25 agosto 2020

O PSOE PREGUNTARÁ POLO NOVO COLEXIO “ANTE O ELEVADO NÚMERO DE ALUMNOS POR AULA E O AUMENTO DE MATRÍCULAS”

 


Os socialistas interesaranse no pleno de Arteixo polos atrasos dos recibidos da recollida do lixo e do servizo da auga


“A toda a corporación preocúpanos o elevado número de alumnos por aula e o aumento de matrículas nos nosos colexios”. Sobre todo nos momentos actuais, a construción dun novo centro educativo en Arteixo “precisa dunha maior premura”, aseguran os socialistas. Por elo, o grupo municipal preguntará ao Goberno local no pleno deste mes por varias cuestións, comezando por se xa teñen decidida a súa localización ou se hai data para o seu inicio.

Engaden que tipo de centro se vai construír e se dará solución “unicamente ao desbordamento dos centros de infantil e primaria ou tamén se prevé que poida cubrir a sobrecarga que sofre o instituto?”.

Outra das cuestións que levarán os socialistas ao pleno deste xoves ten que ver coa situación “lamentable” do envío dos recibos da recollida de residuos e do servizo de augas. Explican no seu escrito que no caso dos da recollida de residuos sólidos urbanos, o Concello “está a cobrar o primeiro semestre do ano 2019 e, aprobado padrón –pendente de cobro- do último semestre do 2019”. No caso do servizo municipal de augas, “está aprobado e cobrado o cuarto trimestre do 2019”, e aprobado no BOP de hoxe, 25 de agosto, o padrón do primeiro trimestre.

Esta situación supón un prexuízo para comerciantes e empresas de Arteixo. “A actual normativa sobre o IVE indica que para que estas empresas poidan deducir o gasto, deben dispoñer da correspondente factura”.

Por outra banda, o Marco Conceptual do Plan Xeral Contable das empresas inclúe o principio de devengo, “unha norma contable que establece que as transaccións ou feitos económicos se deben rexistrar no momento en que ocorren, con independencia da data do seu pago ou cobro”, explican os socialistas. Engaden que o regulamento de facturación “é moi estrito cos prazos que deben cumprir as empresas. O Concello debe actuar coa mesma celeridade, contratando o persoal necesario, formándoo, e dándolle todos os medios materiais precisos” para que se poñan ao día os padróns fiscais.

21 agosto 2020

OS SOCIALISTAS RECLAMAN Á EXENCIÓN DA TAXA DO LIXO PARA OS NEGOCIOS QUE TIVERON QUE PECHAR DURANTE O ESTADO DE ALARMA

 


O grupo municipal preguntará no próximo pleno sobre as medidas de limpeza e desinfección nos centros educativos e como será o protocolo

Ante a evolución da pandemia, solicitarán que se convoque de maneira urxente a Comisión de Seguemento do Coronavirus

O grupo municipal socialista levará ao próximo pleno de Arteixo diferentes iniciativas relativas ao coronavirus como a exención da taxa da recollida do  lixo  para os negocios do municipio. Coa intención de axudar aos autónomos e pequenas empresas, os socialistas reclamarán a bonificación deste imposto para aqueles negocios que tiveron que pechar durante o estado de alarma.

“Durante ese tempo, a súa xeración de residuos sólidos urbanos foi, na práctica, nula”, expoñen desde a formación. Por elo, e posto que moitas pemes están nunha situación complicada, o grupo socialista considera que “o xusto” é que non teñan que aboar a devandita taxa.

Nunhas semanas terá lugar a volta a clase de toda a comunidade educativa. “Somos conscientes do importante papel que, para que esta volta sexa segura, van desempeñar os servizos municipais de limpeza” e recordan que será necesario aplicar medidas moi estritas que aumentará a carga laboral de dito persoal.

Por elo, os socialistas preguntarán sobre o protocolo de limpeza que se vai aplicar nos centros educativos; se as instalacións cuxa limpeza depende do Concello están desinfectadas a día de hoxe e se está previsto un aumento de persoal para garantir que se pode levar a cabo correctamente dito protocolo.

Coa intención de estar informados e poder contribuír e colaborar na contención da pandemia,  os socialistas solicitarán a convocatoria urxente da Comisión de Seguemento do Coronavirus, ante a situación actual -cando menos preocupante- na comarca da Coruña, co aumento de casos que afecta directamente a Arteixo. O grupo municipal recorda que en maio, a través desta comisión, se daba información puntual aos grupos da corporación que tamén podían participar da toma de decisión. Dada a evolución da pandemia, os socialistas consideran que é urxente contar con este órgano xa que o Concello ten importantes responsabilidades na loita contra o espallamento do virus. 

