30 julio 2013

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo pide o cambio de situación da Oficina de Atención ao Consumidor de Arteixo



MOCIÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

            No último ano vivimos unha situación de empeoramento dun servizo municipal como é o de asesoramento e información ao consumidor (OMIC) no Concello de Arteixo, e todo debido ao cambio de situación da traballadora que viña desenrolando un magnífico traballo na xestión destas consultas e reclamacións dende a oficina que se situaba nun despacho do edificio de Servizos Sociais na rúa de Noia e que agora o ten que facer dende o mostrador de información, rexistro e atención ao público da Casa Consistorial, lugar onde non existe o mínimo de intimidade necesario para tal fin e cunhas instalacións desaconsellables para un traballo destas características.

            Fai xusto un ano, este grupo solicitou que se situara a esta traballadora nun lugar onde puider realizar o seu traballo do mellor xeito posible e onde se gardara o mínimo de intimidade esixible para os nosos veciños e as súas consultas ou reclamacións, pero o grupo de goberno fixo oídos xordos a dita solicitude. Dende o noso grupo preguntámonos  que pensará un cidadán que veña cunha dúbida ou reclamación importante, por algunha situación persoal de carácter privado que leve consigo a necesidade dunha xestión íntima e discreta. ¿Conseguirá facer este tipo de xestión no mostrador de atención ao público do Concello, ou sentado a beira da mesa da traballadora encargada deste servizo, que está situada no medio de moitos outros traballadores e público que se atope neste espazo do Concello?.

            Nas últimas datas atopámonos con queixas de afectados por Preferentes e Subordinadas que tiveron que pasar por este trago e non se lles permitiu manter a intimidade nun tema de especial sensibilidade social coma é o de esta estafa masiva, e isto lévanos a preguntarnos se o señor Calvelo e o concelleiro responsable deste servizo, buscarán que ninguén acuda a oficina municipal de información ao consumidor  e só mantela pola subvención que cobra da Xunta de Galicia por dito servizo, esperemos que non e que o grupo de goberno do PP, rectifique e faga do noso servizo aos consumidores un servizo de utilidade.
                       
Polo que, propoño ó pleno desta Corporación a adopción do seguinte,

ACORDO:


·         Volver a ubicar a OMIC (Oficina Municipal de Información ao Consumidor), nun despacho privado onde atender as demandas dos nosos veciños.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.