13 agosto 2015

MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DE ARTEIXO ESIXINDO A POSTA EN MARCHA DE MEDIDAS CON CARÁCTER URXENTE PARA GARANTIR A SUPERVIVENCIA DO SECTOR LÁCTEO GALEGO


O gandeiro é un sector produtivo vital para Galicia, e tamén para a provincia de A Coruña. Sen embargo, a importancia do sector non se pode medir exclusivamente en termos económicos de produción, PIB ou volume de negocio.
A actividade gandeira ten moitas outras repercusións que non deben esquecerse como a súa acción sobre o territorio, sendo coñecido que onde hai un aproveitamento responsable e unha ordenación do territorio sensata inflúe moi positivamente na prevención de incendios e na conservación do medio ambiente.
Tamén é fundamental a actividade agrícola gandeira para a viabilidade e sostibilidade de un tecido económico secundario que obtén fundamentalmente os seus ingresos destes produtores tales como talleres, almacéns de suministros, comercializadores de combustibles ou empresas de transformación agraria.
A maiores, existe un problema demográfico coñecido e recoñecido por todos os axentes sociais en determinadas zonas da nosa provincia, onde as actividades gandeiras non son só unha garantía de mantemento de familias no rural se non un verdadeiro potencial de crecemento demográfico e económico en moitos concellos a través do exercicio propio, tanto da actividade gandeira, como da actividade asociada.
Nos últimos anos, os gandeiros padeceron a maior reconversión e transformación coñecida dun sector produtivo na historia recente de Galicia.
Tamén os gandeiros da provincia de A Coruña fixeron inxentes esforzos para adaptarse a un novo modelo produtivo, abandonando as pequenas explotacións e a maioritaria produción de carne para afrontar o futuro dun mercado crecente de leite e derivados lácteos, no que España era produtora deficitaria e a demanda superaba con creces a produción.
Esta situación mantense na actualidade, xa que se segue a producir menos leite en España do que se consume. Pese a iso, o produtor de leite galego segue cobrando polo litro de leite moito menos que en outras comunidades ou outros estados da Unión Europea. Un comportamento ilóxico dun mercado que, tendo máis demanda que produción, abarata os prezos da materia prima debido á influencia negativa que para os nosos gandeiros ten a globalización e a regulación do mercado a nivel europeo sen unha acción en defensa contundente e ca utilización de todos os recursos que poderían por en marcha tanto a Xunta de Galicia como o Goberno Central.
A maiores, hai que engadir o mínimo peso de industria transformadora de derivados lácteos presente en Galicia, o que nos fai obter ingresos, fundamentalmente, da venda de materia prima sen obter valor engadido da comercialización de produtos elaborados.
Coa desaparición das cotas lácteas, os gandeiros enfrontáronse a un novo reto, a adaptación á liberalización do mercado. A inacción ou actuación incompetente e irresponsable tanto da Xunta de Galicia como do Goberno Central resultaron en que, este feito, que podía ser unha oportunidade de crecemento para o sector, se convertese nun verdadeiro drama que, de non solucionarse con inmediatez, levará ao peche e abandono da actividade de moitas explotacións pola súa inviabilidade económica nun contexto de mercado que mudou, e no que non teñen proteción nin medidas concretas que garantan a sostibilidade da súa actividade.
Fai poucas datas o PSdeG-PSOE esixía unha serie de medidas ao Goberno Central, que aínda hoxe son necesarias.
A introdución da figura do mediador e fortes sancións para que a industria non fixe os prezos de xeito unilateral, nin impoña contratos á baixa; se incorpore como referencia o volume obxecto do contrato a produción dos últimos 12 meses, garantindo a recollida e prohibindo o dobre prezo para ese volume; se elabore un plan de inspeccións claro e con seguemento periódico; a elaboración dun programa de crédito que axude aos productores; establecer un foro permanente de representación dos axentes implicados no sector; definir e regular un sistema de trazabilidade do leite e derivados e melloras na etiquetaxe.
A día de hoxe, nada útil se fixo por parte do Sr. Feijoo e do Sr. Rajoy para solucionar o problema de produtores. Se algo cambiou foi a peor.
Hai gandeiros aos que directamente non se lles recolle o leite. Non se garante a recollida de leite nas explotacións baixo a ameaza de sacar ao mercado excedentes almacenados coa única finalidade de tirar os prezos da materia prima. O prezo do litro de leite segue baixando, marcando mínimos históricos cada día. Xa son moitos os gandeiros aos que lles pagan só 18 céntimos de euro por litro e moi poucos os que acadan os 30 céntimos de euro. A consecuencia inmediata desta situación é o colapso económico das explotacións, que se vén obrigadas a vender por debaixo dos custes de produción.
Á miseria que os gandeiros reciben pola súa produción hai, que sumar a ameaza de importantes multas pola coñecida como “supertaxa”, problema ante o que o Goberno Central non ofrece ningunha solución a produtores e o Sr. Feijoo parece non ter entre as súas prioridades.
Despois do desesperante pasotismo da Xunta de Galicia e do Goberno Central que non adoptaron as medidas necesarias a tempo para evitar chegar ao colapso actual, é necesario actuar con inmediatez e con medidas concretas que garantan a viabilidade das explotacións, protexan aos gandeiros, garantan unha comercialización responsable e estimulen o consumo.
Así mesmo, no marco dunha regulación autonómica e estatal inútil e dun mercado europeo que na situación actual debilitan as opcións de viabilidade e incluso supervivencia dos nosos gandeiros, é necesaria a implicación de todas as administracións.
Por todo o exposto e ante a crítica situación que atravesa o sector lácteo en Galicia, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo solicita se someta a votación a presente MOCIÓN, e a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1-. Esixir ao Goberno Central e á Xunta de Galicia a inmediata posta en marcha das medidas concretas propostas anteriormente polo PSdeG-PSOE:
  • A introdución da figura do mediador e fortes sancións para que a industria non fixe os prezos de xeito unilateral, nin impoña contratos á baixa.
  • Se incorpore como referencia o volume obxecto do contrato a produción dos últimos 12 meses, garantindo a recollida e prohibindo o dobre prezo para ese volume.
  • Se elabore un plan de inspeccións claro e con seguemento periódico.
  • A elaboración dun programa de crédito que axude aos produtores.
  • Establecer un foro permanente de representación dos axentes implicados no sector.
  • Definir e regular un sistema de trazabilidade do leite e derivados e melloras na etiquetaxe.

