14 septiembre 2016

Villoslada: “Feijoo recortou un 22% o gasto por habitante en educación e fomentou a desigualdade no acceso a un ensino de calidade”

Visitou Arteixo para verificar o abandono dos centros públicos, os problemas de masificación e as carencias de formación profesional no municipio

Juan Manuel Díaz Villoslada, denunciou hoxe en Arteixo que o goberno de Feijoo, entre 2009 e 2015, “recortou nun 22% o gasto por habitante en educación, algo semellante a quitarlle a cada galego 22 euros de cada 100 que pensaban destinar á formación dos seus fillos”. E esta avultada redución de 400 millóns de euros “nun gasto público que en realidade e un investimento de futuro”, precisou, ten consecuencias directas: o despedimento de 2.500 profesores, a escaseza de persoal de apoio, a falta 

de mantemento dos centros e as carencias materiais, entre outras. 

Villoslada sinalou que para darlle a volta a esta “crecente desigualdade no acceso da poboación con menos recursos a unha educación de calidade”, o programa educativo que abandeira Xoaquín Fernández Leiceaga “proponse recuperar o nivel de emprego e investimento en educación” anterior á chegada de Feijoo, “a gratuidade dos libros de texto e o pacto en materia de normalización lingüística no ensino”. 

A visita de Villoslada a Arteixo serviu para deixar en evidencia a situación educativa na que se encontra o concello logo de 8 anos de goberno do PP.


O voceiro municipal socialista, Martín Seco, denunciou o abandono que  sofren os centros educativos locais. “Despois de anos de denuncias, nos últimos meses, e cun claro interese electoralista, o Concello asumiu algunha obra de reparación de cubertas que lle correspondería acometer á Xunta, pero sigue negándose a instarlle á Consellería a construción dun novo centro que alivie a crecente masificación escolar no municipio”. 


Seco recordou que, precisamente, o último en construírse en Arteixo foi na etapa de Emilio Pérez Touriño, e que foi inaugurado en 2010 xa pola Xunta actual. “Nestes 8 anos non se fixo nada máis”, engadiu. 


O candidato pola Coruña Antonio Álvarez, pola súa banda, puxo de manifesto os problemas do maior centro escolar de Galicia, o CEIP Ponte dos Brozos, que foi pioneiro no emprego das novas tecnoloxías nas aulas, pero que “agora, con algo máis de 1.100 alumnos, vese afectado tamén pola masificación”. 


O aumento do número de alumnos fai precisa a contratación de profesorado de apoio en pedagoxía terapéutica e audición y linguaxe para atender a rapaces con necesidades especiais, “e falta tamén persoal coidador para alumnos discapacitados”, denunciou Álvarez. “O goberno do PP, seguindo os principios ideolóxicos da LOMCE, non está interesado na igualdade, e non lle interesa que determinado tipo de alumnos estea nas mesmas condicións cós demais na atención educativa”, afirmou.


O candidato e secretario de Organización de FESP-UXT referiuse tamén á situación da FP, que “non se acomoda ao tecido produtivo” dun municipio cunha intensa actividade industrial. A este respecto, Antonio Álvarez recordou que “son as propias empresas do polígono industrial de Sabón as que se ven obrigadas a impartir cursos de formación para atender as súas necesidades en recursos humanos”. 


Álvarez e Villoslada fixeron fincapé na imprescindible colaboración e transferencia de coñecementos e tecnoloxía entre a Universidade e a empresa, un aspecto polo que pretende “apostar decididamente” o PSdeG.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.