19 agosto 2014

MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO INSTANDO AO GOBERNO DE ESPAÑA A ESTENDER O SUBSIDIO POR DESEMPREGO ÁS PERSOAS EN SITUACIÓN DE DESEMPREGO DE LONGA DURACIÓN QUE CAREZAN DE INGRESOS E TEÑAN RESPONSABILIDADES FAMILIARES, ASÍ COMO A OUTROS COLECTIVOS CON DIFICULTADES ESPECÍFICAS DE INSERCIÓN


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A longa duración da crise, xunto a un sistema de protección por desemprego non previsto para ciclos desta duración, fai que a protección das persoas desempregadas e das súas familias día a día váiase esgotando.
Segundo a Enquisa de Poboación Activa do segundo trimestre de 2014, hai 5.616.011 persoas en situación de desemprego, das cales só 1.773.573 perciben algún tipo de prestación. O artigo 35.1 da Constitución consagra o dereito e a obriga de traballar ao establecer que "todos os españois teñen o deber de traballar e o dereito ao traballo, á libre elección de profesión ou oficio, á promoción a través do traballo e a unha remuneración suficiente para satisfacer as súas necesidades e as da súa familia, sen que en ningún caso poida facerse discriminación por razón de sexo". 

Para as persoas desempregadas que, malia a súa vontade, se ven impedidas de poder exercer o dereito constitucional ao traballo, o artigo 41 da Constitución dispón que "Os poderes públicos manterán un réxime público de Seguridade Social para todos os cidadáns, que garanta a asistencia e prestacións sociais abondo ante situacións de necesidade, especialmente en caso de desemprego. "

Segundo a Enquisa de Poboación Activa referida, hai 3.842.438 persoas desempregadas que carecen de todo tipo de protección. A estas persoas, ademais do dereito ao traballo, tamén se lles conculca o dereito á súa protección en caso de desemprego.

Esta situación supón unha grave inxustiza social, máis aínda cando sabemos que moitas delas son persoas en desemprego de longa duración con responsabilidades e sen ningún tipo de ingreso económico. Segundo a Enquisa de Poboación Activa mencionada, máis de 740.000 familias teñen a todos os seus membros no paro e carecen de todo tipo de ingresos. Conculcar o dereito constitucional á protección por desemprego está a provocar, ademais, que esta pobreza tan severa e sobrevida a estean a padecer de forma moi directa os nenos e nenas cos seus proxenitores no paro. Os organismos internacionais como UNICEF estima en máis de 2 millóns o número de nenos e nenas españois en situación de pobreza.

A situación de necesidade de todas estas familias está causada pola súa situación de desemprego. De aí que os poderes públicos, de acordo co inequívoco mandato do art.º 41 da Constitución, deban garantir a asistencia e prestacións sociais abondo ante a situación de desemprego.

Levamos máis de seis anos de profunda crise e, segundo as previsións de organismos internacionais e do propio Goberno, nin tan sequera en 2017 se terá recuperado o volume de emprego existente en 2011. Segundo as persoas expertas neste ámbito, coas políticas actuais, tardarase unha década en recuperar os niveis de emprego anteriores á crise.

No que vai de ano, o gasto en prestacións diminuíu en 2.236 millóns de euros sobre o ano pasado. Xa son plenamente eficaces os graves recortes que o Goberno asestou á protección por desemprego a través do Real Decreto Lei 20/2012, de 13 de xullo, e do Real Decreto Lei 23/2012, do 23 de agosto. A cobertura por desemprego apenas alcanza un 58 por cento das persoas desempregadas inscritas nas oficinas de emprego. Se continuamos coa mesma dinámica, ao final de ano o gasto en protección por desemprego será 6.000 millóns menos que en 2013. Todo iso a pesar de que a cifra de persoas en desemprego de longa duración e de familias con todos os seus membros no paro continúa en niveis intolerables. 

Agora ben, ademais destas persoas, tamén hai outros colectivos especialmente vulnerables que sofren a desprotección e teñen serias dificultades para encontrar emprego. Son as mulleres vítimas de violencia, as persoas con minusvalía e as persoas maiores de 45 anos que, unha vez que esgotaron a Renda Activa de Inserción, non teñen acceso a ningunha prestación.

O Grupo Socialista, a través desta Proposición non de Lei, e en consonancia co acordo alcanzado coas Organizacións Sindicais UGT e CC.OO. na Mesa de Diálogo Social que por fin abriu o Goberno, insta a este a ampliar a protección por desemprego, a través do subsidio por desemprego, regulado na Lei da Seguridade Social, aprobada por Real Decreto Lexislativo 1/1994, do 20 de xuño (LGSS).

Trátase dunha extensión da protección por desemprego no seu nivel asistencial ante as novas situacións de necesidade que creou esta profunda e prolongada crise.

