19 marzo 2015

O PSOE comprométese a levar a cabo un plan medioambiental en O Rañal para evitar prexuízos polas descargas en Langosteira

O candidato socialista Martín Seco dotará dun local público á asociación
veciñal “Praia de Alba” para poder desenvolver a súa actividade

A situación que viven os veciños de O Rañal é insostible. E todo iso debido á inactividade do goberno local do PP, que desatendeu unha zona do municipio que se ve gravemente afectada os traballos que xa levan a cabo no Porto Exterior de Punta Langosteira.
O candidato socialista e portavoz do grupo municipal, Martín Seco, reuniuse con representantes da “AVV Praia de Alba” de O Rañal para coñecer exactamente cales son as súas inquietudes e demandas. No encontro, os veciños transmitíronlle principalmente dúas cuestións, como son a necesidade dun local para desenvolver a súa actividade e a adopción de medidas para minimizar o prexuízo que supoñen as descargas de Punta Langosteira.
No primeiro caso, o PSOE comprometeuse a conseguir un espazo para que esta asociación, que conta cun importante número de socios, poida realizar alí o seu traballo. Os socialistas coinciden en que é necesario que as instalacións municipais existentes á beira do campo de futbol e que a día de hoxe rexenta a peña de O Rañal, sexan compatidas por ambos colectivos.
En segundo lugar, os veciños mostraron a súa preocupación polo que consideran unha clara inactividade do departamento municipal de Medio Ambiente, que non se interesou pola actividade do Porto Exterior ao non tomar as medidas oportunas para evitar as molestias que supoñen as descargas de clinker na nova infraestrutura.
Martín Seco anunciou que se chega á alcaldía tomará medidas de inmediato xa que, se o prexuízo xa é notable cando Langosteira acaba de empezar a funcionar, o impacto no futuro será moito maior. Neste sentido salientou a mensaxe transmitida pola AVV, que asegura que as casas aparecen cheas de po de clinker cando se producen as descargas sen que o goberno de Calvelo nin da Xunta, do PP, fagan nada, a pesar das múltiples denuncias e iniciativas presentadas no Parlamento de Galicia por parte do PSOE.
Así mesmo, os socialistas subliñaron que é completamente inaprazable a posta en marcha dun plan de seguridade para esta zona, que linda con empresas químicas, así como establecer un rigoroso control nos verquidos do río Bolaños, que acaban por chegar á praia de O Rañal.
Por último, Martín Seco tomou nota doutras demandas veciñais como a importancia de terminar as beirarrúas até a praia, así como favorecer a mobilidade e seguridade viaria neste núcleo. Tamén comprometeuse a instalar o saneamento na zona alta cara a Figueroa, onde existen polo menos unha decena de casas onde non chega este sistema, e a limpar a maleza das cunetas desta zona rural.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.