15 septiembre 2016

O PSdeG-PSOE pídelle a Calvelo que esixa da Consellería de Sanidade que deixe de tomarlle o pelo aos nosos cidadáns coa posta en marcha do Centro de Saúde de Vilarrodís


A pésima xestión dos servizos sanitarios en Arteixo por parte da Consellería de Sanidade, trouxo como colofón a nefasta posta en marcha do novo Centro de Saúde de Vilarrodís, despois de moitos anos de espera e coas presas do que necesita inagurar algo sen as xestións e as previsións necesarias, ademais de non xerar ningún servizo novo para os nosos cidadáns e non aumentar o persoal sanitario existente no noso concello.

Moitos usuarios sufriron trocos de centro médico e no seu facultativo sen aviso previo, fixéronse troco de quendas para algúns cidadáns que necesitaban un horario determinado pola súa actividade profesional, familias distanciadas con facultativos en centros diferentes e unha sensación de improvisación preocupante.

Investir nun Centro de Saúde novo, para seguir cos mesmos médicos de familia e pediatras, nun centro que só contará con este médico para os nosos rapaces, un día á semana, sen quenda de tarde, sen incorporar servizos necesarios no noso concello, como a fisioterapia e outras especialidades, ou poñer un servizo de radiodiagnóstico, cando o noso centro de saúde en Arteixo conta cunha sala preparada para elo ou a mellora dun servizo de urxencias insuficiente, parece unha tomadura de pelo aos usuarios deste servizo público. Onde están as vellas demandas de apertura do ambulatorio de Meicende pola tarde, cando se comezará a urxente e inaprazable reforma do Centro de Saúde de Arteixo, todo isto segue sen resposta por parte daqueles que veñen a inagurar o Centro de Vilarrodís.


Dende o PSdeG-PSOE esiximos unha resposta urxente do noso goberno local, que poñan fin a este despropósito e que aposten por un servizo público de calidade que pagamos tódolos cidadáns, para elo levaremos iniciativas plenarias ao próximo pleno ordinario que fagan que o noso goberno local esperte dun letargo político, que fai que o noso alcalde pregue a cabeza diante do goberno de Feijoo, que só quere sacarse fotos de inaguracións e facer propaganda a costa dos cidadáns que pagan os seus impostos.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.