22 abril 2014

MOCIÓN SOBRE INCLUSIÓN DE CLÁUSULAS SOCIAIS NOS CONTRATOS MUNICIPAIS

Despois de ver as condicións laborais lamentables que moitas empresas contratadas pola nosa administración para obras e servizos no noso concello, faise inexcusable que aquelas obras ou servizos que se leven a cabo cos cartos de todos, garanticen unhas condicións de traballo digno para os que realicen o traballo. Esperamos e desexamos que o PP de Arteixo sexa sensible cos traballadores e que aprobe esta moción para levar a cabo logo a inclusion destas clausulas introducidas en administracións como a Deputación de Lugo con Jose Ramón Gómez Besteiro ao fronte.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:


A reforma laboral promovida polo Partido Popular en febreiro de 2012, lonxe de permitir a flexibilidade do mercado laboral e facilitar a contratación, converteuse nun incentivo o despedimento, o tempo que despoxou de dereitos laborais a traballadores e traballadoras. 

As cifras demostran como, dende que entrou en vigor a reforma laboral, o número de despedimentos aumentou significativamente, incrementándose nun 11,8 % respecto o último trimestre de 2011; neste mesmo período caeu o número de ocupados en 85.600 persoas, un 8 % menos, deuse un 6 % menos de contratos indefinidos, un aumento do 27 % de traballo a tempo parcial; etc... En definitiva, se a crise económica supuxo un aumento do número de despedimentos ante a caída do fluxo económico, a reforma laboral legalizou a redución dos custos empresariais vía traballador. 

Esta situación é especialmente grave para Galicia, onde o custe salarial é un 11 % inferior á media do Estado. O marco laboral que creou esta reforma laboral, outorgou un amplo poder ás empresas para poder modificar as condicións de traballo de xeito unilateral, levándose a cabo rebaixas salariais, aumento de traslados e, en xeral, perda nas condicións laborais.

Como é sabido, nos procesos de licitacións públicas, o prezo é certo e o servizo a prestar ou obra a acometer perfectamente definidos, polo que toda modificación nas condicións laborais só se poden explicar para aumentar os beneficios da empresa ou para enxugar as perdas por ofrecer ofertas á baixa. É por iso que dende as administracións públicas se deberan incluír cláusulas sociais que garantan a calidade do emprego das empresas adxudicatarias. Así o inspira a Directiva 2014//24/UE do Parlamento Europeo e do Consello sobre Contratación Pública, e así o vén impulsando singularmente en Galicia a Deputación de Lugo

Ademais é necesario impulsar o papel exemplar que debe neste sentido tamén adoptar a administración autonómica no eido das súas contratacións, promovendo que o volume de licitación levada a cabo garanta a creación e o mantemento de emprego en Galicia e cunhas condicións laborais adecuadas. 

A normativa autonómica, como o artigo 67 da Lei 10/2013 de inclusión social de Galicia ou o artigo 33 da Lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia, supuxeron tímidos avances neste ámbito, pero cunha visión moi limitada, circunscrita ás empresas de inserción laboral ou para as contratacións en función do seu índole social. Neste mesmo sentido, o propio Parlamento de Galicia, en maio de 2010, por unanimidade dos grupos parlamentarios, aprobou instar á Xunta de Galicia para que afondase na contratación como instrumento de loita contra a exclusión social e como medio para favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade, ao tempo que a trasladar a aplicación destas cláusulas, a través da Xunta Consultiva de contratación, ás normas ou instrucións de aplicación xeral aos seus órganos de contratación. Aínda que para tal cometido se debera contar ca participación da Cámara galega, non se recibiu dende aquela ningún documento ou informe ao respecto. 

En todo caso é necesario adoptar medidas moito máis xerais e terminantes para afondar na introdución de cláusulas sociais nos procesos de contratación, como un medio para garantir a mellora nas condicións laborais ao tempo que introducir outras consideracións para favorecer a loita contra a exclusión social.

Polo que, propoño ó pleno desta Corporación a adopción do seguinte ACORDO:

Instar ao goberno local a que inclúa unha serie de CLÁUSULAS SOCIAIS no conxunto dos procesos de licitación e adxudicación dos seus contratos:

FASE DE ADXUDICACIÓN

 1.- Incorporar como criterio de valoración o número de traballadores con contrato indefinido das empresas que presenten oferta. 

2.- Ter en conta as melloras nas condicións laborais e salariais con respecto ó  disposto no Estatuto dos Traballadores/as (ou no seu caso no convenio colectivo vixente e de aplicación) que se comprometa a empresa licitadora a aplicar ó persoal que executará o contrato. Tamén se valorará un plan de formación dos traballadores asignados ó servizo obxecto do contrato. 

 3.- Tal e como obriga a lexislación estatal e autonómica, a oferta económica puntúa moi significativamente, pero non se permitirán baixadas desproporcionadas ou anormais no prezo a costa de reducir en gastos laborais.

 4.- No caso de subrogacións de empregados, a empresa deberá asumir a totalidade do cadro de persoal e respectar os dereitos laborais que tiveran recoñecidos na súa anterior empresa, incluída a antigüidade. 

 5.- Os licitadores presentarán declaración responsable de que, de resultar adxudicatarios do contrato e durante a vixencia do mesmo, asumen a obriga de ter empregados con discapacidade cando menos nun 2% do plantel, se a empresa alcanza un número de 50 ou máis traballadores, ou de adoptar as medidas alternativas establecidas no R.D. 364/2005, de 8 de abril. 

 6.- Criterio de desempate:  Cando  exista  igualdade  nas ofertas como resultado da aplicación dos criterios que serven de base á adxudicación, serán preferidas as  empresas que no momento de acreditar a súa solvencia técnica teñan no seu plantel un número de traballadores con discapacidade superior ó 2%, nos  termos e coa orde de preferencias sinalada na Disposición adicional  4.2ª do TRLCSP. 

FASE  DE EXECUCIÓN

 1.- Incorporar como obriga contractual o emprego en réxime de igualdade mediante o desenvolvemento de plans de igualdade, plans de formación en materia de igualdade e/ou perspectiva de xénero, medidas de conciliación da vida persoal coa laboral, etc… 

2.- Establecer como condicións especiais de execución as seguintes: 

  a) A empresa deberá contar cos medios persoais descritos nos pregos durante a execución do contrato, xunto a aqueles que, a maiores dos impostos, se relacionen e detallen na oferta do licitador que resulte  adxudicatario. 

  b) A adxudicataria deberá subrogar o persoal e respectar as condicións laborais e salariais sinaladas nos pregos reitores, naqueles supostos que resulte de aplicación.  

3.- Para garantir o cumprimento dos deberes contractuais impostos ós  adxudicatarios, establecer un sistema de penalidades, aplicadas  proporcionalmente, que poden ir entre o 3% e o 10% do orzamento do contrato e a propia resolución da relación contractual ou mesmo a prohibición de contratar coa administración. 

4.-  Revisión  de  prezos: No suposto de que o convenio laboral dos traballadores sexa modificado e empeore as condicións salariais, esixir á empresa que aplique o convenio colectivo estatal de ámbito superior (estatal ou provincial). No caso de que a adxudicataria non o faga, a administración pode revisar á baixa o importe que lle achega polo contrato. 

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.