18 agosto 2014

Martín Seco García (Sº Xeral e Voceiro do PSdeG-PSOE en Arteixo): “Esixo do goberno local que troque a súa folla de ruta e avale a decisión tomada polos 8 colectivos veciñais, convocando en horario de tarde a todos os partidos e colectivos afectados a unha reunión urxente, para falar do acceso ferroviario a Punta Langosteira e as medidas a adoptar dende a nosa administración local”


Dende o PSdeG-PSOE esiximos que o alcalde Calvelo adapte a súa folla de ruta á solicitude feita por todas as asociacións veciñais afectadas polas obras do acceso ferroviario ao Porto Exterior de Punta Langosteira, convocando de urxencia, esta semana que ven, a todos os partidos políticos e asociacións afectadas, a unha reunión en horario de tarde para tratar cales son as medidas a tratar dende a nosa administración ante o estudio feito público polo Ministerio de Fomento gobernado polo Partido Popular.

Non entendemos porque o alcalde decide continuar coa súa propia folla de ruta, reuníndose individual e discriminadamente con quen quere, e dándolle as costas á solicitude feita polos colectivos afectados, excepto que non conte con nós para elaborar as alegacións a dito proxecto e que trate só de que avalemos as iniciativas que tomen eles individualmente ante un problema que xerou o seu partido dende o goberno de Madrid, o que si anunciamos é que o noso grupo non asistirá a ningunha reunión co goberno municipal, como pretende o señor alcalde, se non é coa participación dos colectivos sociais que participaron o outro día na reunión de Uxes e esiximos que sexan os propios funcionarios do noso concello os que elaboren as alegacións ao proxecto de Fomento, seguindo os criterios que saian de dita reunión e non os encargos sesgados dun único partido político. 

A política hai que facela cóbado con cóbado coa veciñanza e contando coa colaboración dos colectivos que traballan polo desenvolvemento da nosa sociedade e non facela ás costas destes, evitando informar e dar participación aos verdadeiros afectados polas nosas decisións. Dende o noso grupo non temos dúbidas de a quen se debe convocar para participar activamente nesta toma de decisións e saben que contan co noso apoio para que o concello faga unhas alegacións boas para o noso territorio e a nosa calidade de vida.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.