07 octubre 2015

MOCIÓN CON MOTIVO DA MARCHA ESTATAL CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS DO 7 DE NOVEMBRO 2015.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O 7 de novembro de 2015 confluiremos en Madrid miles de persoas de todo o Estado, convocadas  polo Movemento Feminista, para manifestarnos contra as violencias machistas.

Todas as persoas e entidades, especialmente as públicas, estamos emprazadas non só a manifestarnos e contribuír a esta acción cidadá, senón a reactivar e mellorar a prevención e a resposta á subsistencia da violencia machista evidenciada nos casos gravísimos deste  verán, dez anos despois da Lei integral contra a violencia de xénero de 2004, das numerosas leis autonómicas e un ano despois da ratificación do Convenio de Istambul (BOE do 06.06.14), que se incumpren substancialmente en canto a prevención no ámbito educativo, que só dan protección laboral ou económica ao 1% das 126.742 denunciantes, ou de vivenda, mentres crece a desigualdade que é o caldo de cultivo da violencia.

Os concellos, como institución máis próxima, somos imprescindibles para a prevención e a atención social, xurídica e psicolóxica que establece o artigo 19 da lei estatal  de 2004. Con todo, o artigo  27.3.c) da Lei de Réxime Local reformado pola Lei 27/2013 di que os concellos só poderán prestar servizos sociais, de promoción da igualdade de oportunidades e de prevención da violencia contra a muller por delegación do Estado ou da Comunidade Autónoma financiada ao 100%, que en absoluto cobren os 6 millóns da partida 45 do programa 232C de Violencia de Xénero no Proxecto de Orzamentos do Estado 2016.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Arteixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal a seguinte moción, instando o Concello aos seguintes ACORDOS:

Colocar o 7 de novembro de 2015 na fachada do Concello unha pancarta violeta coa lema "contra as violencias machistas" e promover activamente a participación cidadá na Marcha deste día.

Facelo igualmente cada ano o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia cara ás mulleres.

Soster tódolos días do ano, tódolos anos, os recursos persoais, materiais e políticos para a igualdade e para a prevención e atención xurídica, social e psicolóxica ás vítimas de violencia machista, cumprindo o art. 19 da Lei Orgánica 1/2004, establecendo un sistema estable de financiamento estatal, autonómica e local a longo prazo.

Asegurar unha atención estable e de calidade, en condicións de ampla accesibilidade, confidencialidade, protección e anonimato, que inclúa a rehabilitación, avaliación e seguimento, o que leva a xestión pública directa dos servizos para a igualdade e contra a violencia de xénero.

Contribuír á promoción da  igualdade e contra a violencia de xénero en todos os centros e en tódalas etapas educativas, cooperando coa comunidade escolar.

Realizar campañas de sensibilización  contra o sexismo na actividade cultural, de organización de festexos, de seguridade e convivencia  e tódalas actuacións e servizos de competencia municipal.

Erradicar o sexismo, a segregación, o acoso e os estereotipos sexuais en todas as nosas actuacións e servizos.

Desenvolver unha atención especial ás mulleres con discriminación múltiple e outros colectivos agredidos pola violencia machista, como persoas con diversidade sexual, inmigrantes, con diversidade funcional, paradas ou dependentes, e non incorrer na victimización múltiple nos procesos de atención.

Fomentar a participación da sociedade civil, en particular as organizacións de mulleres.

Enviar este acordo á Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, para que no seu seguimento e Informes ao GREVIO para a aplicación do Convenio de Istambul que establece o seu artigo 68 inclúa, conforme aos artigos 7.3 e 18.2, as actuacións da administración local. 

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.