28 enero 2015

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO SOBRE O RÉXIME FISCAL DO COLECTIVO DE EMIGRANTES RETORNADOS


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:


O Goberno do Estado, acaba de abrilo prazo para regularizar a situación das pensións dos emigrantes retornados, introducindo esta posibilidade na Lei de Reforma Fiscal e recoñecendo así os erros cometidos con este colectivo tantas veces denunciado nas rúas polos afectados.


Esta corrección de criterio do goberno, coincide con parte das reclamacións formuladas polo Partido Socialista e apoiadas por outros partidos, agás o PP, partido que sustenta ao goberno e que agora adquire como súa esta proposta, o que deixa en evidencia unha actitude partidista que demostra pouca humildade e respecto cara o resto de forzas políticas estatais.


O goberno, aproveitando a tramitación da lei da reforma fiscal, recoñece o erro no trato que mantivo con este colectivo, cando revoca as sancións, recargos e o seus conseguintes intereses e abre un prazo de 6 meses para que todas e todos os afectados poidan regularizar unha situación que promoviu o propio Ministerio.


A pesar de que debéramos celebrar esta rectificación, o certo é que se presume novamente insuficiente e de novo inxusta. Coa revocación das sancións, o goberno recoñece que non existiu mala fe por parte dos contribuíntes, e que a non declaración tributaria debeuse, non a unha situación de intencionalidade por parte do colectivo de emigrantes, se non a unha manifesta falla de información, da que o único culpable, é o Ministerio de Facenda.


Por tanto, o goberno, mais aló de rectificacións parciais, debe buscar unha solución global, xusta e racional a esta situación, promovendo que o tratamento fiscal de estes xubilados retornados, sexa igualitario cos xubilados nacionais para evitar agravios comparativos.

Ademais, para que as súas obrigas fiscais se equiparen, debera establecerse o carácter irretroactivo da norma e devolverlle, ademais das sancións, as cantidades aboadas dos anos non prescritos.

O goberno debe recoñecer, que parece improcedente que, outra vez, teñan que ser os cidadáns afectados, os que asuman como propios, os erros do seu goberno, en tanto este, non fará as devolucións de sancións, recargos e intereses de oficio, se non que cada cidadán, vese na obriga de facer a súa propia reclamación. Esquece de novo, o goberno, que está ante un colectivo vulnerable, e que os trámites administrativos, se lle antollan complicados e obrígalles a recorrer de novo a xestores co costo que isto ocasiona.

Ademais o goberno tamén obviou que a día de hoxe, non existe unha regulación que permita a homologación das retribucións por invalidez neste colectivo, o que provoca unha importante disparidade de criterios nos países respecto ás mesmas. A proposta que fai o goberno non evita este problema, polo que se deberían de articular convenios de regulación cos organismos públicos correspondentes, que eviten que os grados de invalidez aprobados no país de orixe laboral non se vexan reducidos ao seu regreso a España.

En derradeiro lugar, tampouco debéramos esquecer que estes cidadáns foron tratados inxustamente como defraudadores por culpa dun troco de interpretación por parte do goberno, sen terlles sido comunicado previamente, polo que se entende que o goberno debe artellar medidas que lles compensen o mal trato moral recibido.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo, somete a votación a seguinte MOCIÓN na que se insta ao Goberno de España a:


  • Que se realice unha equiparación das condicións fiscais para o colectivo de emigrantes xubilados retornados coa dos xubilados nacionais.
  • Que a Axencia Tributaria, devolva a totalidade do cobrado en materia de sancións, recargos e intereses, realizando de oficio aquelas devolucións que non foran tramitadas ao finalizar o prazo establecido.
  • Que se recoñeza a irretroactividade da norma para as liquidacións que resulten da regularización das pensións do estranxeiro non declaradas nos anos non prescritos e que de devolvan as cantidades cobradas ao efecto.
  • Que se faga unha campaña informativa pola Axencia Tributaria sobre a regularización destas rendas e a condonación das sancións, recargos e intereses de demora pagados. Esta campaña tamén debe servir para reparar, dalgún xeito, o dano moral causado ao colectivo de emigrantes retornados.
  • Que se homologuen as incapacidades recoñecidas nos países de orixe laboral dos emigrante retornados, establecéndose para elo, os convenios de regularización cos organismos públicos que sexan necesarios, para evitar a disparidade nos grados de invalidez entre países.



No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.