A través desta Proposición non de Lei esíxese que se garanta o dereito constitucional a unha protección por desemprego mediante o acceso ao subsidio por desemprego a todas as persoas que leven máis dun ano inscritas como paradas, sempre que teñan responsabilidades familiares e carezan de ingresos. E tamén se estende ás vítimas de violencia de xénero, ás persoas con minusvalía e ás persoas maiores de 45 anos que tivesen esgotado a Renda Activa de Inserción, dada a súa especial vulnerabilidade e dificultades de inserción.

O subsidio concederase por un período de 6 meses, prorrogables de forma sucesiva mentres a persoa desempregada continúe en situación legal de desemprego. Este mecanismo de protección manterase ata que a taxa de desemprego estea por debaixo do 15 por cento.

A contía deste subsidio será igual ao 80 por cento do Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples Mensual (IPREM), vixente en cada momento, na actualidade 426 euros mensuais. Dado que este subsidio non está vinculado a anteriores cotizacións senón á carencia de rendas superiores ao 75 por cento do SMI, a súa contía percibirase na súa totalidade pola persoa desempregada aínda que na súa orixe se tratase dun desemprego por perda dun traballo a tempo parcial. Á súa vez, a contía do subsidio incrementarase en función das responsabilidades familiares da persoa beneficiaria seguindo os criterios establecidos no artigo 217.2 LGSS, con independencia da súa idade. Agora ben, a devandita contía aumentarase en cen euros cando houbese fillos ou fillas menores de idade.

Tamén instamos ao Goberno a que financie a contratación de técnicos e técnicas de emprego polos Servizos Públicos de Emprego, co fin de reforzar a atención individualizada, e así facilitar a incorporación ao emprego das persoas en desemprego de longa duración, dadas as súas dificultades de inserción.

Estas medidas debe adoptalas o Goberno de forma inmediata e con carácter de urxencia, pois neste caso é indiscutible a situación de urxente necesidade que sofren as persoas en desemprego con responsabilidades familiares. 

Agora que o Goberno anuncia o cambio de conxuntura económica non é posible deixar as principais vítimas da crise en desamparo, coma unha xeración esquecida.

É necesario dedicar unha atención especial a todas aquelas persoas que están a sufrir a traxedia do desemprego e desenvolver políticas de protección e de activación da súa empregabilidade.

As medidas que propoñemos poderían alcanzar máis dun millón de persoas paradas, na súa maioría con responsabilidades familiares, que nestes momentos non teñen ningún tipo de ingreso.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo somete a votación a seguinte MOCIÓN na que se insta ao Goberno de España a:

1. Modificar, de forma inmediata e con carácter urxente, o Texto Refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, para que, a partir do 1 de agosto de 2014, se amplíe a protección por desemprego no seu nivel a asistencial a todas as persoas desempregadas que leven inscritas nos Servizos Públicos de Emprego máis dun ano, teñan responsabilidades familiares e cumpran os requisitos de carencia de rendas. 

2. Non obstante o establecido no apartado anterior, este subsidio tamén se estenderá ás mulleres que tivesen acreditado a condición de vítima de violencia de xénero, a aquelas persoas que acrediten unha minusvalía en grao igual ou superior ao 33 por cento, ou teñan recoñecida unha incapacidade que supoña unha diminución na súa capacidade laboral da porcentaxe anteriormente indicada, e ás persoas paradas maiores de 45 anos, cando esgotasen a Renda Activa de Inserción ou se encontrasen dentro dos 365 días naturais anteriores á data da solicitude do dereito á admisión ao devandito Programa.

Este subsidio concederase por un período de 6 meses, prorrogables de forma sucesiva mentres a persoa desempregada continúe en situación legal de desemprego. Este mecanismo de protección manterase ata que a taxa de desemprego estea por debaixo do 15 por cento.

A contía deste subsidio será igual ao 80 por cento do Indicador Público de Rendas de Efectos Múltiples mensual vixente en cada momento. Esta contía percibirase na súa totalidade pola persoa desempregada aínda que na súa orixe se tratase dun desemprego por perda dun traballo a tempo parcial. Á súa vez, a contía do subsidio incrementarase en función das responsabilidades familiares da persoa beneficiaria seguindo os criterios establecidos no artigo 217.2 LGSS, con independencia da súa idade. Cando as responsabilidades familiares alcanzasen a menores de idade, esta contía incrementarase en 100 euros por menor. A incorporación a este subsidio non estará condicionada a ter esgotado anteriormente algunha prestación contributiva ou asistencial, senón exclusivamente aos requisitos esixidos na propia definición de cada colectivo.

3. O Goberno implementar de xeito inmediato coas Comunidades Autónomas e os interlocutores sociais un Plan de emprego específico para as persoas en desemprego de longa duración.

4. Este Plan incluirá, en todo caso, o aumento da dotación dos Servizos Públicos de Emprego con novos técnicos e técnicas de emprego para a atención individualizada das persoas en desemprego de longa duración que, como mínimo, deberá alcanzar as 3.000 persoas expertas en orientación e promoción de emprego.

No hay comentarios :

Publicar un comentario

¡Animamoste a comentar! Se deixas algunha forma de contactar contigo, poderemos responder.