O PSdeG solicita por rexistro a convocatoria
deste foro como reforzo
ás peticións do CCA
O grupo
municipal levará unha moción ao próximo pleno para que “de unha vez por todas”
se aprobe a ordenanza de terrazas
Os socialistas de Arteixo apoian as reivindicacións do sector hostaleiro e levarán a cabo varias iniciativas como reforzo das súas esixencias ao Goberno local. En primeiro lugar, o PSdeG solicitará por rexistro que se convoque a Mesa de Reactivación da Economía Local na que están presentes representantes do CCA e membros da corporación.
No próximo pleno, o grupo municipal levará unha moción na que esixirán que “de unha vez por todas” o Goberno local aprobe a ordenanza de terrazas. A falta desta norma provoca inseguridade no sector, e o PP ten sido incapaz “de aprobar un texto en anos”.
Conscientes da situación tan crítica pola que está a atravesar o sector hostaleiro de Arteixo, os socialistas propuxeron no pasado pleno a exención da taxa de recollida de residuos urbanos para os negocios que tiveron que cerrar durante o estado de alarma. A proposta foi rexeitada polo Goberno local que tamén se negou a convocar a Comisión de Seguimento da Covid.
“Os socialistas seguiremos a propoñer medidas que
beneficien ás pemes e ao comercio local do concello, sobre todo nestes
momentos. Apoiamos as reclamacións dos hostaleiros porque ademais de xustas,
son moi necesarias para garantir a supervivencia do sector”, subliña o voceiro
socialista, Simón López.

No hay comentarios :
Publicar un comentario
¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.