23 abril 2016

Moción pedindo a bonificación do Imposto aos vehículos que menos contaminan

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O vehículo eléctrico é unha realidade que pouco a pouco gañará peso na mobilidade urbana, que avanza cara a un modelo máis sostible, e perfílase como una ferramenta para mellorar a calidade local do aire das poboacións, así como para loitar contra o cambio climático.

Arteixo, actualmente, non ofrece incentivos fiscais nin realiza ningunha outra medida de promoción das novas tecnoloxías da automoción. É por isto polo que presentamos ao pleno esta moción.

De acordo coa redacción vixente da Ordenanza fiscal nº3 no seu artigo 5, correspondente ao Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), as bonificacións fiscais son as seguintes:

bonificación do 100% na cota do imposto cando o vehículo teña unha antigüidade superior  a  35  anos  contados  a  partir  da  data  da  súa  fabricación.

A Lei Reguladora das Facendas Locais (RDL 2/2004), no artigo 95 apartado 6º, indica o seguinte:

“As ordenanzas fiscais poderán regular, sobre a cota do imposto, incrementada ou non pola aplicación do coeficiente, as seguintes bonificacións:

a) Unha bonificación de ata o 75% en función da clase de carburante que consuma o vehículo, en razón á incidencia da combustión de dito carburante no medio ambiente.

b) Unha bonificación de ata o 75% en función das características dos motores dos vehículos e a súa incidencia no medio ambiente.

c) Unha bonificación de ata o 100% para os vehículos históricos ou aqueles que teñan unha antigüidade mínima de 25 anos, contados a partir da data da súa fabricación ou, se esta non fora coñecida, tomando como tal a da súa primeira matriculación ou, no seu defecto, a fecha na que o correspondente tipo ou variable deixou de fabricarse.”

Consideramos que a redacción actual carece de toda lóxica medioambiental, posto que premia a contaminación fronte á eficiencia, modernidade e limpeza que supoñen as novas formas de mobilidade.

Ademais, segundo a Enquisa de Fogares e Medio Ambiente 2008 publicada en 2010 polo Instituto Nacional de Estatística, nos municipios de 20.000 a 50.000 habitantes tan só o 1,3% dos vehículos teñen unha antigüidade superior a 20 anos. Aplicado aos 21.342 vehículos asociados ao noso concello segundo a información da Dirección Xeral de Tráfico, uns 277 vehículos terían máis de 20 anos.

Por todo o anterior, proponse a adopción dos seguintes acordos:

Modificar o artigo 5 da ordenanza fiscal nº3 debe quedar redactado da seguinte maneira:

“Artigo 5. Beneficios fiscais.

Terán carácter rogado, debendo ser solicitados expresamente polo suxeito pasivo ante a Entidade Local que teña asumida a xestión tributaria do imposto. Con anterioridade ao devengo do imposto deberase aportar a documentación acreditativa necesaria.

1. Os vehículos das clases turismos, camións, furgóns, furgonetas, vehículos mixtos adaptables, autobuses e autocares, gozarán nos termos que se dispoñen nos seguintes apartados dunha bonificación na cota do imposto, en función das características dos motores, a clase de combustible que consuma o vehículo e a incidencia da combustión no medio ambiente, sempre que cumpran as condicións e requisitos seguintes:

a. Que se trate de vehículos de motor eléctrico (EV-“Electric Vehicle”), híbridos enchufables (PHEV-“Plug-In Hybrid Electric Vehicle”), vehículos de pila de combustible (FCV-“Fuel Cell Vehicle”) e/ou outros de emisións nulas. Estes vehículos gozarán dunha bonificación do 75% da cota incrementada con carácter indefinido, en tanto manteñan as circunstancias de motor e emisións sinaladas.

b. Que se trate de vehículos que utilicen como combustible biogás, gas natural comprimido, metano, metanol, hidroxeno e GLP ou mixtos GLP-gasolina en motores de ciclo OTTO, tanto implantados de fábrica como posteriormente, sempre certificando a súa implantación por organismos ou empresas homologadas para devandito fin. Estes vehículos gozarán dunha bonificación do 60% na cota incrementada en tanto utilicen os combustibles citados.

c. Que se trate de vehículos híbridos non enchufables (HEV-“Hybrid Electric Vehicle”) con motor eléctrico-gasolina, eléctrico-diésel ou eléctrico-gas, que estean homologados de fábrica, que incorporen dispositivos catalizadores adecuados á súa clase e modelo, e que minimicen as emisións contaminantes. Estes vehículos gozarán dunha bonificación do 50% na cota incrementada do imposto en tanto manteñan as circunstancias de motor e emisións sinaladas.

2. Os vehículos históricos gozarán dunha bonificación do 50% da cota incrementada do imposto. Os suxeitos pasivos ou os seus representantes poderán solicitar a concesión da bonificación acreditando por medio dunha copia compulsada do permiso de circulación do vehículo a súa condición de histórico.

O peticionario deberá xustificar, así mesmo, estar ao corrente do pago do imposto mediante a exhibición dos recibos dos últimos catro exercicios, ou certificado equivalente.

Para poder gozar das bonificacións establecidas no apartado 1 do presente artigo, os interesados deberán solicitar a súa concesión presentando a ficha técnica do vehículo e a documentación acreditativa dos requisitos. 

En todos os supostos, si se desexa que a bonificación produza efectos no mesmo período impositivo en que se produce a matriculación, a solicitude deberá presentarse no prazo dun mes desde a matriculación. En caso de que a solicitude se presente con posterioridade, a bonificación producirá efectos para o período impositivo seguinte á data de presentación da dita solicitude, e non alcanzará as cotas xeradas con anterioridade a esta. 

As bonificacións reguladas no presente artigo non son aplicables simultaneamente. No caso de que o suxeito pasivo teña dereito a dúas ou mais, disfrutará da mais alta.”

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.