central do PP que promova un PACTO POLÍTICO E SOCIAL para abordar a violencia de xénero, coa participación de todos os axentes implicados neste auténtico problema de estado.

Terceiro.- Pedir ao Goberno do PP que retire a LOMCE e, polo tanto, recupere a materia de Educación para a Cidadanía, e que retire as subvención aos centros de ensino que segregan por sexo. A educación é fundamental para a prevención da violencia de xénero e as administracións deben garantir o desenvolvemento de programas educativos dirixidos a acadar a igualdade e rachar coa violencia machista.

Cuarto.- Instar aos diferentes Gobernos do PP a asumir unha serie de demandas, como a unificación dos casos de violencia de xénero de todos os servizos no Sistema de Seguimento Integral, incluír aos orfos de violencia nos programas de axudas, ou garantir a atención psicolóxica precoz para todas as vítimas, entre outras demandas das asociacións de mulleres.

Quinto.- Esixir a inmediata retirada da Reforma Local, que suporá un pau sen precedentes na loita contra a violencia de xénero, ao acabar cos servizos sociais dos Concellos, primeira institución de atención e protección ás vítimas.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.