20 septiembre 2016

Villoslada afirma que os 8 anos de goberno de Feijoo supuxeron un lastre ao impulso económico e ás infraestruturas do concello de Arteixo



Ten o índice máis alto de paro da comarca e o polígono industrial máis grande de Galicia sen rematar, entre outras deficiencias


O candidato número 3 pola Coruña, Juan Manuel Díaz Villoslada, afirmou hoxe en Meicende (Arteixo) que os 8 ano de goberno de Feijoo supuxeron “un grave lastre para o desenvolvemento e o futuro da economía no municipio e a modernización das súas infraestruturas”.

Villoslada, que acudiu a Meicende en compañía do voceiro socialista no concello arteixán, Martín Seco, precisou que as políticas do PP saldáronse neste anos cunha mingua das oportunidades de emprego, “que converten a Arteixo no municipio co índice de paro máis alto de toda a comarca coruñesa, malia súa industria e potencial económico”.

Xunto a isto, a falta de políticas de desenvolvemento do solo industrial e de busca de empresas “fai que teñamos o polígono industrial máis grande de Galicia sen rematar e que moitas empresas” como a trefilería, SAPA ou a de derivados do carbón de Repsol, “abandonen o polígono de Sabón”, sinalou.





Pola súa banda, Martín Seco engadiu que o porto exterior, malia ser unha fonte de oportunidades económicas e de emprego, “carece das infraestruturas e os accesos necesarios para ser atractivo para que as empresas se establezan nel”. Lembrou tamén que en 2012 Feijoo “anunciara a bombo e platillo a chegada de dous importantes proxectos empresarias de nacionalidade chinesa e mexicana, que no 2016 seguimos a esperar”.

Salientaron ademais que a falta de apoio aos novos emprendedores e autónomos por parte da Xunta, fai que moitos teñan que abandonar os seus proxectos.

Por último, sinalaron que as eivas na trama viaria “fan cada ves máis de Arteixo un lugar incómodo para vivir e para que as empresas desenvolvan a súa actividade”. A este respecto, Villoslada e Seco avogaron por que se lle dea saída ao tráfico pesado da zona norte do concello e que se desconxestione o tránsito polo casco urbano, coas circunvalacións precisas e a retirada da peaxe na autopista Coruña-Carballo.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.