2-. Esixirlle ó Sr. Feijoo, que como Presidente da Xunta de Galicia, primeira Comunidade produtora de leite en España, dea prioridade absoluta á situación do sector lácteo, e lidere as xestións necesarias ante o Goberno Central para poñer fin á crise dun sector vital para Galicia e garantir o futuro do mesmo.
3-. Esixir á Xunta de Galicia que habilite os instrumentos lexislativos e operativos para garantir a recollida de leite nas explotacións galegas a un prezo que garanta a viabilidade das explotacións.
4-. Esixir á Xunta de Galicia e ao Goberno Central un plan específico para a valoración real e colocación de excedentes da industria láctea a través de medidas como as compras públicas de intervención deses excedentes, almacenamento privado e entrega a terceiros países.
5-. Esixir ao Presidente da Xunta de Galicia e ao Presidente do Goberno Central que fagan as xestións necesarias para pór na axenda europea de inmediato o problema do sector lácteo galego co impulso de medidas concretas que adapten a regulación do mercado europeo á realidade do sector produtivo galego e estatal.
6-. Esixir á Xunta de Galicia a posta en marcha dunha campaña de estímulo do consumo de leite e derivados de procedencia galega a través de campañas de concienciación en comedores escolares, servizos de hostalería públicos ou con vinculación coas administracións públicas, así como programas específicos de concienciación.
7-. Esixir á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a actuación eficaz da Comisión de Competencia, para que execute de maneira inmediata e contundente as inspeccións e sancións contra as comercializadoras que utilizan o leite como un produto reclamo para o consumidor.
8-. Esixir á Xunta de Galicia e ao Goberno Central que se habilite de inmediato unha Comisión de Valoración de contratos vixentes con capacidade para anulalos se as condicións para o gandeiro non respectan parámetros de viabilidade, garantía de duración e recollida de leite.
9-. Instar á Xunta de Galicia a que, de acordo co Goberno Central, poñan en marcha de xeito inmediato, un plan galego de implantación de industria transformadora de derivados lácteos en Galicia con dúas vertentes: a produción de produtos tradicionais, que permita diversificar a produción propia das explotacións; e a produción de derivados lácteos de consumo masivo, vinculado a un plan de incremento das exportacións e penetración en mercados emerxentes.
10-. Instar á Xunta de Galicia a impulsar as cooperativas como axentes aglutinadores de produtores, e a que faga as xestións necesarias para habilitar os instrumentos precisos para que as propias cooperativas teñan capacidade de negociación efectiva coa industria, sobre a comercialización da produción dos gandeiros e asociados.


No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.