29 junio 2016

Moción do Grupo Municipal Socialista sobre o colapso que sufren os centros educativos de Arteixo


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Arteixo, dende hai moitos anos caracterízase, entre outras moitas cousas, polo crecemento demográfico que ven experimentando. Dende hai máis de 10 anos, os nacementos superan ás defuncións, dándose así, un saldo vexetativo positivo, o cal implica que, a nivel educativo, exista un incremento de matriculación constante nos distintos ciclos da educación obrigatoria.
Estes son os datos dos nacementos en Arteixo, que demostran a solicitude:
 
2005:
327
2006:
312
2007:
370
2008:
244
2009:
346
2010:
368
2011:
375
2012:
312
2013:
299
2014:
288
2015:
318
 
Tamén podemos destacar, o abandono das autoridades educativas autonómicas actuais, ante as necesidades do noso concello, tanto no persoal como  no mantemento, dotación e construción de novas unidades educativas, tan precisas para dar cobertura ás necesidades educativas de Arteixo.
Tamén cabe destacar a falla dun plan xeral de ordenación municipal en Arteixo, que regule os espazos dotacionais onde levar a cabo este tipo de dotacións e a falla de previsión do goberno municipal de ter en propiedade terreos públicos para poder ofertarlle á Xunta de Galicia, para estas e outras dotacións públicas.
O CEIP Ponte dos Brozos, é o de maior matrícula de toda Galicia (máis de 1.000 prazas), nace no ano 1974 baixo o nome de Almirante Carrero Blanco, sendo ampliadas as súas instalacións nos anos 1976, 1977, 1979 e 1980. No ano 1993 ponse en funcionamento o Pavillón III. Ante a situación de colapso, o goberno bipartito de Emilio Pérez Touriño, fixo unha importante inversión, coa construción do novo CEIP Arteixo, para posteriormente volver a colapsar, pola falla de previsión e inversión da Xunta de Galicia en Arteixo con Núñez Feijoo ao fronte, un centro que debería ter en funcionamento unha liña 4 (número de clases por curso) e instalacións anexas para un bo desenrolo educativo, como biblioteca, laboratorio, salón de actos,… e despois de que desconxestionara as súas instalacións coa creación do CEIP Arteixo, volve a estar con liña 6 nalgún dos seus cursos e ameaza cunha posible liña 7 no futuro.  
Como pode verse ó longo da súa historia, o CEIP Ponte dos Brozos, tivo un constante crecemento e, en moitas ocasións, con aulas improvisadas con arquivadores ou pladur nos corredores e incluso, como estivo a suceder durante este curso, habilitando titorías como aulas. Todo isto, supón unha diminución na calidade educativa e un posible punto de conflitividade, ó reducirse o número de m2 por alumno/a, tanto nas aulas como nos espazos comúns (corredores, patios, etc).
Actualmente é un centro de liña 5, é dicir, 5 aulas por cada curso, se ben é certo que este ano en 3º de Primaria configurábase, de xeito provisional unha liña 6 (6 aulas nese nivel) esta provisionalidade pode volverse en algo cotiá,  posto que para o curso 2016/2017, terá liña 6 en 1º e 4º de Primaria e no 2017-2018, 2º, 3º e 5º de Primaria, pasarán a ser liña 6. Tendo ademais en moitos destes cursos superado o ratio de alumnos por clase.
No caso do CEIP Arteixo, estamos ante un centro de Liña 3, e neste centro é imposible fisicamente aumenta-los espazos, co cal non é viable aumenta-lo número de aulas. Por este motivo, para o vindeiro curso as tres unidades de 1º e 2º de Infantil contarán con 26/27 alumnos/as por clase. Esta situación supón unha diminución considerable na calidade educativa, nas actividades a realizar e a case imposibilidade de  levar a cabo a programación existente para ese nivel educativo impedindo ás/ós profesionais desenvolve-las súas tarefas docentes.
O Concello de Arteixo, polas súas características xeográficas, sociais e demográficas ten ademais a particularidade de que os seus centros educativos poden ser catalogados como “centros de carácter pluricultural” e, no caso do CEIP Ponte dos Brozos, como macrocentro, posto que estamos a falar dunha matrícula de máis de 1.000 alumnos, un cadro de profesorado de 71 docentes e 44 unidades (curso 2012/2013).
O problema demográfico, por mero crecemento dos alumnos de primaria,  comézase a introducir tamén nos nosos centros de formación secundaria, e o IES Manuel Murguía, comeza a adoecer de graves problemas de espazo e un empeoramento das condicións para impartir as súas actividades educativas, algo que verase incrementado en anos posteriores.
Por outra banda, este ano e outros anteriores asistimos aos recortes de persoal, que fai que centros como o CEIP Ponte dos Brozos, só teña unha orientadora e moita falla de profesores de apoio en todos os centros do noso concello e que nas escolas unitarias, non teñan profesores substitutos en caso de pequenas baixas laborais dos seus mestres titulares, algo que fixo que este curso, tivesen que pechar algunha destas escolas, ante a mirada inactiva da Consellería de Educación, que ben podería articular algunha medida de apoio ás unitarias, con persoal de apoio que puidese cubrir estas incidencias.
Ante esta situación e dende hai moito tempo, o Grupo Municipal Socialista atópase fondamente preocupado pola situación educativa no noso concello posto que detectamos carencias en canto a persoal, espazos, dotacións e, sobre todo, implicación por parte da Consellería de Educación, e xa sen meternos a fondo na oferta de Formación Profesional do IES de Sabón que dende hai moitos anos, este Grupo Municipal ven demandando unha adecuación e ampliación da oferta en función das características socio-laborais e de tipoloxía de empresas radicadas no noso termo municipal, así como un pulo á innovación e novas tecnoloxías, implantando ciclos formativos axeitados.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de somete a votación esta MOCIÓN para adoptar os seguintes ACORDOS:

  1. Demandar do Concello de Arteixo, a planificación de espazos públicos dotacionais, para poñer a disposición da Xunta de Galicia, co fin da construción dun novo CEIP e un novo IES para o noso concello.
  2. Demandar ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, máis persoal para os centros educativos do noso concello e un sistema de cobertura dos mestres das escolas unitarias.
  3. Demandar ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria os plans previstos para Arteixo en función do índice demográfico e o constante crecemento vexetativo.
  4. Solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a construción dun novo CEIP e un novo IES no noso territorio.
  5. Solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a ampliación e adecuación á realidade socio-laboral do Concello de Arteixo implantando novos ciclos formativos que dean resposta ás necesidades das empresas radicadas no noso termo municipal.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.