25 junio 2014

MOCIÓN DE URXENCIA QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO PARA ADOPTAR, DE MANEIRA INMEDIATA, UN “PLAN DE APOIO Á ALIMENTACIÓN INFANTIL”.



EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A longa crise económica que vimos padecendo, xunto cunha política descontrolada, por parte do Goberno de Rajoy, de recortes sociais e desmantelamento dos servizos públicos básicos e dereitos conquistados nos últimos anos, está a provocar o aumento dramático da pobreza no noso país.

Así o reflicte a  Enquisa de Condicións de Vida correspondente a 2013 que publica o Instituto Nacional de Estatística, que indica que un de cada tres cidadáns (o 27,3%) está en risco de pobreza ou exclusión social. As cifras de privación material severa, de baixa intensidade de emprego nos fogares e de pobreza relativa, tamén empeoraron.

Pero o máis grave destes datos é que o risco de pobreza afecta sobre todo aos nenos e nenas. Un recente informe da organización “Save The Children” cifraba en case tres millóns (2.826.549) as nenas e nenos en situación de pobreza. Dende o Observatorio Social de España sinalan que o noso país encabeza a lista entre os que máis aumentou a pobreza infantil nos últimos anos. En España, a porcentaxe de nenos que viven en fogares con pobreza extrema, creceu máis de 4 puntos porcentuais desde que empezou a crise, a cifra máis alta de toda a UE, só por baixo de Romanía e Bulgaria.

Os efectos da pobreza infantil son altamente prexudiciais e relaciónanse con problemas de saúde na idade adulta. O impacto da mala nutrición ou a falla de estímulos educativos en idades temperás pode ter consecuencias de difícil e custoso arranxo, comprometendo non só o futuro deses nenos e nenas, senón o de todos, diminuíndo a capacidade económica e produtiva do país.

Aínda que existe unha estreita relación entre a situación de pobreza dos nenos e o desemprego dos seus pais ou a perda de renda destes, as políticas públicas ben orientadas poden facer moito pola infancia para contrarrestar os efectos das devanditas situacións de pobreza. Como destaca o último informe da Oficina de Investigación de UNICEF sobre benestar infantil en países ricos, a experiencia acumulada e constatada di que aqueles países que en situacións de crise fixeron maior esforzo en medidas de apoio á infancia (protexer recursos educativos, sanitarios e sociais dirixidos aos nenos e as familias) saíron máis reforzados das mesmas.

A pobreza infantil fíxose máis intensa, aumentando a distancia entre as rendas dos pobres e o limiar da pobreza. Dito doutras formas, e tal como UNICEF Comité Español expuña xa en 2012, cada vez hai máis nenos e nenas pobres e cada vez son máis pobres. A propia Cruz Roxa, neste mesmo ano 2014, sinalou un aumento en 3.419  menores novos (o 5,8% máis) que a entidade atendeu este ano, e que elevan até 61.792 a cifra total de nenos asistidos pola organización

A falta de ingresos nos fogares pola profundidade da crise xa está a provocar que moitas familias teñan que acabar recortando en necesidades básicas como a comida. O déficit alimentario afecta o desenvolvemento do menor, ademais de aumentar o risco de sufrir enfermidades respiratorias e cardiovasculares, así como de infeccións. A inseguridade do risco de pobreza ten xa de seu enormes consecuencias no presente e no potencial de desenvolvemento dos nenos, sementando un xerme de desigualdade que irá presentándose no futuro desenvolvemento cara á vida adulta. 

Os servizos de comedores escolares permitiron mitigar esta realidade durante o curso escolar, pero atopámonos ante un final de curso incerto, xa que non se estableceu a redución oportuna na Ordenanza de Prezo público pola prestación de servizos socioculturais, deportivos, recreativos e outros análogos para os Campamentos de Verán que solicitou a Oposición deste concello, deixando sen a posibilidade de que os nosos rapaces con máis problemas teña a posibilidade de continuar asistindo ao comedor escolar sen ter que solicitalo ante os Servizos Sociais e sen ser informada, nin publicitada esa posibilidade 

É por todo iso que os Socialistas consideramos que este servizo directo de atención no comedor debe manterse en etapas de vacacións escolares, mediante un Plan específico do Concello e utilizar para isto os campamentos de verán que ofertamos dende a administración local.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo  solicita se someta a votación a presente MOCIÓN, e a adopción dos seguintes acordos:


  1. Instar ó Goberno Municipal a por en marcha, de xeito inmediato, un “Plan de Apoio á Alimentación Infantil" que conteña as medidas e recursos suficientes para garantir que as familias con menores ao seu cargo, que se atopen en situación de necesidade teñan cubertas as súas necesidades básicas de alimentación, e garantir o acceso dos menores, polo menos, a tres comidas diarias, e facilitar o acceso a unha dieta o máis equilibrada posible para evitar problemas de malnutrición infantil; habilitando para iso todos os medios a disposición das administracións públicas, en colaboración coas entidades do terceiro sector, e tendo en conta a contorna familiar e o plan escolar.
  2. Instar ó Goberno Municipal a fin de que este plan inclúa os mecanismos e actuacións necesarias para que, de xeito urxente se troque a Ordenanza de Prezo público pola prestación de servizos socioculturais, deportivos, recreativos e outros análogos para que os Campamentos de Verán deste Concello teñan as reducións de prezos oportunas, chegando a gratuidade, en situacións de emerxencia e facer pública a posibilidade de acudir ao comedor destes campamentos de verán de xeito reducido ou gratuíto entre os cidadáns deste concello. 


No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.