17 agosto 2020

Solicitamos a convocatoria da Comisión Municipal de Seguemento do Coronavirus


Ante o preocupante aumento de casos de Coronavirus na provincia de A Coruña, os cales afectan directamente a Arteixo debido ás interrelacións existentes a nivel social, e polos que nos encontramos fondamente preocupados, dende o Partido Socialista acabamos de solicitar ao Goberno Municipal que se reanuden as actividades da Comisión Municipal de Seguemento do Coronavirus, sen actividade dende o pasado mes de maio.

07 agosto 2020

Simón López será o voceiro do grupo municipal do PSdeG-PSOE en Arteixo


O actual secretario xeral asumirá esta responsabilidade dunha maneira “máis coral”, tal e como se ten acordado na agrupación



O actual secretario xeral do PSdeG-PSOE en Arteixo, Simón López, será o voceiro do grupo municipal socialista. López toma o relevo a Martín Seco, despois de que renunciara a súa acta de concelleiro
–seguindo os estatutos do partido- para emprender unha nova etapa política no Parlamento galego.

López estudou Ciencias Empresariais na UDC e na actualidade compaxina o seu traballo na empresa familiar coas labores de edil no Concello de Arteixo dende xuño de 2019, e de secretario xeral na agrupación socialista dende febreiro de 2018.

O socialista explica que realizará as funcións de voceiro dunha maneira “máis coral” do que viña sendo habitual, tal e como se ten acordado nos órganos de decisión da agrupación arteixá.

Dende o PSdeG-PSOE de Arteixo queren agradecer a Martín Seco o traballo desenvolto estes anos no municipio e deséxanlle a mellor das sortes nesta nova etapa política.

30 julio 2020

O PLENO ESIXE Á XUNTA QUE RETIRE E CONSENSÚE UN NOVO PROTOCOLO DA COVID PARA OS CENTROS ESCOLARES A PETICIÓN DO PSOE




·Os socialistas apoian a gratuidade da escola infantil para os segundos fillos das familias do municipio

·O grupo socialista recorda que o “Goberno permite aos Concellos con remanentes de tesourería investir máis en coidados, mobilidade, desenvolvemento sostible e cultura”




A corporación de  Arteixo aprobou hoxe por unanimidade a moción presentada polo grupo municipal socialista na que se esixe á Xunta a retirada do Protocolo de Adaptación dos centros escolares ao contexto da Covid-19 e consensúe un novo coa familias e o resto da comunidade educativa. Na mesma, se pide á Consellería de Educación a inversión suficiente en recursos humanos e materiais para asegurar a necesaria seguridade física e psicolóxica do alumnado e profesorado. Pedir á consellería a creación dun departamento de inspección, coordinación e asesoramento de centros ao igual que o hai para a Consellería de Política Social. O texto foi aprobado despois de que os socialistas aceptasen as suxestións do PP e do BNG.

Durante a sesión plenaria de hoxe, o grupo municipal do PSdeG votou a favor da modificación da ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola prestación do servizo da escola infantil, o que supón a gratuidade para os segundos fillos. O grupo socialista tamén apoiou o punto relativo ás subvencións a entidades locais mediante concorrencia competitiva para actividades e equipamentos culturais.

Respecto a moción presentada polo PP para instar ao Goberno de España a non apropiarse dos fondos municipais, o grupo municipal socialista recordoulles aos concelleiros conservadores que “o Goberno non se incauta do diñeiro dos Concellos. O Goberno finánciase sen problemas e a taxas negativas e non precisa o remanente de tesourería dos Concellos. O que fai o Goberno é permitir aos Concellos con remanentes de tesourería investir máis en coidados, mobilidade, desenvolvemento sostible e cultura”.

Os socialistas abstivéronse na presentada polo concelleiro non adscrito na que solicitaba que se arranxen os defectos estruturais das obras de urbanización da rúa Maizales, en Vilarrodís. Os concelleiros socialistas solicitaron ao Goberno local que “solucione o antes posible” estas deficiencias. “Os veciños teñen todo o dereito do mundo a non sufrir os desfalcos urbanísticos do Goberno de Manuel Pose”.